É posíbel construír un mundo mellor?
3 de March del 2021
Desde cativo escoitei miles de veces a frase: “debemos construír un mundo mellor”, mais tamén as súas variantes: “un país mellor”, “unha sociedade mellor” o ben a frase: “Óscar debes tratar de ser unha boa persoa”. Do mesmo xeito, lembro centos de lecturas nas que se suscitan unha morea de teorías de tipo utópico.
Como queira que sexa, é unha idea que está na testa de centos de persoas como un desexo latente, como unha aspiración, unha arela aparentemente inalcanzábel.
Lembro as longas conversas co meu irmán Xosé Agostiño e aquelas longas lecturas que el facía en voz alta. Lecturas sobre toda clase de textos que eu escoitaba deitado na miña cama. Unha gran variedade de teorías e propostas desde a filosofía, a política, a socioloxía, a economía que el expoñía en voz alta e das que logo me pedía a miña opinión. Estou convencido de que moitas daquelas marabillosas propostas e teorías filosóficas foron aplicadas no mundo enteiro, pero ningunha logrou aínda facer realidade ese mundo mellor. Quizais lograron facer certas melloras parciais que probabelmente axudaron a paliar en algo as condicións extremas que imperaban nos distintos tipos de sociedade que se sucederon.
O problema que impediu facer realidade ese soño dun mundo mellor, acho que ten moito que ver co arraigado egoísmo que impera e segue imperando na mente do ser humano. Egoísmo que lle impide facer renuncias básicas ao que considera a súa maior “aspiración” e “dereito”: enriquecerse e acumular toda clase de bens e obxectos, para facerse rico e poderoso. Todo o que apunte a afectar ou a diminuír ese suposto dereito á propiedade privada e calquera limitación que impida ou limite o enriquecemento e a apropiación de novos bens e propiedades. O máis grave é que por defender esa postura, o ser humano non dubidou en recorrer a calquera medio, por máis violento e desapiadado que fose: guerras, represión, tortura e cárcere contra quen concibiu e/ou defendeu ideas que puidesen subverter a orde existente ou facer cambalear os alicerces do capitalismo ou do patriarcado.
Nese contexto, a solidariedade, a paz, a xustiza, a posibilidade de compartir, non é posíbel en país ningún. Todos os grandes desexos quedan en fermosas declaracións nas constitucións dos diferentes países e nas declaracións das organizacións internacionais.
Un mundo mellor implica que todas as persoas poidan ter acceso a condicións necesarias para alcanzar unha vida digna, que inclúa un patrimonio básico, produto dun reparto xusto da riqueza que a sociedade no seu conxunto xera, así como o respecto aos seus dereitos fundamentais. Iso require dunha serie de cambios políticos, económicos e sociais, así como das actitudes e de visión da vida de todos os integrantes da sociedade.
Estou absolutamente convencido de que deberían aplicarse determinadas fórmulas que axudarían a construír un mundo mellor. Ese tratamento de choque para construír un mundo mellor debería basearse como mínimo nas seguintes medidas:
* A non acumulación e concentración da riqueza en poucas mans.
* Un cambio de actitude de cada ser humano.
* Un cambio global da visión da vida, con respecto á natureza, ás persoas e a nós mesmas.
* Un espertar da conciencia, mediante o redescubrimento da nosa misión como persoas do común
* Loitar xuntas por un medio ambiente san para poder vivir en harmonía cos demais e coa natureza.
* Unha superación da sociedade machista e patriarcal.
Sen estes requisitos mínimos, calquera proposta, calquera aspiración dun mundo de paz, de xustiza e de respecto aos dereitos humanos, non pasará de ser un desexo, unha fermosa aspiración e, en definitiva, unha utopía.
A tarefa é de todas e todos. Un mundo mellor non poderá construírse sen a participación de toda a sociedade no seu conxunto. Non o pode facer ningún goberno nin organización. Por que razón? Porque mentres as persoas non sexan conscientes da necesidade do cambio, do seu alcance e os seus fins e obxectivos, mentres no se produza un cambio de actitude, unha renuncia ao egoísmo, calquera mellora que se faga ou se logre, será de moi efémera duración.
A mente egoísta do ser humano, os seus apetitos, a súa mentalidade depredadora e a súa arraigada dependencia do que desde arriba lle proporcione o gobernante de quenda, nacional ou local, ou o poder económico global, fará que colapse aínda que sexa o mellor plan ou o máis elaborado e detallado proxecto transformador.
O ser humano ten que liberarse desa dependencia do consumismo e do capitalismo. Esta cultura fai que o cidadán común non espere nada dos demais. Diso aproveitáronse sempre os políticos corruptos e os empresarios sen escrúpulos. Se o individuo non cambia, a sociedade tampouco o fará, porque todo o que pasa na sociedade é reflexo do que pasa na testa e no pensamento dos individuos. Se hai egoísmo, ira, odios, rancores, a nivel individual, haberá necesariamente tamén o mesmo a nivel colectivo. A clave é, entón, promover ese cambio de visión, ese espertar en cada conciencia. O outro é construír castelos de area no baleiro Hai que crear unha nova cultura: a da responsabilidade, a da participación e a do compromiso.
Todas as persoas debemos tecer un pensamento colectivo que teña como premisas fundamentais a igualdade, a liberdade e a fraternidade, e como obxectivo central e prioritario a defensa da felicidade colectiva da humanidade. A supervivencia da especie humana, do planeta e do conxunto de animais e plantas que existen na Terra. Loitar por ese soño dun mundo mellor debería ser a meta final da humanidade!
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com