Entrevista a Óscar Lomba Álvarez, membro de PODEMOS.

19 de December del 2013

 

Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966) Militante PODEMOS. Avogado. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Participou en Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Colaborou cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, Tempos Novos, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, Praza Pública, Sermos Galiza, O Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico, Diario Liberdade, Tercera Información, San Borondón, Noticias Vigo, Adiante Galicia e Tribuna Socialista. Actualmente traballa na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) en Vigo. 

1) Como analizas a crise que estamos padecendo os traballadores dos pobos de España?

Estamos ante diversas crises ligadas entre si e que abranguen diversos escenarios e rexións de todo o planeta. As crises son as seguintes: 1) Crise financeira, (movementos especulativos, problemas de solvencia,...) 2) Crise de recursos naturais (auga, pesca, bosques, bio-diversidade,... ) e ecolóxica (cambio climático, efecto invernadoiro, ...), 3) Crise enerxética (esgotamento de combustíbeis fósiles), 4) Crise alimentaria (desastrosa xestión das reservas alimentarias mundiais, especulación e incremento exponencial do prezo dos alimentos...) e 5) Crise derivada do estoupido demográfico e migratorio mundial (superpoboación, migracións masivas...). É algo inédito. Empeorando, ademais, de xeito progresivo e acelerado, o agónico modelo económico vixente. Hai numerosas inter-relacións que se establecen entre distintos parámetros que dificultan unha diagnose correcta da magnitude ou envergadura desta complexa crise múltiple.

Os trazos do actual capitalismo mundializado debuxan unha cadea de dificultades que repercuten en todas as esferas da armazón socio-económico e en todos os recantos do planeta. Son problemas sistémicos que non deben ser abordados con solucións cosméticas senón que requiren dun compromiso universal, unha contribución e cooperación mundial á hora de atopar unha saída. E cada vez somos máis os que opinamos que a única saída definitiva pasa pola superación do capitalismo.

2) Como se reflicte esta crise en Galicia?

En Galicia esta crise tes uns trazos característicos. O que quero salientar é que os datos aportados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) demostran que a economía galega segue sumida nunha profunda depresión. É evidente a caída do PIB, así como o desmoronamento do consumo, o investimento e o gasto público. Asemade, continúa a sangría do paro, que destruíu miles de empregos en Galicia no último ano e deste xeito no mes de novembro deste ano alcanzouse a cifra de 270.854 desempregados. Por iso, considero que o discurso tanto de Núñez Feijóo como de Mariano Rajoy é un insulto á intelixencia dos traballadores e un exercicio de desvergoña e cinismo. Con mentiras non se pode disfrazar a realidade, e a suposta recuperación económica, por agora, é só un engano ou unha simple fantasía.

É necesario e urxente un cambio radical da política económica, que só se vai conseguir se a sociedade galega desobedece. Debe enfrontarse con enerxía e determinación a todas as políticas deseñadas polo goberno galego, español e a Troika.

Resulta nefasto o proceso de recentralización que está levando adiante o PP en todas e cada unha das nacións do estado Español co apoio dos poderes fácticos e determinados lobbies económicos, e que está recortando a autonomía, desmantelando o aparello produtivo e deslocalizando os centros de decisión do sistema financeiro, especialmente trala compra de NGB polo venezolano Banesco.

É imprescindíbel que os galegos defendan os seus instrumentos de autogoberno e que esixan máis competencias perante o Goberno central. Galicia debería crear un Banco Público galego e unha axencia tributaria propia que recade os impostos dos galegos para evitar que o Estado impoña a Galicia un límite de gasto inferior ao doutras comunidades.

3) Porque é necesario potenciar o espazo A ESQUERDA?

Fortalecer o espazo A ESQUERDA é primordial por múltiples motivos. Destacaría que a unidade de acción de todas as tradicións e sensibilidades da esquerda sería o único xeito de acabar co bipartidismo e construír unha verdadeira alternativa anticapitalista. Vivimos un período de esgotamento da política epidérmica, da conversión do compromiso político nun mercado do voto. Creo que a política debería deixar de ser un feudo enclaustrado nun círculo pechado onde participan só grandes partidos-empresa que controlan os mecanismos da opinión mediática, os dispositivos informativos, a publicidade, a mercadotecnia, as sondaxes...Creo que a esquerda debe renovarse e modernizar o seu discurso e a súa práctica. Entendo que ese é o obxectivo das Candidaturas de Unidade Cidadá e Popular. Aglutinar enerxías distintas e construír unha fronte popular unitaria, ampla e non excluínte.

4) Consideras que é posible a creación dunha gran fronte popular de esquerda que derrote a este goberno neoliberal?

É viábel, necesaria, posíbel, imperiosa e mesmo imprescindíbel. A esquerda e o nacionalismo deben porse de acordo. Para crebar a fragmentación e dispersión. As diferentes esquerdas que loitan contra o ultraliberalismo deben entender que o sectarismo e os pequenos feudos de poder deben esvaecerse fronte ao urxente compromiso de configurar unha forza de esquerda tan poderosa que se volva desequilibrante fronte ao poder económico e os seus valedores políticos, PP e PSOE. Pero o máis importante de todo e que debemos comprender dunha vez por todas, é que a principal arma de combate é a pluralidade e a diversidade. A mestizaxe ideolóxica. Debemos facer da variedade unha virtude tan poderosa, que consagrará ao novo referente como a principal forza política dos pobos e nacións que configuran o Estado español.

5) Cales serian os eixos dunha campaña ás eleccións europeas autenticamente de Esquerda?

Moitos opinamos que o eixo central debería ser a defensa dun programa verdadeiramente anticapitalista. A campaña debería artellar e representar os intereses dunha ampla maioría política e social europea. En todo caso, a existencia política futura desa gran fronte popular ampla tería que superar as simples contendas e confrontacións puramente electorais e extenderse ao traballo de base no conxunto da sociedade. Este é un requisito fundamental para afianzar o seu arraigo social e garantir o seu éxito.

 

Tamén publicada en...

http://compromisolaizquierda.blogspot.com.es/2013/12/entrevista-oscar-lomba-alvarez-co.html

http://www.tercerainformacion.es/spip.php?article61937

http://miradescritiques.blogspot.com.es/2013/12/entrevista-oscar-lomba-alvarez-co.html