Soidade

12 de June del 2011

Ao meu irmán Xosé Agostiño,

na memoria

 

A soidade é o imperio da conciencia.

Gustavo Adolfo Bécquer

 

O corredor de fondo perde o alento/ fuxindo dunha vida inzada de renuncias/ da súa liturxia obesa e oleosa,/ mediocre nos seus comunais fracasos,/ bágoas de xeo, indignación contida/ non deu chegado a tempo de exercer/ a súa rebelión,/ nin de levar a cabo/ a súa vinganza definitiva/ contra un mundo inxusto, homicida e cruel,/ pola inutilidade da súa propia vida/ solitario, enfermo e fatigado (...)

Lois Pereiro

 

As nosas soidades/ veñen de tan lonxe/ como as horas do reloxo.

Manuel Antonio

 

Sentes consternación ao ollar este mar plano,/ este mar calmo,/ que terribelmente semella anunciar:/ Verrà la morte e avrà i tuoi occhi,/ mirada fusca da alta esperanza.

Agostiño Lomba

 

Hai uns días tiven a oportunidade de ler unha reportaxe nunha revista de xeografía descritiva sobre a illa da Soidade, que é un illote deshabitado localizado no Ártico, no corazón do mar de Kara. A devandita illa posúe uns dezaoito quilómetros e medio de longo e a súa extensión é duns douscentos quilómetros cadrados. Aínda que non sexa un illote chairo, a súa altura non excede os trinta metros sobre o nivel do mar. Administrativamente, a illa da Soidade pertence ao Krai de Krasnoyarsk da Federación de Rusia. Esta illa foi descuberta en 1878 polo capitán noruegués Edvard Holm Johannesen de Tromsø que lle deu o poético nome de Soidade por mor da súa situación solitaria e moi illada, lonxe de toda terra nun mar remoto e desolador.

Entrementres lía o texto da reportaxe imaxinaba unha enigmática illa esbrancuxada no medio da inmensidade azul. Fantasiaba cunha paisaxe desértica e mais eu illado, camiñando só, no medio da nada. Esa illa trasladoume a un universo de retiro, illamento, confinamento, reclusión, clausura e ata retraemento. Mais tamén achegoume á sensación de desterro, desarraigamento ou exilio.

Comecei a pensar no motivo que leva a alguén a converterse nun ser solitario, a ser un eremita. Que empurra a unha persoa a vagar en solitario polos camiños como un vagabundo nómade e errante. Pensei, durante uns segundos, nos santóns ermitáns que rubían a un esteo a meditar na procura da aproximación ao infinito. Imaxineime empolicado a unha pilastra altísima tocando as nubes -como o Simón do deserto, de Buñuel- e deixándome invadir pola inmensidade en compañía dun ceo totalizador. Esa crónica xeográfica axudou a achegarme á orixe dese contexto de recollemento e a meditar sobre as diferentes causas que conducen a esa situación.

Moitas veces a soidade é procurada polo propio suxeito. É a propia elección do individuo a que o conduce a ser un anacoreta. Outras veces é algo que vén dado e que resulta desagradable. Penso naqueles pobres desgraciados que pasan por un transo de radical soidade forzosa derivada dunha enfermidade contaxiosa. Tamén evoco eses seres inadaptados e con costumes socialmente non aceptados. Resucito esoutros individuos que están marcados polo escenario social no que se moven ou o contexto laboral que padecen. É horrible estar só cando desexas estar acompañado, porén que bendición alcanzar a paz e a harmonía cando consegues librarte do xentío e logras relaxarte e meditar en calquera recanto solitario da costa, lonxe da cidade. A soidade durante períodos curtos, ou ata prolongados, é ás veces valorada como un momento no que ocuparse, traballar, cavilar ou repousar sen ser desconcentrado nin distraído por ninguén.

Namentres escribía este artigo viña á miña mente a imaxe do cadro O berro do pintor expresionista noruegués Edvard Munch e a súa particular visión da vida, da indefensión e da soidade humana. O berro é abundante en cores avermelladas de fondo, tons escuros e a figura principal é unha persoa aparentemente sen cabelo nun carreiro con valos que se perde de vista fóra da escena. Esta figura está berrando, cunha expresión de desesperación. No fondo, case fóra de escena, nótanse dúas figuras con chapeu que non se poden distinguir. O ceo parece fluído e arremuiñado, de cores avermelladas cambiantes, igual de arremuiñado que o resto do fondo. A orixe da inspiración para O berro podería acharse, quizais, na angustiada e inquietante existencia do artista, un individuo influído por unha educación severa, rigorosa e ata ríxida. Munch presenciou a morte da súa nai e dunha irmá. Na década de 1890, a Laura, a súa irmá favorita, diagnosticáronlle unha doenza bipolar e foi internada nun psiquiátrico. O estado anímico do artista queda reflectido nestas liñas, que Munch escribe no seu diario cara ó ano 1892: "Paseaba por un carreiro con dous amigos -o sol púxose- de súpeto o ceo tinguiuse de vermello sangue, detívenme e apoieime nun valo morto de cansazo -sangue e linguas de lume axexaban sobre o azul escuro do fiorde e da cidade- os meus amigos continuaron e eu quedei quedo, tremendo de ansiedade, sentín un berro infinito que atravesaba a natureza".

Logo de ler as liñas escritas por Munch foi cando concibín claramente a esencia da soidade existencial. Ese pesar e melancolía que sentimos pola ausencia, morte ou perda de alguén ou de algo, e ata pola impotencia para facer fronte á propia existencia.

Pechei os ollos e escoitei un berro intenso emitido desde algún recanto da illa da soidade e estremecinme...