O futuro de Vigo está en xogo

26 de February del 2015

O alcalde Vigo, recentemente, manifestou que o Concello ten en marcha máis de 80 obras por toda a cidade. Porén, moitas veces os datos que manexamos non son reais e non nos permiten recrear a imaxe obxectiva do escenario certamente existente, polo que a visión da cidade tórnase confusa, os datos interprétanse mal e selecciónanse de maneira nesgada, co que se ten unha visión da cidade parcial que só dá conta dun aspecto e non de toda a realidade.

O alcalde, por exemplo, non di que Vigo deixou de ser aquela cidade dinámica que aspiraba a seguir sendo o motor industrial de Galicia. Non fala do enorme desemprego, que xa alcanza cifras superiores aos 30.000 parados.

Tampouco fai referencia á alienación e á manipulación mediática. Non menciona unha soa verba da corrupción e do enchufismo.

Para Caballero non existe o nepotismo. Ese nepotismo rampante que aniñan na nosa institución municipal e que está podrecendo os fundamentos democráticos da nosa corporación.

Non fai referencia ao uso perverso de fondos públicos nin ao emprego xeralizado de medios de comunicación afíns –que  impiden coñecer a realidade e dificultan a formación dunha conciencia crítica colectiva– e que sumados á compra masiva de vontades están gangrenando os cimentos da sociedade civil viguesa e favorecendo a perpetuación dunha casta de «bonecos de ventrílocuo» que están ao servizo das elites dominantes que son as responsábeis do afundimento da Caixa de Aforros de Vigo e da desfeita do tecido produtivo da nosa cidade.

Por mor de todo o exposto quero que o conxunto dos vigueses reflexione sobre a situación real da cidade e a súa área de influencia antes de emitir o seu voto o próximo mes de maio deste ano, porque o futuro de Vigo está en xogo.