Elena Muñoz, tu quoque!

26 de February del 2015

Un argumento que non se basea na autoridade moral e que se apoia no recurso ao tu quoque (ti tamén) adoita ser falaz. Por exemplo, un caso habitual sería o dun médico que aconsella ao seu paciente deixar de fumar e devandito paciente respóndelle que el tamén fuma, así que, vindo del, o consello non ten validez. Neste caso trátase dunha falacia, xa que o criterio médico non se asenta na autoridade moral, senón en verdades científicas que son independentes da conduta do médico.

E vén a conto esta locución latina porque Abel Losada reclamou onte a Elena Muñoz unha aclaración na Cámara sobre o seu papel na fiscalización de axudas da Operación Zeta. E iso porque previamente Elena Muñoz pedía, hai uns días, explicacións ao goberno de Caballero en relación á suposta contratación ficticia dunha cuñada de Carmela Silva.

Opino que a manobra de Abel Losada baséase no “ti tamén”, ese argumento tramposo que consiste en rexeitar un razoamento, ou consideralo falso, alegando a inconsistencia de quen o propón. É, xa que logo, unha variante da falacia ad hominem, ou da falacia ad personam ou ataque persoal, mediante a cal Abel Losada procura demostrar que a crítica que efectuou Elena Muñoz sobre o emprego ficticio da cuñada de Carmela Silva non é admisíbel na súa boca, porque tamén ela cometeu algunha infracción pola que debería dar as oportunas explicacións.

Eu diríalle a Abel Losada que se equivoca ao intentar desviar a atención dos vigueses acusando á adversaria que pide explicacións sobre un asunto turbio. O argumento falaz esgrimido por Abel Losada non se sustenta. Lémbrame aquela antiga falacia relacionada con Jefferson. «Thomas Jefferson dicía que a escravitude estaba mal. Porén, el mesmo tiña escravos. Polo tanto dedúcese que a súa afirmación é errónea e a escravitude debe de estar ben». Esta falacia utilizada por Losada úsase frecuentemente en política como unha técnica retórica. O obxectivo de Abel Losada era refutar a afirmación de Elena Muñoz desacreditándoa. Con este argumento Losada buscaba distraer a atención sobre a infracción atribuída a Carmela Silva e a súa cuñada por Elena Muñoz, acusando [a esta última]  doutra actuación transgresora. Deste xeito Muñoz perdería toda credibilidade ao ser presentada como unha hipócrita. Losada busca así demostrar a falsidade da proposición enunciada por Muñoz, pero equivócase pois enchufar a unha cuñada está moi mal e peor aínda se por riba esta cobra o salario sen aparecer polo seu posto de traballo.