ENTREVISTA A ÓSCAR LOMBA ÁLVAREZ, CANDIDATO Á COMISIÓN DE GARANTÍAS DEMOCRÁTICAS
5 de December del 2022
Entrevista realizada polo xornalista galego Xurxo Rodríguez Pérez. Xurxo Rodríguez é Graduado en Ciencia Política e da Administración pola UNED e xornalista de profesión. Desenvolveu a súa traxectoria como redactor e xornalista radiofónico en programas de radiodifusión como Troula, Trisquel e Ultreia, entre outros, nas estacións de Radio Archipiélago, “Canal 9, ´Las Arenas´” e “Radiodifusión Fuerteventura”.
Tamén publica habitualmente artigos de opinión e textos de contido diverso no seu popular blog “Distopías 18” e colabora con diversos medios de prensa escrita. Publicou numerosos artigos de opinión en varios diarios dixitais.
Xurxo publicou igualmente varios libros: “Tagor Radiofónico, 25 entrevistas” con prólogo de Santiago Garrido Rial e “Distopias 18”con prólogo de Fernando Franco.
ENTREVISTA
Pregunta 1. Xurxo Rodríguez Pérez (XRP). É vostede candidato á Comisión de Garantías Democráticas de PODEMOS GALICIA. Por que milita en PODEMOS? Por que decidiu presentarse á Comisión de Garantías Democráticas? . Faga por favor a súa presentación, traxectoria, experiencia, cualificación académica e profesional e outras cuestións que lle parezan salientables ou que crea que debe coñecer a militancia susceptible de votarlle.
Óscar Lomba Álvarez (OLA): Por que milito en Podemos? Pois contestaría con palabras prestadas. Nunha ocasión Pepe Mújica, o expresidente do Uruguai, dixo: “Que sería do mundo sen militantes? Que sería da condición humana sen militantes?”. Opino o mesmo que el. É necesario militar. Achegueime a Podemos ao sentirme identificado o proxecto político que se conseguiu artellar tras a presentación pública do manifesto “Mover ficha: converter a indignación en cambio político” e especialmente ao observar que un partido rupturista que se presentou ás eleccións europeas de 2014 obtivera un resultado espectacular. Tras a configuración en Galicia do espazo EN MAREA comecei a militar en Podemos Galicia e aínda que comecei moi ilusionado, recoñezo que actualmente estou un pouco desencantado, especialmente ao percibir que moitas cousas fixéronse mal. Porén, creo que hai que seguir adiante e tentar recuperar a ilusión.
Ademais, creo que coa miña militancia no círculo de Podemos Vigo, aprendín a converter o meu compromiso militante nunha achega enriquecedora á actividade política colectiva e creo que iso favoreceu así mesmo a conformación de novas redes interpersoais de compañeirismo, amizade, solidariedade e aprendizaxe.
Postúlome á Comisión de Garantías Democráticas de Podemos Galicia (CGDPG) porque creo que podo achegar o meu gran de area á conformación dunha nova CGDPG e ademais considero que teño experiencia ao ter sido membro da anterior Comisión. Desde a nova CGDPG esforzareime por mellorar o funcionamento do partido, para que sexa máis democrático, transparente e xusto, sen discriminación ningunha. Desde ese organismo traballarei arreo por un Podemos ao servizo da xente e velarei polo cumprimento real e igualitario dos documentos aprobados pola IV Asemblea Cidadá Galega, os protocolos democráticos e o resto de documentos do noso partido. Ese é o meu compromiso.
Respecto da miña traxectoria académica e profesional diría que son licenciado en dereito pola Universidade de Vigo e diplomado en maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Son persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) Traballo desde hai anos na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Vigo.
