Do cancro sistémico á metástase global

5 de June del 2011

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/do-cancro-sistemico-metastase-global/idEdicion-2011-06-05/idNoticia-675987/

Final do capitalismo? O capitalismo hai anos que deixou de ser un sistema determinado e as súas condicións forman parte da condición mesma da humanidade. Se estivésemos asistindo á morte dun sistema determinado abriríase a ocasión para probar con outro ou outros máis. O funeral do capitalismo é sen distinción a fin dunha época, posto que o fracasado non é unha orde de desenvolvemento económica ou social senón o desenvolvemento da orde coñecida.

Vicente Verdú

Habitamos un mundo no que un feixe de privilexiados posúen cuantiosas riquezas mentres coexisten con xigantescas bolsas de pobreza. Ata no corazón do capitalismo occidental hai enormes desigualdades e miserias. Aínda que é certo que o futuro podería deparar grandes oportunidades non resulta menos certo afirmar que o capitalismo está experimentando unha crise moi grave tras o sismo derivado do crash bolsista do 2008 que afundiu o sistema financeiro internacional. O neoliberalismo é culpable de todos estes despropósitos, da cobiza sen límites, da desregulación dos mercados, da especulación desenfreada á que asistimos nos últimos anos. Aínda por riba o cancro sistémico, financeiro, inmobiliario, cambiario e crediticio propagouse cunha extraordinaria rapidez por todos as células do organismo económico planetario e os seus tecidos bancarios, industriais e comerciais mergulláronse nunha metástase global que afecta á industria, ao consumo, ao emprego e á maltreita economía das familias. Doutra banda dicir tamén que o actual contexto está viciado por unha crise múltiple: enerxética, alimentaria, climática, demográfica... resultando palpable que os desequilibrios son cada vez maiores no escenario da política mundial e que devandita política internacional parécese cada vez máis a un circo de estados-funambulistas que pasean por unha corda frouxa, e onde os Estados Unidos xa non son os únicos trapecistas que dominan o espectáculo xeopolítico internacional, pois apareceron outros equilibristas na escena planetaria como os chineses ou os brasileiros. A corda cambaléase e a crise vaise volvendo crónica, e aínda que algúns analistas son optimistas e falan de gromos verdes, outros como o catedrático de economía da Universidade Ramón Llull, Santiago Niño Becerra, son menos confiados e máis escépticos. Becerra asegura que a crise non alcanzou, aínda, a intensidade máxima e acha que estalará con toda a súa crueza ao longo do 2011 e que será longa e moi dura. En semellantes termos manifestábase recentemente o catedrático da Universidade de Vigo, Xosé Luís Outes Ruso, quen afirmou que no estado español a crise podería durar máis tempo que no resto de Europa.

Outro aspecto fundamental é que o cancro sistémico socavou determinados contrapesos do capitalismo real xerándose paseniño mecanismos de integración económica dirixidos a conectar redes de empresas que van absorbendo entidades máis pequenas e que xeran tamén unha unificación progresiva e cada vez máis acelerada dos mercados, das culturas e dos modos de vida de centos de millóns de seres, e todo iso ameaza, á súa vez, con esmagar ou esnaquizar as identidades culturais autóctonas, a independencia económica, a propia soberanía nacional e a marxe de manobra dos distintos gobernos. A fenda que separa os países ricos dos pobres é cada día maior, o poder de decisión concéntrase en menos mans, a biosfera vaise degradando aceleradamente e a biodiversidade estase afogando nun océano transxénico, clónico e uniformizador. Por outra banda as tensións rexionais van en aumento e os conflitos bélicos sucédense en distintos puntos do globo encirrados -moitas veces- polos sectores que desexan un choque de civilizacións. Esta é a amarga realidade que supón esta globalización capitalista que pouco ten de oportunidade para o progreso humano. Unha alterglobalización -como diría Francisco Fernández Buey- xeraría un gran potencial de interacción multicultural e un enriquecedor diálogo integral que favorecería unha auténtica alianza da civilización planetaria humana, pero por desgraza estanse dilapidando esas outras posibilidades que podería conter esoutra globalización humanista posible, mentres se arrecantan no faiado universal as necesidades fundamentais dos pobos, dos cidadáns, do conxunto da humanidade alimentándose o odio racial, relixioso, e mentres axigantan as desigualdades, as inxustizas e os resentimentos entre as distintos pobos e culturas da Terra.

Vivimos nun mundo comunicado por vasos inter-conectados. É un mundo disgregado e global. Os mozos de Toquio escoitan fados lisboetas e as telenovelas venezolanas arrasan nos fogares de Moscova, o rap soa en Estocolmo e as muiñeiras báilanse en Windohoek... Con todo os medios de comunicación ostentan actualmente un poder sen precedentes para formar ideas e opinións. Determinan o modo en que vivimos e inflúen na economía e na política globais. A maioría dos cidadáns considera que, logo de ler o xornal, de escoitar a radio ou de ver a tele, está medianamente informada da actualidade nacional ou internacional e porén -como diría Pascual Serrano- a desinformación é cada vez máis xigantesca e a saturación de enunciados, declaracións, medias verdades, ou simplemente falsidades é unha realidade.

Terminaría o meu artigo con algunhas preguntas que se fai o pensador, físico e historiador hindú Dipesh Chakra-Barty no seu libro O humanismo na era da globalización (a descolonización e as políticas culturais): "Conducirá a globalización a unha cultural global modelada e vendida polos medios de comunicación? Significará a globalización que as diferenzas culturais só sobrevivirán se as convertemos en bens comercializables, de modo que o local se converta nunha mera inflexión do capitalismo global? Ou levará á urxencia dun humanismo global enriquecido por numerosas circunstancias particulares?"... Malo será que máis tarde ou máis cedo teñamos algunha resposta!....