Mundialización e goberno planetario.
12 de December del 2018
O proceso de globalización suscitou moitas reflexións e innumerábeis críticas que apuntan ao feito de que esa mundialización capitalista tende a aumentar aínda máis as desigualdades sociais, facendo que a concentración da riqueza mundial estea cada vez máis nas mans de moi poucas persoas, aumentando a situación de pobreza e miseria social.
Considero que a mundialización capitalista é o resultado das accións dun mercado denominado internacional ou global, baseado na tiranía do diñeiro, aliado á existencia dos novos sistemas de tecnoloxía, por exemplo o da información. Un mercado global utilizando ese sistema de técnicas avanzadas resulta nunha mundialización perversa.
A tiranía do diñeiro e do capital imponse como resultado dun «motor único» de desenvolvemento planetario, con deslocalización dos centros produtivos que, aliado ás novas ferramentas tecnolóxicas, permitiu ás empresas facer medrar a súa produtividade e o seu lucro xerando unha "plusvalía universal". A produción dáse a escala planetaria, a través de empresas transnacionais, xerando unha plusvalía a escala mundial, que se converte no único motor do proceso de globalización. A lóxica do diñeiro imponse á vida social, económica e política. O diñeiro global é despótico e quen xestionan ese capital financeiro mundial actúan de xeito arbitrario e caprichoso.
O poder do Estado está subordinado a ese despotismo financeiro e por iso a democracia está ameazada. A Comisión Europea, o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional, en combinación con outras institucións financeiras internacionais, orientan as grandes reformas en curso. A mundialización capitalista apóiase en estados lacaios e flexíbeis aos seus intereses. Eses estados van reducindo progresivamente os dereitos sociais e transfórmanse en maquinarias máis forte, máis áxiles, máis presentes, ao servizo das elites dominantes e co obxectivo de facer realidade un modelo económico autoritario.
Estimo que a actual mundialización capitalista funciona como unha locomotora desbocada e sen freos. As grandes e poderosas corporacións internacionais, as xigantescas empresas multinacionais teñen a vontade de hexemonizar os grandes mercados de consumidores de Norteamérica, de Europa o do resto do mundo, onde os países do sur teñen un papel discreto ou non teñen papel ningún. A mundialización capitalista non é un fenómeno de natureza exclusivamente económica, senón que tamén ten un carácter político, tecnolóxico, cultural,... pero que ademais ten, de innumerábeis maneiras, os seus inevitábeis efectos de xeito global sobre o conxunto da humanidade.
Xunto á revolución científico-técnica, a mundialización é un dos principais cambios que transformaron radicalmente o mundo nas últimas dúas décadas, tanto para ben (enorme salto en progreso técnico e integración potencial do mundo) como para mal (afondamento de desigualdades e inseguridades sociais). Pero é tamén o referente económico-social máis mencionado e debatido dos últimos anos; a verba de moda máis utilizada para definir ou denotar os máis diversos aspectos do cambio mundial ou o modelo emblemático por excelencia usado tanto para tratar de explicar as políticas impopulares dos gobernos como para artellar a protesta social, nacionalista, étnica ou relixiosa.
Estou convencido de que a libre circulación de capitais –un dos aspectos característicos da mundialización capitalista– é un factor que limita a capacidade de actuación democrática dos gobernos. As políticas neoliberais –impulsadas por condicionantes macroeconómicos específicos– impiden aos gobernos ofrecer alternativas económicas verosímiles e consolidarse como sistemas de goberno democrático. Especificamente, o neoliberalismo no Estado español, repercutiu no deterioro da calidade democrática e nas nefastas políticas austericidas que deterioraron tamén, de maneira incesante e acelerada, a vida da xente.
Dende finais do pasado século XX o proceso de globalización –que implicou a apertura e internacionalización dos mercados financeiros– transformou o proxecto histórico social-liberal español cara a un modelo exclusivamente ultraliberal.
En moitos lugares do planeta modificáronse as estruturas dos Estados nacionais cara á estimulación do incremento do poder político de reducidos grupos de poder económico. Os propietarios das grandes corporacións multinacionais forman unha nova elite gobernante que busca protexer os seus intereses particulares, xerando maiores desigualdades e máis miseria e pobreza a escala mundial. De todas maneiras as estratexias de dominación entre segmentos dominantes moitas veces non coinciden e en numerosas ocasións entran en colisión.
O esmorecemento dos gobernos nacionais e a expansión da desigualdade social son factores que propician un forte cuestionamento á viabilidade dun modelo político que satisfaga as necesidades sociais contemporáneas.
Opino que resulta preocupante a ausencia de efectivos mecanismos políticos internacionais capaces de regular e reducir ou limitar estes efectos nocivos da mundialización capitalista.
A solución para preservar a democracia pasaría pola conformación dun auténtico Goberno Mundial, con capacidade para executar accións e non simplemente cun papel puramente deliberativo. Unha instancia de goberno supranacional de dimensión mundial serviría cando menos de palestra activa, onde a voz dos débiles tamén tería de ser escoitada. A formación dun Goberno Mundial basearíase nunha “visión universalista” moi semellante a algúns modelos teóricos dos séculos XIX e XX. Lembremos que algúns pensadores sociais desas épocas tiñan unha utopía común: a de conformar unha especie de nación mundial sobre a base da unión dos intereses de cada país e no marco da boa vontade das súas e o seus representantes.
O obxectivo final da creación dun Goberno-Mundo sería favorecer o nacemento dun organismo supranacional planetario que fose o xerme dun verdadeiro goberno universal, encargado da cooperación e o control supranacional que, respectando as distintas culturas e identidades, axudase a alcanzar obxectivos comúns do ser humano e do planeta no seu conxunto.
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com