Hai uns anos participei nun concurso organizado pola Universidade de Vigo onde optei a varias prazas de profesor contratado interino. Na lista definitiva terminei incorporado como candidato para substitucións e contratos no departamento de organización de empresas e mercadotecnia. Pasado algún tempo ofrecéronme varios contratos para impartir clase nas seguintes materias: Xestión de empresas, Dirección e Xestión de entidades turísticas, para a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; administración da tecnoloxía e a empresa para a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo; técnicas de comunicación e liderado para a Escola de Enxeñería Informática. Outro dos contratos ofertados era para impartir a materia de técnicas de comunicación e liderado para a Escola Superior de Enxeñería Informática. E por último outro contrato para impartir dirección estratéxica internacional para a facultade de Administración e Dirección de Empresas e fundamentos de organización de empresas para a Escola de Enxeñería Industrial. En principio ao recibir o correo electrónico da Universidade de Vigo onde me ofrecían os contratos, ilusioneime moito, pero ao coñecer as condicións da oferta e a escasa retribución, decidín rexeitar a oferta. O soldo non chegaba aos 800 euros. A conclusión é que a situación laboral do persoal docente e investigador segue sendo moi precaria en Galicia.
Tamén presentei a miña candidatura para contratos de maxistrado suplente e xuíz substituto en todas as listas abertas polo CXPX (Consello Xeral do Poder Xudicial) tras un concurso convocado en 2019. Entreguei a documentación solicitada e chamáronme para traballar de xuíz substituto en diferentes lugares. Non aceptei tampouco ningún dos contratos ofertados porque eran contratos moi curtos e cun réxime de incompatibilidades moi estrito que tras o nomeamento e a sinatura do contrato non me permitían traballar en nada (con excepción da docencia xurídica) e tras cesar en calquera dos contratos propostos tería que esperar a un novo contrato de xuíz substituto, sen poder realizar ningunha outra actividade laboral remunerada pública ou privada e iso resultaba demasiado arriscado.
Certamente xa teño unha idade laboral avanzada e a seguridade dunha praza de persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde (SERGAS) fai difícil que poida empezar tan tarde unha nova carreira profesional nun sector diferente.
Tamén son activista social e estiven vencellado a diversos grupos e asociacións. Fun membro do Consello Reitor e vicepresidente da Cooperativa Árbore, asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e voceiro da Plataforma de Afectados pola Declaración de Nulidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo (SOS PXOM), entre outros. Actualmente son membro do Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades (ESCULCA) e membro fundador do Ateneo Atlántico. Son socio de Greenpeace, da Asemblea Republicana de Vigo e igualmente son membro de DIEM25.
Colaborei con traballos xornalísticos, reportaxes, entrevistas e publiquei artigos de opinión nos seguintes medios: Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, Tempos Novos, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Correo Gallego, A Peneira , Galicia Confidencial, Praza Pública e Sermos Galiza.
Preguntas 2. XRP. Integra vostede unha candidatura da lista branca, que agrupa persoas que non forman unha lista. E con todo publicamente vai facer campaña coma se tratase dunha candidatura. Por que?
OLA: Porque teño as miñas propias posicións e creo que terei maior visibilidade se fago campaña como “+ GARANTÍAS”, o nome que dou a miña candidatura, e ademais teño experiencia previa como integrante da anterior Comisión de Garantías. Pero hai outra moitas razóns:
Estou seguro de que o mellor para o funcionamento de Podemos Galicia debería ter sido unha lista á Comisión de Garantías Democráticas independente, neutral e única.
Unha lista verdadeiramente desvinculada de calquera sector actual.
Unha lista sen submisións a ningunha corrente interna, o que debería garantir o bo funcionamento do partido e a paz interna.
Considero fundamental contar cunha Comisión de Garantías independente e eficaz que non deba lealdade a ningunha candidatura.
A xustiza sempre debe ser independente e neutral…
Por outra parte tamén quero engadir que:
Quero aportar o meu coñecemento xurídico e a miña experiencia profesional no campo do dereito para conseguir un bo funcionamento interno, aportando o mellor que sei facer: resolver conflitos e ser un bo mediador.
