Televisión lobotomizada

7 de March del 2011

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/television-lobotomizada/idEdicion-2011-03-07/idNoticia-646518/

Hai xa algún tempo puiden ver nos Multicines Norte en Vigo unha interesante película alemá titulada Un Xogo de Intelixencia (Free Rainer), do director Hans Weingartner. A longametraxe conta a historia dun produtor de televisión chamado Rainer que é un home de éxito que o ten todo: un soldo estupendo, un luxoso ático, un coche espectacular e unha noiva máis espectacular, aínda que tamén ten algún problema, como a súa adicción á cocaína. Aos seus trinta e tantos anos chegou á cima da súa profesión creando uns programas de televisión moi vulgares e panocos. O seu último triunfo foi un concurso no que un home podía conseguir o premio de ser pai dun neno, se o seu espermatozoide gañaba unha carreira microscópica para fecundar un óvulo. Un día, Pegah, unha misteriosa muller, arremete co seu vehículo a toda velocidade, o automóbil de Rainer. Tras sufrir unha experiencia próxima á morte, en Rainer opérase un gran cambio e decide producir un sisudo magacín de actualidade para a franxa horaria estelar da súa emisora. Afundido polos baixos índices de audiencia obtidos, deixa o seu traballo e decide investigar o sistema de medición de audiencia que mantén nos máis altos postos a programas que son un insulto para a intelixencia. Determinado a loitar contra o embrutecemento da sociedade que xera a televisión, Rainer e uns novos amigos traman un enxeñoso e complicado plan para que o público se interese por programas culturais e de calidade.

Refírome á devandita película porque estou convencido de que a xente se sorprendería se soubese como se realizan as estimacións de audiencias. O dato case asusta: só 4.500 familias representan a todos os espectadores españois. E deste xeito xunto a esas estimacións nesgadas para analizar o potencial mercado ao que van dirixidos os futuros produtos televisivos deséñanse as novas programacións polas direccións das cadeas e obtense como resultado uns contidos de escasa calidade e ao servizo dunha tecnoloxía de control e uniformización social que consegue a implantación de imaxes no cerebro de cada un dos cidadáns que conforman a nosa alienada sociedade. As elites dominantes saben que a TV permite (como afirma Fernando Cembranos Díaz) "falar directamente ao interior da mente de millóns de persoas e depositar nela imaxes (que dificilmente se poden modificar) capaces de lograr que a xente faga o que doutro xeito nunca pensase facer". 

O telelixo é unha manifestación desa televisión alleante que se materializa en programas como Operación Triunfo, Gran Hermano, Sálvame, La Noria e outras moitas bazofias que alagan as pantallas dos telespectadores. Esa forma de televisión xera personaxes como Ana Rosa Quintana. Esta muller foi noticia hai uns días porque a maxistrada titular do Xulgado de Instrución nº 43 de Madrid abriu dilixencias de investigación para desentrañar a actuación dos responsables de Telecinco e do seu programa polo modo e forma en que Isabel García -a esposa de Santiago del Valle (o presunto asasino da nena Mari Luz Cortés)- foi manexada e conducida de Sevilla a Madrid e con posterioridade a dependencias policiais. A muller, con certo grao de atraso mental, foi manipulada e coaccionada co obxectivo de obter unha exclusiva melodramática. Estamos ante unha concepción da televisión baseada na utilización do morbo, o sensacionalismo e o escándalo como estratexias de atracción das audiencias. Resulta completamente inadmisible a utilización das desgrazas alleas co obxectivo de servir un cóctel lacrimóxeno, asombroso, rechamante, efectista e escandaloso. Coa telelixo enfrontámonos cun fenómeno social complexo asociado a grandes compañías que fundamentan a súa existencia na obtención de lucro e a creación de produtos visuais tendenciosos e alleantes. Detrás dos medios de comunicación que elaboran estas porcalladas mediáticas existen intereses, poderes e modelos sociais e ideolóxicos. Por todo o exposto desexo manifestar o meu rexeitamento e preocupación ante o telelixo. Estimo que sería conveniente que os poderes públicos establecesen garantías para un maior control cidadán dos medios privados, e para iso paréceme urxente a elaboración dun código ético e que se artellen mecanismos para a regulamentación dos contidos de devanditas canles de televisión así como a constitución dun Consello Superior dos Medios Audiovisuais que peneire e hixienice os contidos prexudiciais e garanta a produción dunha televisión aceptable e que se ateña a uns parámetros de calidade tolerables.