Noxenta é a cobiza!

4 de April del 2011

A Izaura Gomes Peres in memoriam

 

"De que serve semear o pânico, a força do barbarismo, conquistar territórios por meio de emboscadas, se essa glória que julgan alcançar é efímera! Não haverá nação no mundo que sinta prazer em colaborar infâmias, não há dentro dum coração generoso apoio a semelhante vilania!"

Izaura Gomes Peres

 

É de noite, unha rutineira noite de marzo. Un home atópase sentado no seu confortable sofá de veludo azul mariño. Unha morea de pensamentos pasan pola súa cabeza. A estancia, onde se atopa este corentón, é un cuarto pequeno e acolledor. A pesar de que a fiestra está pechada sente frío e aprecia como un calafrío percorre o seu corpo. Ten aberto un libro, encadernado en pel tinguida de cor azul celeste, titulado: Antoloxía poética de Cruz Salmerón Acosta e está lendo un poema titulado AZUL que di así: "Azul daquel cume tan afastado/ cara ao cal o meu pensamento voa,/ baixo a paz azul da mañá,/ cor que tantas cousas me revela!/ Azul que do azul ceo agroma,/ e azul deste gran mar que me consola,/ mentres albisco nel a ilusión va/ da visión do á dunha vela". A radio atópase acendida e o home escoita a música de saxo e a penetrante voz de Sarah Lois Vaughan que sae do seu receptor, pero de súpeto interrómpese a agradable música e dan paso aos servizos informativos: Boas noites señoras e señores oíntes. Son as 19:30 horas e os nosos servizos informativos acaban de recibir un teletipo no que nos informan que a OTAN toma o mando de todas as operacións militares en Libia. Os 28 membros da alianza pecharon un acordo para que a OTAN leve adiante todos os aspectos da resolución 1973 do Consello de Seguridade da ONU para protexer os civís e as zonas poboadas das ameazas de ataques por parte do réxime do sátrapa Muammar al Gadafi.

O home levanta do sofá e apoia a súa pipa no cinceiro. A luz da lámpada esváese por mor do fume azulado do cigarro. Desde o terceiro andar onde vive divísanse os tellados avermellados das casas, as follaxes verdosas da foresta, o ceo azul e as aves percorrendo as alturas. Achégase á fiestra. Enxerga o ceo azul, as ramas das árbores movéndose por mor do vento e o voo enleado das aveciñas que baten as brancas ás ao redor dos seus niños. Dá unhas voltas polo perímetro do cuarto e volve sentar. Toma nas súas mans novamente o libro e prosegue coa lectura: "Azul das paisaxes abrileiros,/ triste azul das líricas ilusións,/ que non acougan os íntimos fastíos./ Só me angustias cando sufro antollos de bicar o azul daqueles ollos que nunca máis fitarán os meus". É entón cando recorda os doces ollos azuis daquela anciá muller, xa falecida, e a emotiva homenaxe a esa valente dama nacida en Lisboa un 21 de maio de 1905, muller de Francisco Rodríguez (republicano fusilado en Mondariz en 1936). O venres asistira en Figueiró (Tomiño) ao acto de homenaxe a esta muller boa e compartira coa súa noiva devandito acto de evocación e memoria. Tamén lembra as atinadas palabras que lle espetou a súa namorada esa mesma noite cando regresaban a Vigo en automóbil. Aquela conversa dáballe voltas na súa cachola. As palabras facían referencia á intervención do Estado español en Libia e a súa inicial dúbida sobre a necesidade de que a comunidade internacional interveña en determinadas ocasións en que un pobo indefenso está sendo masacrado por un exército xenocida: "Non te fíes, amor, das potencias occidentais e dese movemento de oposición, pois, non están interesados en ningunha solución xenerosa e desinteresada a ese conflito. Seica non recordas xa a historia que puidemos coñecer a través do marabilloso documental de Michel Collon e Vanesa Stojilkovic titulado Os Condenados de Kósovo onde a intervención da OTAN non impediu a limpeza étnica que afectou a minorías de xitanos, xudeus, musulmáns, goráns,... de que che serviu ler o libro Desarmando a Guerra Global? Recordas o que dicía Michel Collon nese libro? Se queres recórdocho. En todas as guerras as potencias imperialistas poñen pretextos humanitarios. Utilizan sempre mentiras mediáticas. Detrás deses supostos fins benfeitores agóchase un interese xeoestratéxico do imperio global. O armazón dese imperio está cimentado sobre grandes transnacionais, poderosos estados, organismos internacionais de carácter económico como o FMI, a OMC ou o Banco Mundial, e o seu centro neurálxico está, aínda, nos Estados Unidos. Non creas as trolas e andrómenas dos medios. Lembra as palabras de James Petras: "O imperialismo quere monopolizar o poder e a riqueza. Pretenden gobernar con total impunidade, quéreno todo, en todos os lugares do mundo". Quéroche, miña variña de abelá, pero non sexas inxenuo". 

A ollada do home permanece varios minutos fixa no horizonte. Entrementres aquelas verbas da súa compañeira baten a súa cabeza non deixa de recordar a Izaura, aquela anciá que coñeceu cando el aínda era un rapacete. Rememorou os faladoiros que seguían aos asados en casa de Izaura. Aquelas conversacións de política, arte, literatura e tantos outros temas. Visualizou aos asistentes a aquelas reunións: Izaura, o seu fillo Mario, Orencio, Chelo, Abreu, Elsa, Delfina, Xosé Agostiño, Jon e tantos outros. 

Apoia, de súpeto, o libro de poemas sobre a mesa do salón. Toma nas súas mans o libro de homenaxe a Izaura escrito por Carmen Bouza Rei e mergulla nas súas páxinas ata que topa cun texto de Izaura que chama poderosamente a súa atención. Trátase dun artigo de opinión publicado o 19 de outubro de 1935 no xornal agrarista Nuevo Heraldo da Garda, cando Mussolini invadiu Abbisinia (Etiopía), e titulado Maldita seja ambição. Follea o texto e a súa mirada baixa ata as derradeiras liñas: "Maldito seja o fanatismo tirano dum povo sem entranhas. Maldita essa sede abrasadora de sangue humana! Que as brancas asas da Paz baixen pressurosas sobre a angústia em que agoniza o Mundo! Maldita seja essa guerra absurda gerada em sangue, numa estupida ambição!"... Tras a lectura escoita que na radio dan novas informacións sobre a terrible represión en Iemen, Bahrein, Siria... e especula sobre a distintas varas de medir que ten a comunidade internacional e finalmente murmura entre dentes: "Noxenta é a cobiza!".