CARMELA SILVA E A CORNUCOPIA

18 de February del 2019

O Corno da Abundancia ou Cornucopia aparece en mans de cantas figuras alegorizan nocións tales como riqueza, prosperidade, bos augurios ou opulencia. Está xeralmente asociado á deusa Fortuna e na mitoloxía grega faise referencia a Amaltea, quen aleitou a Zeus con leite de cabra. En agradecemento este agasallouna cun dos cornos que tiña o poder de conceder desexos ao seu dono, converténdose en símbolo de abundancia ou prosperidade.

 

E vén a conto este breve pincelada de mitoloxía porque algúns políticos de Vigo tamén deben considerar que dispoñen de facultades divinas e capacidade para favorecer caprichosamente a quen desexen. E aínda que Vanesa Falque non é Amaltea, nin Carmela Silva é Zeus, nin Gutiérrez Orue é a Cornucopia, si debe haber moitos vigueses humildes que deben sentirse abandonados nun inframundo de tebras e néboa.

 

Recentemente tiven coñecemento de que a sección quinta da Audiencia de Pontevedra condenou a cinco anos e tres meses de cárcere ao funcionario xefe de área do Concello de Vigo, Francisco Javier Gutiérrez Orue, por promover a adxudicación irregular de varios contratos á concesionaria municipal Imesapi para pagarlle un salario a Vanesa Falque, cuñada de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. O tribunal considerou acreditado a comisión dun delito continuado de prevaricación, así como malversación de caudais públicos e falsidade documental por parte do funcionario ao que ademais condena a nove anos de inhabilitación absoluta para exercer cargo público.

 

O nepotismo segue sendo un mal moi presente na nosa institución municipal e algúns funcionarios parecen dar preferencia, na concesión de empregos e favores, a familiares ou amigos de xente poderosa, sen importar o mérito para ocupar o cargo, senón simplemente o súa lealdade a determinados políticos cunha relaxada ética.

 

Non existe unha cornucopia que faga realidade todos os nosos desexos, pero semella que hai algúns privilexiados que teñen padriños que lles axudan a conseguir sen dificultade ningunha o que outros debemos alcanzar con gran esforzo e sacrificio.