Vigo e a Illa decepción
17 de March del 2015
Decepción é unha illa integrada no arquipélago das Shetland do Sur, no noroeste da Antártica. O seu nome débese a unha lenda que fala do sentimento de decepción provocado no seu momento pola crenza de que existían fabulosos tesouros de piratas e bucaneiros que, unha vez alí, non apareceron nunca.
Vigo non é esa illa e a súa cidadanía non busca tesouros, pero moitos teñen un sentimento de insatisfacción xurdido ao non cumprirse as súas expectativas de futuro, se é que nalgún momento as tiveron.
Moitos vigueses e viguesas humildes deambulan polas rúas da cidade e observan numerosos letreiros que din: «vivimos nunha cidade fermosa», porén ao ser pobres as súas emocións primarias xeran sorpresa e mágoa. Entrementres descobren perplexos como a cuñada de dona Carmela Silva, parella política e primeira tenente de alcalde de Abel Caballero, gozou dun soldo sen ter que achegarse ao seu posto de traballo. A «fermosura» non é vivida do mesmo xeito por todos, xa que mentres uns non teñen que esforzarse nada e perciben o seu salario sen ter que madrugar, outros sofren un retraso intolerábel na resolución e concesión das axudas sociais de emerxencia, que moitas veces nin sequera acaban chegando.
Pasear por rúas prodixiosamente empedradas non axuda moito cando quedas sen traballo, es desafiuzado da túa casa ou pasas fame e frío. Moita xente de Vigo coñece demasiado ben esas sistuacións como para permitir que un alcalde se ría deles e rexeite dar explicacións sobre os presuntos enchufes no Concello.
Vigo non é unha illa pero os parados que esperasen algún emprego xerado por tantas obras e humanizacións si que deben estar moi decepcionados. Porque o tesouro non aparece.
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com