Fronte Ampla en Galiza?

13 de August del 2012

http://praza.gal/opinion/493/fronte-ampla-en-galiza/

O 5 de febreiro de 1971 a esquerda uruguaia consolidaba a súa maior arela, nacía a Fronte Ampla. Daquela Uruguai naufragaba no mar da máis profunda crise da súa historia e a nación desfacíase en cachizas baixo a feroz bota do autoritarismo. A Fronte Ampla xorde como legado de numerosos intentos de unificación da esquerda e de fabulosas experiencias unitarias plasmadas fundamentalmente no movemento sindical.

Hoxe a devandita fronte conseguiu agrupar no seu seo á inmensa maioría dos sectores transformadores e de esquerdas do país (incluíndo o Movemento de Liberación Nacional–Tupamaros) e alcanzou o poder político. Ese formidable logro, pouco ou nada ten que ver coas “experiencias foquistas” que se acendían por toda América Latina. A esquerda uruguaia en 1971 parecería máis asociábel á Unidade Popular de Chile, aínda que en realidade foi produto dun longo e orixinal proceso de acumulación política. A constitución da Fronte Ampla, é a culminación dun incerto e longo camiño que se remonta, cando menos á década dos anos 30 do século pasado.

O enfrontamento dos sectores progresistas e de esquerda coa ditadura, propiciou a conxunción de forzas para actuar coordinadamente. A verdadeira esquerda debe procurar a unidade; en base a proxectos concretos, sumados a un arduo traballo de conciencia na base social, o que pode permitir reverter a situación de dominación política que exercen determinados poderes fácticos e segmentos hexemónicos. Partindo das anteriores afirmacións gustaríame facer algunhas consideracións referidas á esquerda en Galiza:

1. Hai que definir o ámbito da esquerda no noso país. Que organizacións, colectivos ou persoas están chamadas a participar nunha fronte ampla? Antes de dar unha resposta é preciso ter en conta, como salienta Marta Harnecker,  que “a dereita ten demostrado unha gran iniciativa política e usa o seu control das institucións do Estado e a súa influenza económica para impor o novo modelo, servil ao capital financeiro e aos monopolios, precipitando as privatizacións, a desregulamentación laboral e todos os demais aspectos do programa neoliberal. Elabora e pon en práctica, asemade, unha hábil estratexia de fragmentación social, de sobredimensionamento dalgúns movimentos sociais, de fomento do antipartidismo. A esquerda partidaria, en troques, adoita estar á defensiva. Ao limitar o traballo político, agás cativas excepcións, ao uso da institucionalidade vixente, case exclusivamente, é dicer, ao adaptarse aos regulamentos do xogo do inimigo, case que nunca o toma por sorpresa. Caemos no absurdo de aceitar que o calendario das loitas da esquerda o fixe a dereita”. Pois ben, tendo en conta isto mais tamén que o escenario de xogo é un taboleiro chamado capitalismo que é un sistema que privilexia aos grandes poderes económicos, aos donos do gran capital financeiro e dos grandes medios de produción e que se basea na explotación da clase traballadora e da maioría social, e xa que logo resulta bastante simple delimitar quen está no campo da esquerda. O conxunto de organizacións políticas, culturais, sindicais e sociais que loitan pola destrución do sistema capitalista e pola implantación dun novo modelo, que supere a explotación de homes e mulleres, poden considerarse de esquerda.

Neste sentido, a esquerda defínese fundamentalmente por ser anticapitalista. As posicións políticas que buscan suavizar o capitalismo ou darlle unha face máis humana ou social pero sen atacar os seus alicerces e destruílo, terminan servindo aos intereses da dereita, independentemente de que os seus nomes inclúan palabras como "esquerda","socialista" ou "obreiro".

Isto hai que entendelo con claridade porque é fundamental, sobre todo en momentos de enorme debilidade da esquerda política como o actual. Hai que evitar calquera tipo de pacto (ou achegamento) ás forzas de dereita independentemente do seu tamaño ou influencia, porque ao cabo isto acaba debilitando á propia esquerda.

2. Hai que construír  estratexias de acción conxunta e cooperación política. Hai unha infinita cantidade de opcións intermedias entre un “matrimonio para toda a vida” e un “non lle dirixo sequera unhas verbas”. Entendo que moitas organizacións da esquerda en Galiza fan unha énfase desmedida nas súas diferenzas e restan importancia aos puntos que as unen e as loitas en común que deben enfrontar.  É claro e evidente que en Galiza a esquerda é diversa e atravesa distintas sensibilidades. A nosa historia recente xerou cando menos dúas vertentes claramente definidas:

a) A esquerda nacionalista soberanista e independentista que conxuga a súa adscrición a un programa socialista en Galiza e que loita pola construción nacional do pobo galego.

b) A esquerda socialista e comunista de raizame republicana que reivindica Galiza como parte dun Estado federal español, socialista e republicano, pero que podería chegar a aceitar o dereito de autodeterminación dos pobos e nacións.

