- Opinión /
- Galicia Hoxe /
- De traficantes de fármacos
De traficantes de fármacos
15 de May del 2011
http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/traficantes-farmacos/idEdicion-2011-05-15/idNoticia-669056/
"O noso xeito de vida está a xerar novas doenzas relacionadas coa contaminación ambiental. Ademais, estanse a desenvolver outras patoloxías para aumentar os beneficios pola venda de vacinas e fármacos, entre outros produtos. É o negocio de crear temor para vender o seu tratamento"
Miguel Jara
"A posibilidade de que un oncólogo propoña nun hospital a un doente con cancro un tratamento que vaia máis aló da cirurxía, a quimioterapia e a radioterapia é a día de hoxe practicamente nula. Custaríalle o rexeitamento ideolóxico da maioría dos seus colegas e ata o mobbing laboral. E en caso de propolos como alternativa aos tratamentos convencionais ata serios problemas legais".
Introdución do 17º vídeo de Discovery DSalud Televisión, titulado A oncoloxía integrativa ou abordaxe
oncolóxica integral
"Médicos e académicos relevantes son pagados pola industria para que asinen artigos que non escriben baseados en datos que non recollen nin analizan e, en ocasións, nin ven. A infección polo diñeiro da industria está tan estendida na comunidade científica que a entrega de cheques por algo que non se fai ou se fai mal, é dicir, por faltas de ética, adquiriu xa unha certa naturalidade".
Salvador López Arnal
Non entendo a decisión do Goberno central de recorrer perante o Constitucional o catálogo de medicamentos da Xunta. De todas as maneiras, malia o recurso do Ministerio de Sanidade, Galicia conseguiu rebaixar a súa factura farmacéutica en 11,5 millóns de euros (no mes de marzo), o que supón un aforro medio de 370.000 euros ao día (que non é pouco). Dicía que non comprendo as motivacións do Goberno de Zapatero de facerlles o xogo ás farmacéuticas. Digo isto porque estou convencido de que era necesario racionalizar o gasto farmacéutico. Non teño dúbidas de que as patentes de medicamentos están permitindo á industria farmacéutica obter un lucro desmedido en lugar de beneficiar a poboación. Porén os medicamentos xenéricos son seguros, e teñen a mesma eficacia que fármacos con marca. Non están xa baixo unha patente e o seu custo é moi inferior. A industria farmacéutica ten grandes e poderosas conexións co sistema sanitario, así que a dependencia, subordinación e ata submisión dos centros hospitalarios e universitarios á industria farmacéutica é unha realidade. O poder económico-financeiro das farmacéuticas é xigantesco e é utilizado, por estas poderosas corporacións, como Lilly, Bayer, Novartis, Pfizer, Abbott, Roche, Pharmacia, Glaxo, Merck e outras moitas, para alcanzar os seus obxectivos comerciais comprando vontades.
Para incrementar a prescrición de novos medicamentos e multiplicar o número de receitas, pagan reunións, simposios, cursos, proxectos de investigación, congresos (con viaxes e estadías en lugares exóticos), dispositivos terapéuticos, aparellos médicos, e ata ceas e agasallos de todo tipo.
A relación coas facultades, centros de estudo e investigación, escolas de negocio ou ata colexios e sociedades profesionais é moi semellante. A industria farmacéutica subvenciónaos para conseguir que a esfera académica non sexa crítica nin fustrigadora senón amigable, devota e incluso adicta e produza traballos rigorosos e con certo prestixio académico en defensa das patentes, os prezos, o consumo...en definitiva en defensa do beneficio das farmacéuticas. Compran o paraugas protector dunha arañeira intelectual recoñecida.
Desde logo os funcionarios da Administración sanitaria e os responsable do mundo académico e universitario non deberían aceptar doazóns, donativos, presentes, obsequios, agasallos nin prebendas da industria farmacéutica, nin en diñeiro nin especie. Entendo que cando así proceden están aceptando unha forma camuflada de suborno. En ocasións é seguro que satisfán necesidades urxentes dos servizos sanitarios, pero nunca poderán compensar a desintegración ético, descomposición moral e os numerosos problemas de insuficiencia que axiña agromarán asociados a esta solapada forma de perversión profesional. Estímase que o 70 % de todos os ensaios clínicos son pagados directa ou indirectamente polas farmacéuticas, e o peor de todo é que ademais da investigación clínica, a industria farmacéutica xa contamina ou infecta os centros de creación do coñecemento científico e de emanación do I+D+i (investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica). Ensucia as fontes e a mesma natureza da investigación básica. A intervención financeira das farmacéuticas xera un clima de traballo que incita os investigadores a ter máis en conta as posibilidades comerciais do proxecto que o seu valor intelectual e beneficio público. A industria do medicamento promove unha investigación que busca diñeiro por medio da comercialización do coñecemento; orientada cara á transferencia de tecnoloxía, os dereitos de propiedade intelectual e as patentes, e xa que logo, considera os datos científicos como bens particulares ou persoais e confidenciais ou secretos. A indagación pública e a discusión aberta, que permiten a outros científicos e investigadores verificar, cotexar, confrontar e repetir os resultados, algo indispensable para o avance e o progreso de calquera ciencia, fanse imposibles. A industria do medicamento incomunica e illa os investigadores e promove a apropiación privada do saber científico póndoo ao servizo do lucrativo negocio farmacéutico. As relacións do binomio industria-universidade poden afectar adversamente ao ámbito académico inhibindo o libre intercambio de investigacións científicas, minando a colaboración e cooperación entre departamentos, creando conflitos entre investigadores ou impedindo a publicación dos resultados de determinadas indagacións científicas.
Pode parecer estraño, pero son as grandes multinacionais as que forman ou instrúen os facultativos da sanidade pública nos avances farmacolóxicos e innovacións tecnolóxicas, reais ou aparentes, que finalmente consumirá o Sistema Nacional de Saúde. Moi poucas veces as innovacións son evidentes e tampouco se pode aseverar con precisión que respondan a motivos fundados de calidade-prezo.
As empresas coñecen ao detalle que médicos se distinguen por prescribir preferentemente os seus produtos e -sen o menor escrúpulo- prémianos das máis diversas formas: agasallos caros, pracenteiras viaxes, ceas opíparas, aparellos sofisticados e complementos varios.
Por todo o exposto, e sabendo que Galicia é unhas das comunidades con maior gasto farmacéutico por habitante, non se entende a postura do Goberno central de recorrer perante o Constitucional o catálogo de medicamentos da Xunta.
Para terminar gustaríame facerlle algunhas preguntas aos responsables do Ministerio de Sanidade: ¿Por que unha medida encamiñada a facer sostible o sistema sanitario público e, ao mesmo tempo, mellorar a súa dotación de infraestruturas a través dun aforro diario de 300.000 euros, pode ser posta en cuestión sen maior argumento que un conflito de competencias que non é tal? ¿Por que hai unha coincidencia plena entre o Goberno central e o manifestado por algúns dos sectores das multinacionais farmacéuticas? ¿Por que o PSOE presentou o recurso contra o catálogo de medicamentos da Xunta perante o Constitucional? ¿Por que o Ministerio de Sanidade salvagarda os intereses das multinacionais farmacéuticas? ¿Por que falar -cando hai ofrecemento e aceptación de prebendas- de representantes farmacéuticos, médicos e investigadores cando en realidade deberiamos estar falando de traficantes, mercenarios e mercadores?
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com