Quero ser resolutivo, útil e imparcial no meu traballo coas bases, os círculos, a militancia e as inscritas…
Pregunta 3. XRP. Pode explicar á militancia que é basicamente a Comisión de Garantías Democráticas, as súas atribucións e competencias e o papel que xoga como garante dos dereitos e deberes da militancia de Podemos?
OLA: Hai tempo escribín un artigo de opinión, que está pendurado na miña páxina web, onde explico que considero moi importante que a Comisión de Garantías Democráticas de Podemos Galicia teña as seguintes competencias e atribucións:
1. Ditaminar sobre a adecuación das decisións de carácter orgánico, que tome o Consello Cidadán de Podemos Galicia, aos estatutos, regulamentos e demais normas de funcionamento de que se dote o partido e tamén vixiar que se cumpran das decisións tomadas por calquera órgano do partido.
2. Examinar as cuestións referentes ao funcionamento interno de Podemos Galicia e dos seus órganos de goberno, que expoña calquera persoa inscrita, militante ou calquera órgano do partido, dando conta do seu ditame mediante informe escrito ante o Consello Cidadán de Podemos Galicia, co fin de que a propio Consello tome posteriormente unha decisión, que debería poder ser analizada e revisada polo conxunto da militancia en cuestións de especial transcendencia, por medio de consultas telemáticas.
3. Garantir os dereitos da militancia e inscritas e asegurar a democracia interna do partido, así como a observancia por parte de toda a militancia, inscritas e organismos do partido, dos Estatutos, Regulamentos de funcionamento interno, protocolos éticos e demais documentos orgánicos.
4. Exercer as funcións propias de mediación, conciliación e arbitraxe no seo das diferentes estruturas en que se organiza o partido.
5. Examinar periodicamente as diferentes cuestións relativas ao funcionamento democrático do partido, elaborando e presentando ao Consello Cidadán aquelas conclusións que considere de interese.
6. Coñecer, e informar, as sancións propostas, e os seus recursos, da forma que se estableza nos Estatutos da nosa organización.
En todo caso, opino que a CGDPG debe actuar de maneira xusta, ecuánime e tería que ser o órgano máximo de interpretación dos Estatutos da organización, regulamentos internos, protocolos éticos e demais documentos de funcionamento elaborados polos distintos órganos do partido, no ámbito da súa competencia. Debería ser así mesmo o órgano encargado de velar polo cumprimento das normas democráticas do partido e salvagardar os dereitos da militancia e inscritas no partido.
Pregunta 4. XRP. No xogo de equilibrios orgánicos que papel representa -ou debe representar- ao seu criterio a Comisión de Garantías Democráticas con respecto á toma de decisións políticas dos órganos dirixentes do partido.
OLA: Entendo que a CGDPG non debería inmiscirse na actividade política do partido. Outra cousa diferente sería que o Consello Cidadán adoptase decisións políticas que vulnerasen ou contradixesen cuestións perfectamente delimitadas nos estatutos e regulamentos aprobados pola asemblea cidadá. Nese caso, tería potestade a CGDPG para actuar como un contrapeso que corrixise a posible desviación das normas aprobadas democraticamente polo conxunto da militancia e inscritas do noso partido.
Pregunta 5. XRP. Desexa engadir algo máis?
OLA: Quizais engadiría unha frase de Ricardo Mella que era un intelectual galego de Vigo, que foi un dos principais escritores e activistas libertarios de finais do século XIX e principios do século XX en Galicia. Ricardo Mella dixo nunha ocasión: “Queres cultura, liberdade, igualdade e xustiza? Pois ve e conquístaas, non queiras que outros veñan darchas”
- ÓSCAR LOMBA ÁLVAREZ é xurista, militante do Círculo Podemos Vigo e candidato á Comisión de Garantías Democráticas de Podemos Galicia
https://asambleas2022.podemos.info/detalleauto.php?ui=651301&c=2
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com