TV de calidade

8 de August del 2010

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/tv-calidade/idEdicion-2010-08-08/idNoticia-577416/

A televisión como dispositivo de información de masas e mecanismo de propagación de ideas recibe moi poucas críticas en comparación co formidable poder do que dispón para autopromocionarse. Estou convencido de que a televisión, mentres desartella os tecidos naturais de relación social, despraza as inquedanzas ao espazo virtual e agocha a deterioración do espazo real e á súa vez consegue acelerar a concentración de poder sobre a realidade mesma.

Como conclúe Pierre Bourdieu no seu libro Sobre a televisión, o mundo da información [televisiva] constitúe unha peneira deformadora da realidade, á que reduce aos esquemas que lle son convenientes para satisfacer as súas necesidades de audiencias masivas. Malia as exiguas críticas que sobre os medios audiovisuais se difunden hai algunhas que adoitan concentrarse na desenvoltura coa que se pode consumar unha manipulación partidista.

Preocúpame moito a falta de calidade da súa programación, a embrutecedora acción dos contidos e a trivialidade da maioría das propostas. Tamén me parece perniciosa a súa influencia sobre os nenos pola súa forte carga violenta e machista. É evidente que a linguaxe televisiva é unha linguaxe figurativa, pero non conceptual. Apela aos sentidos, ás emocións, pero non existe unha relación estreita coa actividade mental elevada ao contrario do que sucede coa linguaxe verbal (radios) e coa literatura escrita (xornais, libros...). O pensamento, nos seus estratos máis elevados, opera con esquemas mentais abstractos e non con imaxes que dalgún xeito puidesen chegar a constituír un estorbo para a comprensión crítica da realidade.

A televisión é eficaz para suprimir millóns de interactuacións entre as persoas e todo o que estas producen: coñecemento, linguaxe, comunicación, estruturas de relación, afecto, contacto, conflito, creación, organización social e poder. Paréceme urxente que se leve adiante unha maior democratización das súas estruturas. Outro aspecto que habería que abordar é o da autocensura ética dalgún dos seus contidos. Cómpre unha entusiasta apelación á elaboración de contidos e programas de calidade. Debe xogar un papel de artefacto de educación de masas e servir para abolir o concepto de pensamento único para que agrome unha nova conciencia colectiva lonxe de adoutrinamentos. Podería ser unha fabulosa ferramenta de cambio social e tería que ser utilizada polos gobernos de esquerdas para crebar a hexemonía ideolóxica dos sectores dominantes e ir construíndo un novo pensamento alternativo. Velaí o camiño para unha televisión humanizadora e ao servizo da cidadanía.