Movemento veciñal e miserias municipais

4 de March del 2021

O movemento veciñal de Vigo sempre foi relativamente robusto, dinámico e activo. Na nosa cidade hai actualmente máis de 50 asociacións veciñais, pero carecen de recursos suficientes e en moitos casos os seus xestores perciben serias diferenzas na súa relación coas administracións públicas, especialmente co Concello de Vigo. Algúns líderes veciñais trasladáronme a súa preocupación polo estraños criterios do actual alcalde de Vigo para conceder axudas e subvencións. Segundo estes dirixentes veciñais, parece que o Concello de Vigo utiliza a distribución das súas subvencións e recursos económicos para premiar ou castigar a submisión ou deslealdade dos grupos veciñais cara ás políticas xurdidas da institución municipal. Non parece razonable ese proceder. Ademais se temos en conta a historia pasada e recente do movemento veciñal, podemos observar a importante contribución dos grupos e asociacións veciñais na configuración dunha nova forma de solidariedade e autoorganización dos barrios.

 

Creo que o movemento veciñal e a FAVEC deberían seguir cumprindo co seu cometido e seguir sendo unha ferramenta útil, unha locomotora que impulse a autoorganización e mobilización da veciñanza viguesa. Por esta razón, paréceme importante que o músculo do movemento veciñal nos barrios de Vigo non se debilite e termine morrendo. A FAVEC debería seguir sendo a canle de comunicación máis directo entre un problema concreto e a presenza dos técnicos municipais para solucionalo. As asociacións veciñais sempre cumpriron o seu papel de dinamizadores dos barrios e parroquias e acho que debería seguir sendo así.

 

Por todo o anterior, creo que a actual Xunta de Goberno municipal co seu Alcalde á cabeza están equivocados ao querer expulsar á FAVEC e a parte dos seus actuais directivos dos locais que estiveran empregando durante moitos anos na Praza da Princesa. Paréceme que coa escusa de levar adiante dalgunhas obras necesarias debido ao deterioro da propiedade os responsables municipais atoparon a escusa perfecta para desaloxalos do recinto histórico. Alo menos deberían proporcionar un lugar alternativo para que as veciñas e veciños poidan seguir desenvolvendo as súas actividades e seguir dinamizando a vida social e cultural da nosa cidade. Calquera outra solución non axuda ao mantemento do movemento veciñal na nosa cidade.

 

Espero que o alcalde e os seus acólitos recapaciten e non cometan semellante falcatruada.