...Non vos deixaremos durmir!

19 de June del 2011

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/non-vos-deixaremos-durmir/idEdicion-2011-06-19/idNoticia-680265/

"A fronteira entre a realidade e o soño cumpre a misión primordial de danar os soños máis urxentes e máis belos"

Jacques Derrida

"Para afrontar o futuro en tempos de incerteza, basicamente, hai tres cousas. Primeiro recuperar a capacidade de proxecto, cando eu teño soños o que eu soño é o meu mañá, é a miña esperanza, entón teño proxectos de vida; cando eu non soño nada non teño proxectos, quédame un baleiro. Hai que recuperar a capacidade de soñar.

O segundo é a capacidade de estima, se eu non creo en min como vou esperar que os demais acrediten  no meu?

E o terceiro activar a Fe, saber que dentro noso hai deseños para nosoutros, polo tanto éxito e prosperidade están do noso lado. Temos que facer nós a nosa parte. Hai moitas persoas que cren en Deus, pero non cren en si mesmas. Tedes que empezar a crer en vosoutros se é que queredes lograr os vosos obxectivos.

Entón necesitamos activar os soños e a Fe nun mesmo".

Bernardo Stamateas

Estou deitado sobre a miña cama despois de pasar unhas horas lendo o libro Agretar o capitalismo de John Holloway. Poño o libro sobre a mesiña de noite e quedo durmido. Mergúllome nun estraño soño. Estou sentado e vexo un rapaciño axeonllado na horta dos meus avós. O neno ten nas súas mans un libro de Mercer Mayer titulado Un pesadelo no meu armario e de súpeto fan aparición unha morea de monstros xigantes, ogros e ciclopes dun só ollo (co dólar gravado na súa pupila). Percibo claramente a apertura dun xigantesco portón no chan e o picariño cae no interior. Penetro de contado descendendo por unha escada ata chegar ao fondo. É un lugar misterioso que ten uns límites difusos que están alagados por dinámicas que afectan profundamente a centos de miles de seres tristes e empobrecidos. Vexo medrar o miúdo e percibo como se enfronta a un futuro negro cheo de novos riscos e con moi poucas oportunidades. Aprecio que as necesidades de reprodución do sistema e un novo atrevemento político dos sectores dominantes profundaron a transnacionalización produtiva, incrementado e intensificando a uniformización das culturas e unificando os mercados financeiros internacionais. Concibo novas fronteiras nas que algúns estados-nación perden progresivamente o control sobre determinados espazos de poder, porén vexo tamén certos recortes nos dereitos colectivos e nas posibilidades de gobernabilidade soberana das comunidades nacionais que son oprimidas por políticas recentralizadoras dos grandes estados. Sigo camiñando e penetro nese mal soño a través dun chan verde que de contado cambia de cor e pasa a ocre e logo a negro. Vexo un inmenso deserto ateigado de lixo, verteduras, refugallos e desfeitos por todas as partes. Contemplo unha chea de cárceres e alxubes. Paseo por países que son sometidos e ata esmagados por grandes multinacionais dirixidas por bandas de criminais e facinorosos. No meu pesadelo medra o desgoberno provocado pola alianza entre as xefaturas de grandes potencias e un feixe de corporacións multinacionais que se aproveitan da inestabilidade de certos escenarios do mundo e das asimetrías de poder. Reparo nas distintas situacións que cohabitan como problemas irresolubles e que se retroalimentan entre si. Contemplo a grave deterioración ambiental, o afondamento da fenda entre os países ricos e pobres, pero tamén o decrecemento do unilateralismo e unha progresiva rebeldía fronte ao imperialismo nas relacións internacionais. Enxergo centos de embarcacións intentando atravesar o Estreito e masivos fluxos migratorios cara a países máis desenvolvidos, tamén a incapacidade das institucións internacionais (como a ONU) ante a corrupción, as novas guerras perpetuas contra o terrorismo ou as flagrantes tácticas contra os dereitos humanos como as que se aplican en Palestina, Afganistán ou Libia, pero tamén advirto a miles de mozos organizados na rúa. Loitando por unha democracia real xa!, organizados en ONGs, defendendo a natureza, loitando contra o cambio climático ou manifestándose contra a globalización e o capitalismo desde Porto Alegre ata Pittsburg pasando por Seattle, Madrid, Bangkok, Wáshington, Praga, Xénova, Gotemburgo, Barcelona, Salzburgo ou Rostock.

