O Urbanismo especulativo e o problema da vivenda

14 de March del 2023

Toda a cidadanía viguesa coñece a situación do sector da construción na nosa cidade e todos sabemos que segue sendo un negocio redondo para algúns. E que desde logo é moi necesario que existan máis vivendas sociais e alugueiros con prezos alcanzables para as persoas sen recursos e para a mocidade. Na nosa cidade hai moitas casas baleiras que non se utilizan con asiduidade, un parque de vivendas -aparentemente suficiente- para satisfacer a necesidade de primeira vivenda da cidadanía viguesa, porén hai moita xente que non pode acceder a unha vivenda digna. Ademais hai sectores económicos que teñen altos beneficios no negocio inmobiliario. O lobby da construción -bancos, caixas, institucións, propietarios de solo urbanizable, promotores, construtores- segue amasando inmensas fortunas.

 

Doutra banda o aumento das hipotecas e os prezos dos alugueiros están a dificultar moito o acceso á vivenda tanto na nosa cidade como no resto de cidades e vilas de Galicia. Protexer aos sectores humildes, á clase traballadora e ao conxunto das familias en situación vulnerable e con escasos ingresos debería ser un dos aspectos máis importantes da organizacións políticas verdadeiramente transformadoras e consecuentes. Entre as posibles medidas que esas forzas progresistas deberían tomar propoño as seguintes: *

 

1 Diversificar os programas de vivenda pública e prover unha cantidade significativa da vivenda sometida a algún réxime de protección pública, con acceso fundamentalmente a través do alugueiro social, que sexa axeitado á renda de todos os grupos sociais vulnerables. Trátase, en principio, de axustar a oferta de vivendas ás diferentes necesidades de habitación da sociedade e de asignar os recursos que sexan precisos para prover a habitabilidade, desde os tres niveles das administracións públicas (estatal, autonómico e local).

 

2 Equilibrar a tenencia de vivenda en propiedade, á marxe da súa tipoloxía libre ou sometida a algún réxime de protección pública.

 

3 Mellorar o mercado do alugueiro, cuantitativa e cualitativamente. Un bo número de medidas que permitirían alcanzar este obxectivo seguen ausentes do ordenamento xurídico español e das políticas de vivenda postas en marcha polas distintas Administracións Públicas. Entre elas, a delimitación de ámbitos ou a identificación de áreas a nivel de distrito que permitan establecer condicións para o alugueiro; a aplicación activa de institucións como o tenteo e o retracto, ou o dereito de superficie para conseguir un parque de vivenda social en alugueiro que sexa inclusivo e que fomente a cohesión social.

 

4 Garantir a cohesión social, perseguindo a diversificación da oferta pública de vivenda entre os diferentes barrios, a proximidade física cos equipamentos públicos, a mestura de diferentes tipoloxías de vivenda con destino a diferentes grupos sociais e culturais, a mellora e integración dos barrios vulnerables e a utilización de estratexias que xunten obxectivos diversos como vivenda, traballo, educación, cultura, etc.

 

5 Evitar a xentrificación que con frecuencia producen as políticas de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas. Estas técnicas de intervención deben exporse non como un conxunto de actuacións illadas, senón como a intervención nun hábitat complexo que inclúe aos habitantes e que responde as súas necesidades. O seu obxectivo fundamental debe ser, máis aló de aumentar a renda media, mesturar poboación diferente nun mesmo tecido urbano, para mellorar as súas condicións de vida. Medidas como a adquisición pública de vivendas finalistas en áreas nas que xa se realizaron as operacións de rexeneración urbana, permiten loitar contra a xentrificación que se produce pola transmisión das vivendas realizada polos seus propios propietarios.

 

6 Garantir a coherencia e necesaria conciliación entre os plans e programas de vivenda (estatais, autonómicos e municipais) cos requisitos normativos vixentes en cada momento, en materia de vivenda.

 

7 Por último, a dispersión polo territorio das actividades –favorecidas polo modelo de mobilidade dominante- é unha das causas da degradación da habitabilidade daqueles que ven restrinxidas as súas posibilidades de acceso a esa mobilidade, polo que se expón como válido e especialmente oportuno, o reagrupamento das actividades mediante unha articulación en unidades máis complexas e con modelos de edificación que permitan acoller ese reagrupamento de maneira aceptable desde o punto de vista funcional

 

Opino que desde o goberno do Estado, desde a Xunta de Galicia e desde o Concello de Vigo habería que seguir propoñendo medidas para controlar os prezos do mercado da vivenda e tamén para penalizar a posesión de vivendas baleiras que non son destinadas ao alugueiro.

 

Temos miles de casas baleiras e aínda así non paramos de construír vivendas, e as que construímos non son precisamente vivendas de protección oficial. Temos miles de persoas mozas, pero tamén familias dos sectores populares e xente maior, ás que lles custa moitísimo acceder a unha vivenda digna. O reto dun goberno responsable é facer unha política de vivenda que solucione os problemas habitacionais da cidadanía.

 

Para moitas familias humildes de Vigo e outras cidades de Galicia resulta complicado afrontar o pagamento regular do alugueiro. O lóxico e sensato sería que o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado actuasen desenvolvendo unha política de vivenda que protexa aos sectores vulnerables.

 

Na miña opinión é necesario que se aprobe canto antes unha Lei de Vivenda que converta a vivenda nun dereito e que regule e limite os excesos e inxustizas que provoca o mercado inmobiliario. Unha Lei de Vivenda que regule de maneira xusta e efectiva o mercado do alugueiro e tamén o mercado de compra-venda. Unha Lei de Vivenda que dea seguridade ás familias e non aos fondos voitre, fondos de investimento que só desexan o lucro a curto prazo á conta do sufrimento e dor de miles de familias humildes.

 

Os poderes públicos deberían garantir o dereito unha vivenda digna. A vivenda é un dereito, e eu creo que debería ser incluído entre os dereitos fundamentais, porque sen vivenda ninguén pode gozar dunha vida digna.

 

* (Ideas baseadas nos obxectivos estratéxicos da Axenda Urbana Española e os ODS da axenda 2030).