- Opinión /
- A Peneira /
- Viva Galiza Ceibe e Republicana!
Viva Galiza Ceibe e Republicana!
14 de April del 2014
http://www.apeneiradixital.com/viva-galiza-ceibe-e-republicana/
O 14 de abril cúmprense 83 anos da proclamación da IIª República Española. Durante tres anos, a nova República, presidida por Alcalá Zamora e con Azaña como xefe do goberno, intentou sentar as bases dun Estado democrático en cuxo marco quedarán garantidas as autonomías das comunidades nacionais (Catalunya, Euskadi e Galiza), a separación da Igrexa e o Estado e un amplísimo programa de reformas e, por mor do devandito programa, estableceu por primeira vez na historia un sistema autenticamente democrático en todos os eidos, incluíndo a propia Xefatura do Estado, logrouse o voto feminino, botouse a andar a necesaria reforma agraria, a extensión da educación universal, a laicidade das institucións públicas e a democratización do Exército.
Grandes políticos tomaron parte neste intento por modernizar o Estado español. Intelectuais como Salvador de Madariaga, Novoa Santos, Rodríguez Cadarso, Otero Pedrayo, Daniel Castelao…van desempeñar un papel relevante nas Cortes republicanas. Tamén hai que salientar políticos como Julián Besteiro, Indalecio Prieto, Francisco Largo Caballero, Juan Negrín, Francesc Maciá, Lluis Compañys, Federica Montseny, Dolores Ibárruri “Pasionaria”… Outras figuras, como Casares Quiroga, Portela Valladares, Barcia Trelles ou González López alcanzarán, tamén, gran protagonismo nos gobernos republicanos. Asemade hai que salientar as figuras de Ramón Suarez Picallo e Alexandre Bóveda.
Unha das grandes novidades que trouxo a República foi a modernización cultural do país sobre todo no que atinxe ao equipamento educativo. Non esquezamos que o 11 de agosto de 1933 comezou a Misión Pedagóxica de Galiza, dirixida por Rafael Dieste; unha viaxe por terras galegas que duraría seis meses e que percorreu a meirande parte das comarcas galegas. Entre 1931 e 1936, o labor deste inxente esforzo educativo chegou a preto de sete mil vilas e aldeas. Moitas das misións, escolas e bibliotecas ambulantes víronse reforzadas cunha masiva dotación de mestres e educadores voluntarios, que formaron unha hoste de propagación do ideario republicano, socialista, anarquista, e galeguista. Ademais, como salienta Ramón Villares na súa Breve Historia de Galicia, “nalgunhas vilas como Noia, Ribadeo ou Vilalba abríronse centros de ensino medio e na Universidade compostelá, unha nova xeración de estudantes, vinculada a FUE e a organizacións galeguistas, alentou a galeguización da universidade”. Pero o dobre acoso a que se viu sometida por determinadas organizacións radicalizadas que pedían reformas revolucionarias e inmediatas, e por determinados sectores inmobilistas, conservadores e mesmo reaccionarios e contrarrevolucionarios (chegando a producirse algún levantamento como o de Sanjurjo en 1932), xunto cun grande anticlericalismo, co que simpatizaba un importante sector da sociedade española, e a lentitude de determinadas reformas sociais, dificultou a consolidación do réxime republicano e, nas eleccións de novembro de 1933, os partidos de centro dereita (nucleados ao redor da C.E.D.A) obtiveron unha rotunda maioría. A viraxe cara á dereita que deu o novo goberno durante aquel bienio negro, coa anulación de moitas medidas da etapa anterior, provocou sublevacións en Asturias e Catalunya (outubro de 1934), cuxa represión veu representar o primeiro acto do xigantesco drama que se iniciaría o 18 de xullo de 1936. Os sectores máis reaccionarios non aceptaron o rumbo que tomaba o Estado español e tampouco as reformas que pretendían acabar con determinados prerrogativas dos devanditos sectores privilexiados. As capas adiñeiradas e privilexiadas da sociedade puxeron todo o seu empeño para facer fracasar a República e terminaron impulsando e apoiando unha insurrección militar que provocou unha sanguenta guerra civil, e que acabou nunha terríbel ditadura que durou 40 anos. Antes da morte do ditador comezouse a xestar a Transición e bosquexouse un sistema parlamentario que en virtude da Lei de Sucesión na Xefatura do Estado do 26 de xullo de 1947, proporía a Juan Carlos como sucesor de Franco a título de rei, proposta ratificada polas Cortes Españolas en xullo de 1969, perante as que o novo príncipe prestaría xuramento de gardar e facer gardar as Leis Fundamentais do Reino e os principios do Movemento Nacional, é dicer, o ideario franquista. Xa que logo, non houbo ruptura democrática e por iso existiu certa continuidade entre o aparato da ditadura e a monarquía parlamentaria que a sucedeu. Por iso aqueles que seguimos crendo nos ideais republicanos non podemos renunciar á nosa aspiración de ver nacer en Galiza e no conxunto do Estado español un novo proceso constituínte que conduza á instauración dunha IIIª República, que abra a posibilidade da autodeterminación de Galiza e, se fose posíbel, dunha Confederación de Repúblicas (incluíndo a Portugal).
O 14 de abril é un bo día para pendurar, das varandas dos nosos balcóns, unha bandeira tricolor xunto á bandeira galega; para cantar o Himno Galego e o Himno del Riego e para participar nalgunha das manifestacións que teñen lugar nas principais cidades e vilas de Galiza nas que podemos escoitar e berrar: Viva a República! Viva Galiza Ceibe e Republicana!.
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com