O poder monetario global

8 de May del 2011

http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/poder-monetario-global/idEdicion-2011-05-08/idNoticia-666776/

"A igualdade da riqueza debe consistir en que ningún cidadán sexa tan opulento que poida mercar a outro, nin ningún tan pobre que se vexa necesitado de venderse".

Jean- Jacques Rousseau

O gran capital transnacional e a maioría das empresas multinacionais teñen no noso mundo moderno maior marxe de manobra que calquera goberno e maior liberdade que o propio ser humano. O desenfreado proceso de acumulación capitalista e os inexistentes mecanismos para o control dos fluxos internacionais do capital financeiro posibilitaron que os caudais dinerarios (e os seus posuidores) protagonicen os episodios máis insolidarios, amargos e ata sinistros das relacións económicas internacionais.

O diñeiro foi un invento que pretendía facilitar a vida das persoas e optimizar os intercambios comerciais, pretendíase que tivese as seguintes funcións: 1) medida do valor, 2) medio de circulación, 3) medio de acumulación ou de atesouramento, 4) medio de pago e 5) función de diñeiro mundial. Ademais o capital financeiro debería ser unha muleta do capital industrial e conviría que fose un instrumento para xerar actividade e producir riqueza; porén, converteuse nunha ferramenta ao servizo dun atallo de especuladores, cobizosos acaparadores, egoístas usureiros e ata un enxeño opaco para o branqueo de capitais de bandas internacionais de traficantes e mafiosos. Os capitalistas, os multimillonarios, os adiñeirados potentados e banqueiros e o conxunto de empresas transnacionais utilizan os seus inxentes caudais -reais ou ficticios- para deseñar un complexo armazón de operacións especulativas, unha escura enxeñería de simulados ou virtuais trocos comerciais que terminan enriquecendo aos perspicaces prestidixitadores -de sempre- que, grazas ao uso pervertido das novas tecnoloxías da comunicación e a outras moitas artimañas, desenvolven incesantemente as devanditas malas xogadas en todas as bolsas e mercados financeiros do planeta. Moitos estados ollan para outro lado e os especuladores gañan inmensas fortunas burlando fiscalidades incómodas e pondo os seus botíns a bo recado en paraísos fiscais. Moitas empresas transnacionais escapan ao control democrático dos estados e refúxianse en lugares nos que non existen normas reguladoras ou lexislacións perturbadoras.

E que pasa co capital transnacional do Estado español ou ata coas multinacionais galegas? Como é posible que un goberno socialista permita que as multinacionais do Estado español que despregan as súas actividades empresariais en América Latina (e noutros moitos lugares do planeta) leven a cabo con frecuencia actividades de dubidosa legalidade, contaminantes e extremadamente problemáticas para as poboacións deses países, non distinguíndose moito das multinacionais doutros países? Por que permite o Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero que no caso das empresas de hidrocarburos, fundamentalmente Repsol, acumulen numerosas denuncias polos seus impactos sobre o medio ambiente e as poboacións locais, especialmente en zonas indíxenas? Por que motivo se transixe que as empresas eléctricas, que mentres no Estado español se esforzan en vender unha imaxe de empresas ecolóxicas e defensoras da sustentabilidade e o respecto ao medio natural e aos dereitos das xeracións futuras, porén en América Latina se lles permite que sigan xerando electricidade con tecnoloxías obsoletas, altamente contaminantes e tamén se lles tolera que realicen esforzos moi limitados (nalgúns casos inexistentes) en enerxías renovables? Como é posible que se permitise que algunhas multinacionais españolas desenvolvan varios dos proxectos de construción de infraestruturas turísticas en zonas virxes, especialmente do Caribe e Brasil, máis insostibles e degradadores do medio natural e que están xerado xa unha forte oposición local polos danos que poderían causarse a ecosistemas virxes como os manglares? Será quizais por que neste sector, as empresas procuran reproducir un modelo que previamente probaron, no Estado español, e que lles reportou importantes beneficios, pero á conta da destrución de innumerables zonas costeiras?

Por que o Goberno do PSOE permite que bancos como o BBVA e o Grupo Santander, que teñen unha importante presenza en América Latina (e noutros continentes), financien proxectos moi contaminantes e inseguros, como a papeleira de ENCE en Uruguai, a explotación da mina Yanacocha en Perú, ou o Complexo Río Madera?.

Por que a Xunta de Galicia non fai nada para evitar que Pescanova siga practicando en Chile unha sobre-explotación dos recursos pesqueiros e continúe utilizado a pesca de arrastre, a que máis esquilma o mar? Por que se deixa que Pescanova siga apostando pola cría de salmón, moi problemática en termos ambientais? E por que os distintos poderes públicos implicados non fan nada para que Conservas Calvo non siga actuando no Salvador con prepotencia e nun réxime de case monopolio vulnerando os dereitos laborais dos salvadoreños e explotando o conxunto dos traballadores contratados pagándolles cantidades que aquí serían consideradas ridículas? Pois sinxelamente porque o Goberno de España está cativo dese poder monetario global que é antidemocrático e resulta ser unha peza crave do novo capitalismo global e que xerou dúas tendencias: a primeira sería a redución progresiva e practicamente universal da parte de riqueza producida que regresa ou retorna aos asalariados; e a segunda sería a consolidación dun mercado mundial desregulado. Esas dúas tendencias están na orixe da acumulación de desequilibrios e asimetrías que nos conduciron á actual crise sistémica. Apuntar que unicamente oito empresas (BBVA, Santander, Endesa, Iberdrola, Unión Fenosa, Gas Natural, Telefónica e Repsol YPF) monopolizan ao redor do 80% de todo o investimento español realizado en América Latina, por exemplo. A facturación destas oito multinacionais supón aproximadamente o 20% do PIB do Estado español. Catro delas -Telefónica, Repsol YPF, Endesa e Iberdrola- están entre as 30 empresas máis grandes da zona e son líderes nos seus respectivos sectores: Repsol YPF é a maior empresa petroleira de América Latina; Telefónica lidera o sector das telecomunicacións; Endesa domina o mercado da electricidade e o Santander é un dos maiores bancos dos que operan en Latinoamérica. Finalmente dicir que en pouco se beneficiaron as poboacións dos países latinoamericanos nos que desenvolven as súas actividades as multinacionais españolas e é elocuente comprobar que a pobreza e a indixencia non descenderon en América Latina nas dúas últimas décadas, a pesar de que, supostamente, a rexión se modernizou ao abrir as súas economías aos capitais estranxeiros.

Só un Goberno que loitase decididamente por crear unha nova situación de maior xustiza, benestar, e que se apoie en valores cidadáns baseados nos dereitos e deberes e que antepuxese a calquera outra consideración unha ética do colectivo, podería cambiar este retorto, inxusto e escandaloso escenario. Defendamos un humanismo socialista fronte ao canibalismo capitalista!.