- Opinión /
- SERMOS GALIZA /
- Cede o mar embravecido
Cede o mar embravecido
de del
http://www.sermosgaliza.gal/opinion/oscar-lomba/cede-mar-embravecido/20130515185442014905.html
«Sentes consternación ao ollar este mar plano,
Este mar calmo,
mar da tranquilidade
Que terribelmente semella anunciar:
Verrà la morte e avrà i tuoi occhi,
mirada fusca da alta esperanza»
Agostiño Lomba
Galicia, hai só uns anos, semellaba un mar plano. Agora é un mar axitado, embravecido. Mar de novas apocalípticas, discusións alporizadas, balbordo mediático, concepcións do mundo enfrontadas, imaxes crispadas, voces discordantes que claman as súas medias verdades...Mergullada nun desconcerto xeneralizado, o tempo das grandes afirmacións unívocas concluíu. Medra a desconformidade na sociedade. Pasamos do monolitismo do discurso dominante á aparición de novos discursos revolucionarios, da rixidez dos modos de comportamento estándares á aparición de novos xeitos de vida... Malia todo algúns intelectuais prognostican unha harmoniosa fusión das civilizacións e das culturas do planeta, un camiño cara á tolerancia mutua ou a curiosidade exploratoria... Porén estas visións están moi lonxe da realidade. Á sociedade pechada e mediocre do pasado sucédelle un mundo inhumano, o da mundialización que o disolve todo. O pesadelo xa comezou e a mundialización faise realidade segundo os designios das transnacionais e as súas estandarizacións: marcas, ritmos de traballo á americana e itinerarios urbanos que corroen aos poucos as nosas vidas. O que se pretende facer pasar por un presunto universalismo occidental da Ilustración e dos dereitos humanos non é outra cousa que a opinión dalgúns homes brancos mortos ou vellos que oprimen os dereitos das minorías.
No canto de gozar cada vez máis de liberdade para soñar, das perspectivas de descubrir outras culturas, de interrogarnos e filosofar, as nosas almas están colonizadas por paixóns tristes; a angustia do mañá, os rumores de atentados e guerras, a estigmatización dos outros, o cansazo de percorrer deshumanizadas megalópoles, a dificultade para amar...
Quen ía imaxinar naquel setembro de 2008 que a caída de Lehman Brothers daría inicio, non só á grave crise económica que estamos a sufrir, senón tamén a unha crise política na que xa se cuestiona o réxime emanado trala IIª restauración borbónica.
Entrementres, os cantos de serea para “salvar o sistema”, proclamados aos catro ventos polas personificacións ideolóxicas do capital, van soar máis alto, mentres as contradicións da orde establecida reafirman o seu carácter destrutivo con crecente intensidade. O reto histórico de transformación radical está polo tanto facéndose máis urxente cada día.
A dimensión política vital dese proceso transformador está estreitamente integrada coa dimensión social e cultural da vida cotiá da xente
Como afirma a filósofa arxentina Isabel Rauber “esta transición ten entre as súas tarefas centrais a construción de poder político cultural desde abaixo, simultaneamente ferramenta e camiño para a construción do actor colectivo, a forza social revolucionaria do cambio e a súa organización política, impulsado pola participación democrática dos pobos, e cohesionado inicialmente mediante definicións programáticas estratéxicas que orienten e contribúan a facer confluír e enlazar os procesos de loita e transformación que nacen nos ámbitos comunitarios locais cos que teñen lugar noutras dimensións e ámbitos...Xa que logo, toda revolución social desde abaixo (radical) ten como centro e punto de partida aos seres humanos concretos que integran unha sociedade concreta nun momento histórico determinado; por iso é polo que resulta imprescindíbel enfocar o proceso socio-transformador na súa integridade e profundidade multidimensional e intercultural. Esta complexidade do proceso é parte substantiva, característica das revolucións desde abaixo, creadas e protagonizadas polos pobos. Velaí as revolucións sociais do século XXI”.
Galicia é un mar embravecido e o seu futuro resulta incerto. Os galegos e galegas somos os peixes deste mar alterado. E xa sabedes que o único que entende a linguaxe dos peixes é Santo Antônio de Padua e por iso termino o meu artigo co responsorio do Santo Antônio que escoitei hai tempo nunha igrexa en Caminha:
“[...] Se milagres desejais,
Recorrei a Santo Antônio;
Vereis fugir o demônio
E as tentações infernais.
Recupera-se o perdido,
Rompe-se a dura prisão
E no auge do furacão
Cede o mar embravecido [...]”
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com