- Opinión /
- A Peneira /
- O clientelismo nos concellos
O clientelismo nos concellos
27 de May del 2014
http://www.apeneiradixital.com/o-clientelismo-nos-concellos/
O clientelismo é unha forma de articulación social que provoca unha perversión no funcionamento das administracións públicas favorecendo o malgasto e o mal uso de determinados recursos públicos que son controlados por determinados políticos, cunha relaxada ética, que reparten favores, a torto e a dereito, a cambio do seu apoio.
E vén a conto toda esta exposición sobre o clientelismo porque hai catro anos, o Concello de Vigo concedeu á empresa Samyl a edificación dun parque temático pirata nos arredores da zona de Castrelos, cuxa creación custaría 950.000 euros. Considerando que a Xunta de Galicia desautorizou a construción dese parque, xa que contraviña a declaración de Castrelos como ben de interese cultural (BIC) e sabendo que a apoderada da empresa SAMYL é Julia López Vázquez, naquela época voceira da executiva do PSOE de Vigo e, posteriormente, número 6 da candidatura dese partido nas eleccións autonómicas do 2012, agora a institución municipal terá que pagar 29.850 euros polos beneficios económicos que deixou de gañar a empresa promotora da iniciativa e polos pretendidos gastos que tivo que afrontar devandita sociedade para redactar o proxecto e outros asuntos. Ademais, o Concello de Vigo terá que devolver o aval de 40.000 euros.
Por que suceden este tipo de cousas? Entendo que estamos ante un sistema de elites deshonestas onde a belixerancia non se establece por asuntos de interese xeral, senón que se pugna simplemente polo cacho da torta que creen que lles corresponde. E así os partidos deixan de ser instrumentos para facer política e redúcense a simples aparellos de poder, amiguismo, nepotismo, clientelismo, tráfico de influencias e outras modalidades de corrupción.
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com