É absurdo pretender que estas dúas vertentes se fundan por completo nun proxecto común porque as diferenzas entre as devanditas tradicións non son superficiais e incumben á identidade propia das organizacións. Porén hai unha serie de opcións alternativas entre este posible "matrimonio feliz" e o "somos tan diferentes que nin sequera conversamos".

É como na vida, entre casar para toda a vida e non falarse, hai miles de opcións intermedias, que pasan por ser amigos, amantes, amantes ocasionais, coñecidos que coinciden en ocasións e unha ampla gama de posibilidades.

Desde esta perspectiva hai asuntos como a loita pola defensa dos dereitos básicos dos traballadores e traballadoras ou a defensa sen concesións da educación e sanidade públicas e gratuítas, que deberían convocar a acción común e organizada de todas estas forzas. Incluíndo a necesidade de saír das sedes e locais para baixar á rúa e intentar organizar a amplos sectores populares da sociedade civil, evidentemente descontentos como se comprobou nas multitudinarias manifestacións do 15M.

Pódense e de feito débense construír pontes e tecer redes de acción unitaria puntual (ou estábel) entre toda a esquerda ante o asoballamento e aldraxe que sofren amplos sectores populares. Para iso, as organizacións deberían improvisar menos e deseñar unha estratexia clara de acordos que delimite con quen se xera unha posibilidade de unidade de acción (en función aos diferentes temas específicos) e con quen existe unha maior afinidade que poida permitir camiñar -no futuro- cara a unha confluencia orgánica.

Persoalmente, creo que avanzaríamos moito máis no futuro se, ante a atomización da esquerda, no canto de expornos da noite para a mañá unha coalición electoral -que non termina de concretarse- construísemos un camiño de coincidencia especifica nas diferentes loitas e mobilizacións nas rúas, fábricas, centros de ensino, universidades… que nos conduza a unha unidade concreta de acción. (Esas experiencias unitarias terminarán axudando a consolidar unha alternativa converxente tamén no campo electoral)

3. Non centrarnos só nun electoralismo ermo. A esquerda, como non posúe millóns de euros para facer campañas, terá maiores opcións electorais se primeiro derrote á dereita coa mobilización na rúa. Opino que a participación nas eleccións é moi importante, porén nas actuais democracias de baixa intensidade pode resultar desalentador e consumir esforzos que se poderían dedicar á mobilización e axitación social. No entanto semella que a máxima aspiración de moitas das agrupacións da mal chamada esquerda política, é colocar algún deputado no congreso ou no parlamento galego, institucións de cartón que, en última instancia, terminan pervertendo a vontade popular e servindo claramente aos intereses do establishment.

Resulta lamentábel ver como certas formacións de esquerda, lonxe de desenvolver e ganduxar un traballo de contacto e de unidade cotiá, entran no desespero e ultiman detalles de alianzas amarradas por un pelo, días antes das eleccións, discutindo basicamente quen irá primeiro nas listas e para quen computarán os votos antes que calquera tipo de cuestións programáticas.

En todo caso, o escenario de construción da unidade debe ser a rúa e a mobilización e non só as urnas (sen restarlle importancia a devandita cuestión electoral). Débese priorizar un traballo asembleario en barrios, vilas e comarcas de Galiza, antes de tratar só de coar algún que outro deputado ou concelleiro que, en definitiva, nada cambian senón que se inseren no armazón institucional e (como ten demostrado a experiencia do bipartito PSdeG–BNG ) terminan xustificando a engrenaxe do propio sistema (especialmente cando non hai detrás unha organización ou movimento social forte dándolle soporte aos represententes públicos).

Por iso hoxe en Galiza, os que dalgún xeito cremos nun proxecto transformador e militamos na esquerda consecuente, deberiamos pensar que antes de unir a esquerda hai que construíla de xeito horizontal, desde a base, e é nese traballo e esa loita onde os que rexeitamos o capitalismo, o imperialismo e o chovinismo español, independentemente das nosas diferenzas, podemos atoparnos. Creo que ese debe ser o camiño para a construción dunha Fronte Ampla en Galiza.