O ocaso da socialdemocracia Do reformismo de onte ao contrarreformismo de hoxe

17 de April del 2011

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/ocaso-da-socialdemocracia-do-reformismo-onte-ao-contrarreformismo-hoxe/idEdicion-2011-04-17/idNoticia-660243/

Hai moitos militantes socialistas que opinan que na esencia da socialdemocracia áchase o reformismo, como afirmou  nun artigo de opinión, publicado hai xa algún tempo, asinado polo vicesecretario xeral do PSOE, José Blanco. En referencia ao devandito artigo quero matizar algunhas cuestións. Afirmaba o señor Blanco que o capitalismo terminou sendo aceptado pola socialdemocracia e engadía que apostou por reforma fronte a revolución. Fronte a isto teño que dicir que o reformismo pretende realizar cambios graduais co fin de transformar unha sociedade e un sistema inxusto. Eses cambios refírense xeralmente a aspectos fundamentais do sistema capitalista. Esa transformación gradual é cuantitativa, porén acumulada no tempo termina por ser cualitativa, é dicir, o capitalismo transfórmase en estado do benestar por mor da acción reformista dos partidos e movementos sociais de esquerdas, se non seguiriamos en fórmulas salvaxes de explotación.

Estimo que o reformismo non debe ser visto necesariamente como unha proposta consensual. O proxecto que encarna procura transformar un modelo político co fin de cambiar paulatinamente o sistema e cuxo obxectivo final debería ser unha nova organización socioeconómica onde exista unha maior socialización da economía e unha adecuada redistribución dos recursos que favoreza a consecución duns parámetros de igualdade de oportunidades e equidade necesarios, porén durante algún tempo convivirán elementos centrais do capitalismo e do socialismo, pero cuxo obxectivo final sería a consecución dun sistema moi afastado do capitalismo tal e como o coñecemos actualmente. Deste xeito, os verdadeiros refomistas non temos nada que ver coas últimas medidas liberais e socialpopulistas que adoptou o goberno de Zapatero.

Respecto das posteriores afirmacións, dicir que o reformismo socialdemócrata adquiriu conciencia de que a través da reforma do capitalismo debíase someter os poderes económicos e financeiros para que non imperase a ditadura dos mercados conseguindo un maior progreso e equidade. O que pretende a socialdemocracia non é aproveitar os beneficios do mercado senón máis ben corrixir os seus defectos e mitigar as súas secuelas. E é aquí onde desexaría facer maior énfase. Os alicerces do capitalismo atópanse na acumulación de riqueza en mans duns poucos por medio da flagrante explotación dos moitos que son condenados á pobreza, á incerteza e á inseguridade. A solución real para o pobo terá que buscarse na confrontación coa súa causa: a procura de beneficios, o propio capitalismo e non algún tipo de xestión do mesmo. Foi norma nos últimos anos, por parte dalgúns responsable políticos, como o propio José Blanco, lanzar mensaxes que entraban en contradición coa realidade cotiá. Ante esta situación non deixa de ser sorprendente como os poderes político-financeiros de Madrid e Bruxelas, fan fincapé en achacarlles aos asalariados (reforma do mercado laboral), ao déficit público, aos pensionistas e aos funcionarios a responsabilidade da crise. Isto é unha mostra do cómodo que sente ideoloxicamente o capitalismo, unha comodidade acentuada aínda máis ante a pasividade das centrais sindicais maioritarias e os partidos socialdemócratas. O rearmamento e a contraofensiva actual só é comparable, na miña opinión, á que se viviu no século XIX derivada da estratexia deseñada por Klemens Wenzel Lothar von Metternich e Charles-Maurice de Talleyrand-Périgord entre os anos 1814 e 1815 que deu lugar ao restablecemento do absolutismo tras o Congreso de Viena.

Dicía José Blanco que "a mellor forma de gañarlles a batalla á inxustiza social, ao desemprego, á deterioración do medio natural, é acelerar o ritmo das reformas. Porque un progresista deixa de selo cando deixa de cuestionar os seus propios dogmas, cando abandona a súa vontade reformista da sociedade e cando se limita soamente a defender as conquistas do pasado". Afirmar iso nun momento de crise e incerteza, sería positivo se na práctica se levase adiante e realmente se incrementasen as reformas, pero o problema é que a actual crise estrutural e global do capitalismo non será superada a través de medidas neoliberais senón con políticas socialdemócratas e reformistas ou con medidas neokeynesianas, sen renunciar a actuacións revolucionarias cando se dan as condicións e existen os apoios necesarios. De todos os xeitos, xa vemos cales son as medidas que decidiron impor, aos asalariados e ao conxunto da cidadanía, os poderes económicos co asentimento dos gobernos para saír desta crise, unhas medidas políticas que se resumen nun aumento da explotación, do saqueo, da restrición drástica de calquera dereito democrático; e baseadas no sometemento da clase traballadora e na sobreexplotación e alienación de amplos sectores sociais. O razoamento que fan partidos tan progresistas e obreiros como o PSOE, o PS francés, a Oliveira italiana, o PS portugués, o PASOK grego... caracterízanse pola ausencia de calquera análise de clase e isto leva os partidos reformistas a caer en repeticións mecánicas do pasado e a avaliar erroneamente que intereses defenden. De nada vale chamarse socialista e obreiro se o que se está facendo é favorecer a gran banca e os monopolios. É inútil chamarse socialista se as propostas programáticas fundamentais son aquelas medidas maqueadoras que no fondo ignoran a base económica e a orixe da propia crise na que nos atopamos. Ningún socialista de verdade podería trazar unha reforma do mercado de traballo como vía de saída a unha crise económica. Pois ben, a todos eses falsos socialistas que enganan e manipulan a clase obreira, sérvelles de muleta progresista impulsar un proxecto que, en nome dun suposto socialismo democrático, dun socialismo que non dea medo, expón falsas solucións que seguen sen entrar no alicerce do problema, da contradición principal: a contradición entre capital e traballo. Estou convencido de que non evitaremos as futuras crises cíclicas do capitalismo con políticas cosméticas que deixan intacto o núcleo verdadeiro xerador das devanditas crises: a propiedade privada dos medios de produción e a propia dinámica expansiva do capital. Falar de economía sostible sen a eliminación da contradición principal do capitalismo é xustificar este sistema e mostrar unha face humana que non ten.