Vigo e o urbanismo cálido
26 de March del 2015
Opino que habitamos unha cidade mercantilizada na que os usos do espazo público privatizáronse. Porén, entendo que Vigo debería impulsar outro tipo de urbanismo que tivese en conta outros usos do espazo público e que nacese dun xeito menos impositivo. Opino que resulta urxente artellar outro xeito de construír a nosa cidade que estea máis atenta ao benestar da cidadanía viguesa. O desenvolvemento urbano de Vigo debería ser menos indiferente á vontade colectiva. Debería ser un urbanismo cálido. Humanizar non debería consistir en ateigar a cidade de lousas e baldosas por todos os recantos. Debemos ser conscientes de que toda formulación urbana afecta ao noso quefacer cotiá. Resulta importante suscitar proxectos que se fagan desde a cidadanía aínda que sen descartar a colaboración da administración e que poñan en xogo outras perspectivas como son os sentimentos cidadáns, o coidado do espazo e o seu relato nas prácticas domésticas de cada vigués. Os recursos dos que dispomos non son só materiais e económicos, senón que tamén existen outros capitais como son o afectivo, o da saúde ou o da sostibilidade. Opino que é necesario transformar os espazos públicos, reactivar os solares baleiros, incrementar a mobilidade, ampliar a cultura colaborativa, mellorar a salubridade de determinadas áreas periféricas, potenciar a economía responsábel ou a educación ambiental. Todas as persoas de Vigo deberían ter dereito á cidade sen discriminacións de ningún tipo. Sería fundamental preservar a memoria histórica de Vigo e a súa identidade cultural. Vigo abrangue un espazo colectivo culturalmente rico e diversificado, posto que pertence a todos os seus habitantes. Todos os vigueses e viguesas teñen dereito a participar na propiedade do territorio urbano, xa que os espazos e bens públicos e privados da urbe deben utilizarse dando prioridade ao interese social, cultural e ambiental. Vigo deben ser un ámbito de realización de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais, porén debería recoñecerse unha protección especial a grupos e persoas en situación vulnerábel. Debería impulsarse unha economía solidaria. O concello de Vigo debería adoptar medidas efectivas para lograr de xeito progresivo a plena efectividade dos dereitos económicos, sociais, culturais e ambientais de toda a cidadanía viguesa. E para logralo non basta con ornamentos nin con decorados de cartón pedra. Non se trata ornamentar para ocultar a cidade real. A fría pedra non pode paliar a angustia dos miles de parados e paradas que esperan unha axuda de emerxencia. Vigo necesita un urbanismo máis humano, máis cálido.
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com