Cando esperto do meu pesadelo teño unha sensación contraditoria. Primeiro alégrome porque semella que era só un mal soño, pero de contado quedo arrepiado ao ler os titulares dos xornais. Finalmente conclúo que poucas cousas boas trouxo o novo século e si moitas esperanzas frustradas e falidas para a maioría dos habitantes do planeta. Nunca as facultades ou capacidades para transformar a realidade foron tan grandes e con todo nunca a frustración puido ser tan elevada. A maioría da xente humilde do planeta percibe e sente a desestruturación dos seus diversos ámbitos laborais e de produción e ve minguar aceleradamente os seus sistemas de benestar xunto ás súas liberdades e dereitos individuais e colectivos. Asemade contempla como se degradan as principais institucións culturais nas que se apoian as identidades colectivas precisas para a vida en común, confundíndose a cultura cos sucedáneos artísticos, os discursos baleiros de contido, as embrutecedoras frivolidades posmodernas ou os alienantes espectáculos televisivos. Hoxe, como salienta Ignacio Ramonet, "o verdadeiro poder está en mans dunha mangada de grupos económicos e financeiros e de empresas multinacionais con maior influencia, mesmo, que os propios Estados nos asuntos do mundo. Eles son os novos amos do mundo".

Conclúo tamén que as ideas políticas que construíron os nosos devanceiros levaron a que a maioría da xente pense que o traballo social e político xa non ten sentido o que leva ao escepticismo, á banalización da vida pública e á indignación xeneralizada. A mocidade acampa nas prazas e vilas das principais cidades do mundo e  no entanto moita xente segue considerando que o esforzo transformador persoal e colectivo serve para avanzar, pero tamén son consciente de que hai que innovar nas prácticas políticas. Houbo moito desgaste e diálogo frustrado nas xeracións que viviron dentro das distintas tradicións transformadoras ou emancipatorias. Pero opino que agora toca un novo impulso. 

O esforzo intelectual para concibir Esoutro Mundo Posible obríganos a interrogarnos sobre o noso benestar, sobre os lugares individuais e colectivos, sobre as complexas relacións nun mundo globalizado. A complexa sociedade audiovisual -a pantalla global, como a chamarían Gilles Lipovetsky e Jean Serroy- na que vivimos dános pouco tempo e poucos espazos para trazar este tipo de preguntas. Sen dúbida a transformación do mundo é difícil pero tamén existen poucas dúbidas de que é necesaria.

No Planeta hai miles de persoas que están pretendendo erixir unha alternativa para lograr vivir con dignidade. Entretecen propostas, respostas e novos interrogantes en redes interconectadas de grupos, movementos, asociacións, colectivos de base, sindicatos, círculos de debate e unha morea de movementos anticapitalistas nas distintas comunidades que habitamos este planeta. Intentan construír unha axenda esquecida polos gobernos pero imprescindible para cimentar e edificar esoutro mundo posible. A esquerda tería que ser quen de facerse forte na potenciación do tecidos asociativo cidadán. Para logralo habería que inserir os partidos na sociedade, na rúa, abrir un diálogo permanente coa cidadanía. Hai que comprender as organizacións sociais, dialogar, discutir cos dirixentes veciñais, procurar os líderes naturais que xorden da propia sociedade e atraelos á causa emancipatoria. Hai que actuar sempre en función do que lle interesa á xente (consciente e crítica) e non só guiados polos nosos propios intereses. É preciso ter actitudes unitarias e participativas. Finalmente só falta que os gobernos de esquerda actúen decididamente e comecen a cambiar as cousas. Xa é hora de que a esquerda faga unha verdadeira política de esquerdas, pero de nada vale ter poder institucional se non existe unha forte organización popular dándolles o soporte preciso aos responsables públicos.

Terminaría o meu artigo cunha afirmación que fai Alain Touraine no seu último libro titulado A Mirada Social e que di así: "A realidade deixou de ser real; as políticas carecen de efecto, seica a propia Historia existe fóra das imaxes da CNN ou outras cadeas de televisión?". Nese mesmo libro Touraine estuda os grandes cambios que transformaron a nosa vida persoal e colectiva. Decide ocuparse da necesidade de cambiar o noso xeito de pensar os cambios acontecidos. A propia idea de sociedade está en crise: a mundialización baixo todas as súas formas e os desexos liberados de prohibicións provocaron a derruba do edificio social. A definición de ben e mal na nosa sociedade xa non recae sobre as institucións; a conciencia persoal domina sobre a conciencia das regras: así, o suxeito convértese en creador de si mesmo.

Podemos ser pesimistas na nosa análise racional, porén temos que ter unha vontade optimista para cambiar a realidade e facer viable esoutro mundo posible. Moitos queremos soñar e se non nos deixades non vos deixaremos durmir. .