O POZO NEGRO DA CORRUPCIÓN E A DEMOLICIÓN DO ESTADO DO BENESTAR
20 de April del 2017
Coa detención do expresidente da Comunidade de Madrid, Ignacio González, nunha operación dirixida polo xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco contra a corrupción na xestión da Canle de Isabel II na que foron detidas outras once persoas, o Estado español mergullouse nun pozo negro sen fondo cuxas augas podres están ateigadas de corruptos e corruptores. Porén, a cuestión da corrupción é moito máis profunda. Creo que só unha pequena parte dos casos é descuberta e non todos os corruptos chegan a ser coñecidos pola opinión pública. Imaxino que moitos quedan agochados nas entrañas máis recónditas das cloacas do sistema. A corrupción atinxe a servidores públicos e a cidadáns deshonestos e sempre ten dúas facianas, a dos corruptos e a dos corruptores.
A corrupción política e o mal uso do poder público para conseguir unha vantaxe ilexítima é unha práctica moi estendida. A malversación dos caudais públicos, o uso ilexitimo e oportunista da información privilexiada para o beneficio dunha minoría; o aproveitamento dos aparellos do Estado para favorecer a determinadas empresas amigas e perpetuar a esas elites que parasitan os recursos públicos, ademais dos subornos, o tráfico de influencias, as extorsions, as fraudes, a prevaricación, o caciquismo, o nepotismo, a impunidade, e o despotismo da casta que nos afoga e que se serve dunha trama que intenta perpetuar no poder aos de sempre.
A política española comeza a parecerse demasiado ao período máis escuro da política italiana que desembocou na 'Tangentopoli' e cuxa trama de corrupción e subornos involucraba ás máis altas esferas estatais. Porén opino que aquí as cousas poderían mesmo ser peores. E afírmoo ao observar que no Estado español intimídase a xuíces e fiscais, recórtanse dereitos fundamentais e liberdades públicas e atácase implacabelmente a liberdade de expresión, condenando a cadea a unha moza por contar chistes sobre Carrero Blanco en twitter, mentres o Tribunal Supremo condena a César Strawberry a un ano de cárcere por comentarios que son considerados enaltecemento do terrorismo ou a Audiencia Nacional envía a prisión provisional sen fianza a uns titiriteiros que, na súa actuación, mostraban unha mensaxe dentro da trama da función, na cal líase "gora alka ETA" e doutra banda toléranse taxas escandalosas de pobreza e exclusión social que alcanzan case o 30%...
Percibo que existe unha ameaza real aos dereitos fundamentais e liberdades públicas (liberdade de expresión, asociación, reunión...) derivados das reformas lexislativas dos últimos anos no ámbito penal -reforma do Código Penal- e o relativo á mal chamada Lei de seguridade cidadá -Lei Mordaza- que como apuntei antes puxeron en perigo o exercicio de dereitos como o da liberdade de expresión. Por outra banda opino que vimos minguados moitos dereitos económicos, sociais e culturais que tamén están ameazados: coa posta en marcha de normas para garantir a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde, o Estado español está limitando o dereito á saúde e isto podería afectar ao dereito á vida dalgúns dos colectivos máis vulnerábeis da sociedade. Tamén a vulneración do dereito á vivenda e a existencia de incontábeis desafiuzamentos. Ademais a LOMCE minguou a posibilidade de acceso á educación a moitos estudantes que non poderán continuar os seus estudos. Igualmente medrou a violencia contra as mulleres. Decenas de mulleres morren cada ano no noso país vítimas da violencia machista.
En resumo, a corrupción e a profundización das políticas de axuste derivaron en recortes da protección social, especialmente nos sistemas de pensións e desemprego; un forte e sostido ataque aos servizos públicos básicos como a educación, a sanidade e os servizos sociais; e unha profunda involución nas institucións laborais como a negociación colectiva, o diálogo social e o papel dos sindicatos. A todo iso hai que sumar, a campaña emprendida contra os dereitos civís e a reforma do código penal para incrementar o poder coercitivo do Estado e facilitar as políticas represivas nun intento de neutralizar a resposta social e sindical aos recortes e á progresiva depauperación dos segmentos máis débiles da sociedade española.
Por todo o exposto é necesario que as forzas do cambio sexamos capaces de autoorganizarnos e prepararnos para pasar a unha fase ofensiva que combine a loita na rúa co combate nas institucións e que sirva para catapultar á sociedade politica (parlamentos, concellos, ...) a amplos sectores de militantes e activistas sociais que defendan os intereses da maioría social en todos os foros e organismos nos que sexa posíbel. Ese é o camiño para acabar coa corrupción e recuperar e ampliar os dereitos e liberdades perdidas.
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com