Galicia: construción nacional e política exterior
8 de June del 2018
Galicia debe a Plácido Castro, responsábel de Relacións Internacionais do Partido Galeguista, a participación de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo da Sociedade de Nacións, que se celebrou do 16 ao 18 de setembro de 1933, e que supuxo o primeiro recoñecemento oficial de Galicia como nación.
O recoñecemento chegou nun momento no que a Sociedade de Nacións (o equivalente no período de entre guerras á actual ONU) comezou a perder autoridade, en boa medida polas tensións que acabaron levando á Segunda Guerra Mundial. Porén, o feito histórico e legal quedou fixado e o propio Castelao no seu libro “Sempre en Galiza” salienta que “Galicia é unha nacionalidade, e como tal foi recoñecida en Berna, polo IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, adscrito á Sociedade das Nacións”.
Galicia debería redefinir o seu actual xeito de estar inserida no escenario internacional que tería que asentarse nunha orientación estratéxica fundamental: o predominio da opción atlántica, na súa vertente marítima e comercial, en detrimento dunha opción exclusivamente estatal ou simplemente continental, procurando fuxir dun excesivo pragmatismo para poder cuestionar o actual encaixe no modelo vixente e facer unha revisión crítica do proceso de construción da Europa dos estados.
O rexeitamento do afastamento estratéxico en relación a Europa e a opción de participación no proceso de construción europea constitúen innovacións da política externa do Estado español e iso afectou tamén a Galicia.
Galicia debe procurar afirmarse como unha nación empeñada no proceso de integración económica e política e debería participar nos diversos proxectos de avance en relación á construción dunha Europa dos pobos, e non tería que conformarse con ese «sucedáneo supranacional» que supón a creación do “Espazo Schengen” ou a Unión Económica e Monetaria.
A prioridade de Galicia debe ser o seu recoñecemento como nación dentro dunha Europa dos pobos e a súa política exterior non debe abandonar a súa dimensión atlántica. Porén esa dimensión non pode cinguirse só a unha vertente exclusivamente europea. E por iso Galicia debe xerar relacións de amizade e cooperación con outras nacións doutros continentes. Debemos establecer relacións cos países africanos de lingua oficial portuguesa (PALOP) e aumentar os nosos vínculos e relacións de cooperación económica e cultural con Brasil. Neste contexto, e máis aló das actuais relacións bilaterais que poidan existir con Portugal, Galicia debería ampliar e intensificar a súa relación coa comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), tendo como principais interlocutores a Angola, Brasil, Guinea-Bissau, Mozambique e San Tomé e Príncipe, aos cales podería engadirse Timor-Leste e Guinea-Ecuatorial. Entre as prioridades da política exterior de Galicia para o espazo de influencia da lingua galega e portuguesa, subliñaría a necesidade de ampliar e consolidar as relacións cos devanditos países lusófonos, no ámbito político pero tamén económico, pensando na promoción dunha política de cooperación e de axuda pública ao desenvolvemento, fundamentalmente orientada aos países do PALOP e Timor-Leste. Ese é o camiño inicial para afirmar Galicia no mundo.
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com