Defendamos o Parque García Picher

15 de July del 2022

En Vigo realizáronse demasiadas obras e “humanizacións grises”, sen ampliar os espazos verdadeiramente naturais, cunha ocupación progresiva dos solos por cemento, lousas e baldosas e nas que a natureza vai retrocedendo en favor do cemento. Creo que é necesario crear novos espazos verdes, levar adiante unha verdadeira renaturalización da nosa cidade, plantar novas árbores, protexer a biodiversidade e loitar contra o cambio climático.

 

Os espazos verdes urbanos melloran a calidade de vida e a saúde das persoas, xa que reducen a contaminación filtrando o aire. Absorben o balbordo producido polo rodamento dos vehículos, axudan a suavizar a temperatura da cidade, rebaixándoa no verán e manténdoa constante no inverno. Estes espazos verdes urbanos son auténticos oasis na cidade e favorecen a socialización, a convivencia e o benestar emocional das persoas.

 

Por iso é necesario rexeitar o proxecto anunciado por Abel Caballero para a praza García Picher. A intención do Concello de Vigo, segundo informou o goberno municipal recentemente, é remodelar e redistribuír o espazo, onde na actualidade hai un fermoso parque de 290 metros cadrados, e converter devandita parcela en algo que pouco ten que ver co que ten que ser un espazo verde e natural.

 

Hoxe venres, 15 de xullo, terá lugar ás 20:00 horas no propio parque unha protesta pola defensa desta zona verde do centro da nosa cidade.

 

Mobilicémonos e evitemos que destrúan o noso patrimonio natural.