REALMENTE PUIDERON?

1 de May del 2017

(Resposta ao artigo de opinión de Xosé Mexuto – Director do Diario Dixital SERMOS GALIZA)

Veño de ler o artigo de Xosé Mexuto publicado no xornal SERMOS GALIZA con data 18 de abril de 2017 e ao fio dalgunhas das súas afirmacións gustaríame facer unhas cantas puntualizacións.

Di Mexuto que “a moción de censura que anuncia agora PODEMOS -e que apoia En Marea- vén moito a destempo” e logo engade que o momento de artellar un goberno alternativo a Rajoy foi “hai máis dun ano no Congreso dos Deputados, cando se formalizou a sesión de investidura de Pedro Sánchez após alcanzar un acordo con Ciudadanos”.

Opino que erra profundamente o asinante deste artigo tan tendencioso e carente de calquera rigor e fiabilidade intelectual.

Todo o mundo sabe que foi o PSOE quen bloqueou desde o principo calquera clase de pacto con PODEMOS e non é unha afirmación miña. Un coñecido membro do PSOE, José Antonio Pérez Tapias, asegurou que “no Comité Federal do 28 de decembro de 2015 se partía da premisa de que PODEMOS era un partido independentista” para evitar dese xeito "tender pontes" e abortar calquera intento de configuración dun goberno alternativo a Rajoy. E nesas mesmas declaracións Pérez Tapias engadía que “dábase a entender que PODEMOS era un partido independentista que propiciaba un proceso de secesión, e esas eran premisas un tanto falaces sobre as que, ademais, trazábase un valado na negociación con PODEMOS”.

Por que a moción de censura de PODEMOS sentou tan mal ao Sr. Xosé Mexuto e sobre todo aos dirixentes do PSOE? Entendo que o tipo de descualificacións que sosteñen os críticos á moción de censura dannos a resposta a esta pregunta. Acusan a PODEMOS de facer as cousas a destempo, de volúbel, de superficial, mesmo de frívolo, de crebar as regras do xogo democrático, de que a moción vai fortalecer a Rajoy. Ou sexa, máis ou menos, o mesmo que din cada vez que PODEMOS fai calquera cousa diferente ao resto de formacións políticas.

Estou convencido de que os últimos acontecementos ao redor da corrupción do PP xeraron unha situación de gran alarma social e xa que logo a normalidade política tense deteriorado gravemente. Porque máis aló das revelacións sobre as detencións de altos cargos do Partido Popular, saíu á luz un formidábel e evidente intento de manipulación da xustiza por parte do Goberno que non fixo senón confirmar e agrandar as dúbidas que persistían sobre o seu comportamento en anteriores episodios de corrupción. Estamos perante un escándalo público maiúsculo cuxa intensidade e impacto popular seguramente superan outros episodios precedentes. E por se iso fose pouco o presidente do Goberno está chamado a testemuñar nun proceso que acusa gravemente ao partido que el mesmo lidera.

Hai que engadir que a moción de censura e a cuestión de confianza son procedementos recolleitos na Constitución española e que poñen de manifesto a ruptura da relación de confianza existente entre o poder executivo e o poder lexislativo. Devandito mecanismo de control é enunciado nos artigos 113 e 114.2 da Constitución e nos artigos 175 a 179 do Regulamento do Congreso e trátase dun procedemento que non só censura ao presidente vixente, senón que obriga ademais a propor un candidato alternativo á Presidencia do Goberno. Ademais segundo o artigo 113 da Constitución, a moción de censura deberá ser proposta cando menos pola décima parte dos deputados, isto é 35 deputados, en escrito motivado e dirixido á Mesa do Congreso e ten que incluír un candidato á Presidencia do Goberno. Doutra banda, a aprobación dunha moción de censura require, en todo caso, o voto favorábel da maioría absoluta dos membros do Congreso dos Deputados, isto é 176 votos.

Non Sr. Mexuto, non é un despropósito propagandístico e un novo agasallo a Rajoy, senón unha respota lóxica ante a acumulación de casos de corrupción que envolven ao PP, sumado ao "saqueo" das administracións públicas e a un intolerábel comportamento que parasita as institucións. Retirar ao PP das institucións é unha necesidade.

 

Tampouco concordo con Mexuto cando di que a xogada de PODEMOS “ten máis no albo o PSOE do que o PP”. Opino sinceramente que o PSOE, Unidos Podemos e outras forzas políticas deben actuar xa, evitando que se siga utilizando o aparello de Estado para impedir a depuración penal, administrativa e política de responsabilidades; e iso só se consegue dende o Goberno. Diversas formacións políticas deben poñerse de acordo e iso só é posíbel se negocian e chegan a pactar consensos mínimos para tombar ao Executivo encabezado por Mariano Rajoy, o goberno da corrupción e da xustiza amordazada, deturpada e dirixida.

 

Debemos ter presente que os líderes do Partido Popular non deixan de repetir que a súa principal preocupación é o benestar dos españois , porén están demostrando que só se centran nos seus intereses persoais, familiares e corporativos de partido. Cada día que pase, cada novo dato que coñezamos deixará en evidencia ao Partido Popular, pero tamén ás demais forzas políticas pola súa intolerábel e premeditada pasividade.

 

En canto á afirmación que fai Mexuto de que a moción de censura fracasará porque para que prospere terían que poñerse de acordo o PSOE e PODEMOS, o que non lle parece factíbel porque PODEMOS viabilizou a continuidade de Rajoy. Dicirlle ao Sr. Mexuto que foi o PSOE quen bloqueou o pacto con Podemos. O propio Pedro Sánchez en varios comités federais estivo sometido a enormes presións, que así foron recollidas nas informacións que os medios transmitiron por parte dos chamados baróns. Aínda que é certo que nalgunha resolución dos órganos de dirección do PSOE insistiuse nalgúns puntos con especial énfase como que non había que pactar co PP nin facilitar unha investidura cun candidato popular, porén trazáronse liñas vermellas como que non había que procurar pacto ningún con forzas independentistas nin con partidos que propuxesen un referendo en Cataluña. Non se pode dicer que fose unha decisión pechada pero as condicións eran un obstáculo absolutamente insalvábel e que impedian un acordo con PODEMOS.

Tampouco estou de acordo noutra afirmación que fai Mexuto cando di que “esa lóxica da indiferenza foi a que levou PODEMOS e as confluencias a votaren o mesmo que o PP na investidura do daquela líder do PSOE- é a mesma que conduce agora a Mélenchon a unha posición de aparente equidistancia entre Le Pen e Macron”. É falsa esa afirmación e ademais aínda que poida existir algún bo argumento para votar a Macron, tamén os hai para non votarlle. Máis aínda cando o programa de Macron céntrase nunhas posicións ultraliberais e antipopulares, na redución do gasto público, a perpetuación das exencións patronais sobre os salarios e impostos, novas contrarreformas na lexislación laboral e o tránsito progresivo cara a un sistema de pensións por capitalización, o cal prepararía o camiño para que o peor se faga realidade nas eleccións do ano 2022 e finalmente Le Pen termine facéndose co poder.

 

Mexuto termina o seu desatinado artigo dicendo que “nun momento en que a fronte xudicial se ensarilla para o PP, a esquerda española, en calquera das súas variantes, continúa a esforzarse en lle facer a vida doada a Mariano Rajoy”. O cal é só unha simple apreciación persoal do seu autor carente de calquera rigor intelectual.