PANDEMIA E ANTICAPITALISMO

23 de April del 2021

"Na actualidade o capital volveuse demasiado grande para fallar, porén chegou a ser demasiado monstruoso para sobrevivir” David Harvey

 

Creo que a distribución de vacinas en todo o mundo está a ser extremadamente desigual, o que pon en risco a vida de millóns de persoas. Aínda que os países ricos representan gran parte das doses, en moitos países en desenvolvemento nin sequera iniciaron a campaña de vacinación por falta de medios. Creo que isto debería reavivar o debate ao redor das patentes e o control internacional sobre a produción, uso e distribución de vacinas.

 

O noso xeito de vida está a xerar novas doenzas relacionadas coa contaminación ambiental. Ademais, estanse a desenvolver outras patoloxías para aumentar os beneficios pola venda de vacinas e fármacos, entre outros produtos. É o negocio de crear temor para vender o seu tratamento”.

 

Miguel Jara

 

A posibilidade de que un oncólogo propoña nun hospital a un doente con cancro un tratamento que vaia máis aló da cirurxía, a quimioterapia e a radioterapia é a día de hoxe practicamente nula. Custaríalle o rexeitamento ideolóxico da maioría dos seus colegas e ata o mobbing laboral. E en caso de propolos como alternativa aos tratamentos convencionais ata serios problemas legais”.

 

Introdución ao 17 vídeo de Discovery DSalud Televisión, titulado Oncoloxía integrativa ou enfoque integral do cancro.

 

Médicos e académicos relevantes son pagados pola industria para que asinen artigos que non escriben baseados en datos que non recollen nin analizan e, en ocasións, nin ven. A infección polo diñeiro da industria está tan estendida na comunidade científica que a entrega de cheques por algo que non se fai ou se fai mal, é dicir, por faltas de ética, adquiriu xa unha certa naturalidade”.

 

Salvador López Arnal

 

Creo que a mutabilidade do capitalismo non ten límites, agás a extinción da especie e o colapso do planeta. Porén mentres todos estes acontecementos relacionados coa pandemia están a ocorrer, os cambios provocados polas transnacionais e os poderes económicos tamén se aceleran na procura dunha maior taxa de explotación e aumento dos beneficios. Como afirma Marcos Roitman Rosenmann, nun interesante artigo de opinión publicado en LA JORNADA, “Se a loita pola apropiación da plusvalía é unha das características da contradición capital-traballo, hoxe estamos ante unha reinvención das formas de dominación, alienación do excedente e construción da hexemonía. O capitalismo dixital ponse ao día usando as novas tecnoloxías baixo a pandemia Covid-19. Se facemos historia, é un proceso similar ao que sufriu o capitalismo histórico entre os séculos XVI e XVIII, onde a protoindustrialización e os descubrimentos científicos aceleraron o proceso de acumulación de capital e a revolución industrial "

 

E se nos centramos no campo da saúde e as biotecnoloxías vemos que pasa o mesmo. Estou totalmente de acordo con Boaventura de Sousa Santos cando di: “Sabemos que o mundo europeo (e norteamericano) mostrou nesta pandemia a mesma arrogancia coa que tratou ao mundo non europeo durante os últimos cinco séculos. Como cre que o mellor coñecemento técnico-científico provén do mundo occidental, non quixo aprender do xeito en que outros países do Sur global trataron as epidemias e, en concreto, este virus. Moito antes de que os europeos se decataran da importancia da máscara, os chineses xa a consideraban obrigatoria. Por outra banda, debido a unha mestura tóxica de prexuízos e presión dos lobbies ao servizo das grandes compañías farmacéuticas occidentais, a Unión Europea (UE), Estados Unidos e Canadá recorreron exclusivamente ás vacinas producidas por estas empresas, con consecuencias por agora imprevisibles”.

 

Os diferentes gobernos de moitos países permitiron á industria farmacéutica obter un beneficio desproporcionado en lugar de favorecer os intereses da cidadanía. Por exemplo, os medicamentos xenéricos son seguros e funcionan igual que os de marca. Xa non están baixo patente e o seu custo é moito menor. E, con todo, moitos sistemas de saúde seguen a promover certos medicamentos e tecnoloxías sanitarias. E isto débese a que a industria farmacéutica ten grandes e poderosas conexións cos sistemas de saúde, polo que a dependencia, a subordinación e incluso a submisión de hospitais e universidades á industria farmacéutica é unha realidade. O poder económico-financeiro das compañías farmacéuticas é xigantesco e é utilizado por estas poderosas corporacións, como Lilly, Bayer, Novartis, Pfizer, Abbott, Roche, Pharmacia, Glaxo, Merck e moitas outras, para acadar os seus obxectivos comerciais mercando vontades.

 

Para incrementar a prescrición de novos medicamentos e multiplicar o número de receitas, pagan reunións, simposios, cursos, proxectos de investigación, congresos (con viaxes e estadías en lugares exóticos), dispositivos terapéuticos, aparellos médicos, e ata ceas e agasallos de todo tipo.

 

A relación coas facultades, centros de estudo e investigación, escolas de negocio ou ata colexios e sociedades profesionais é moi semellante. A industria farmacéutica subvenciónaos para conseguir que a esfera académica non sexa crítica nin fustrigadora senón amigable, devota e incluso adicta e produza traballos rigorosos e con certo prestixio académico en defensa das patentes, os prezos, o consumo...en definitiva en defensa do beneficio das farmacéuticas. Compran o paraugas protector dunha arañeira intelectual recoñecida.

 

Desde logo os funcionarios da Administración sanitaria e os responsable do mundo académico e universitario non deberían aceptar doazóns, agasallos nin prebendas da industria farmacéutica, nin en diñeiro nin especie. Entendo que cando así proceden están aceptando unha forma camuflada de suborno. En ocasións é seguro que satisfán necesidades urxentes dos servizos sanitarios, pero nunca poderán compensar a desintegración ética, descomposición moral e os numerosos problemas de insuficiencia que axiña agromarán asociados a esta agochada forma de perversión profesional. Estímase que o 70 % de todos os ensaios clínicos son pagados directa ou indirectamente polas farmacéuticas, e o peor de todo é que ademais da investigación clínica, a industria farmacéutica xa contamina ou infecta os centros de creación do coñecemento científico e de emanación do I+D+i (investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica). Emporca as fontes e a mesma natureza da investigación básica. A intervención financeira das farmacéuticas xera un clima de traballo que incita os investigadores a ter máis en conta as posibilidades comerciais do proxecto que o seu valor intelectual e beneficio público. A industria do medicamento promove unha investigación que procura diñeiro por medio da comercialización do coñecemento; orientada cara á transferencia de tecnoloxía, os dereitos de propiedade intelectual e as patentes, e xa que logo, considera os datos científicos como bens particulares ou persoais e confidenciais ou secretos. A indagación pública e a discusión aberta, que permiten a outros científicos e investigadores verificar, cotexar, confrontar e repetir os resultados, algo indispensable para o avance e o progreso de calquera ciencia, fanse imposibles. A industria do medicamento incomunica e illa os investigadores e promove a apropiación privada do saber científico póndoo ao servizo do lucrativo negocio farmacéutico. As relacións do binomio industria-universidade poden afectar adversamente ao ámbito académico inhibindo o libre intercambio de pescudas científicas, minando a colaboración e cooperación entre departamentos, creando conflitos entre investigadores ou impedindo a publicación dos resultados de determinados avances científicos.

Pode parecer estraño, pero son as grandes multinacionais as que forman ou instrúen os facultativos da sanidade pública nos avances farmacolóxicos e innovacións tecnolóxicas, reais ou aparentes, que finalmente consumirá o Sistema Nacional de Saúde. Moi poucas veces as innovacións son evidentes e tampouco se pode aseverar con precisión que respondan a motivos fundados de calidade-prezo.

As empresas coñecen polo miúdo que médicos se distinguen por prescribir preferentemente os seus produtos e –sen o menor escrúpulo– prémianos das máis diversas maneiras: agasallos caros, pracenteiras viaxes, ceas opíparas, aparellos sofisticados e complementos varios.

Todo isto dános unha breve idea do que está a suceder no capitalismo actual e nos nosos sistemas de saúde e acho que isto debería ser revertido polos gobernos progresistas, que deberían ser capaces de artellar respostas coordinadas que favorezan o recoñecemento da saúde como ben público e non convertelo nun simple negocio. Por esta razón, estou de acordo con Boaventura de Sousa Santos cando di: “Non sorprende, polo tanto, que haxa agora unha ampla coalición global de organizacións non gobernamentais, estados e axencias da ONU a favor do recoñecemento da vacina (e a saúde en xeral) como un ben público e non como un negocio” e por isto Boaventura de Sousa Santos defende a suspensión temporal dos dereitos de patente. Este movemento global afecta á loita polo acceso á saúde de todos os seres humanos e pola transparencia e control social dos fondos públicos implicados na produción de medicamentos e vacinas .

Creo que a única resposta satisfactoria para a especie e o planeta no seu conxunto é camiñar cara ao socialismo e como afirma David Harvey no seu libro Dezasete contradicións e o fin do capitalismo: “A única esperanza é que a masa da humanidade vexa o perigo antes de que a podremia vai demasiado lonxe e os danos humanos e ambientais sexan demasiado grandes para ser curados”.

Porén, hai tres escenarios posibles que Boaventura de Sousa Santos describe no seu último libro O futuro comeza agora: da pandemia á utopía:

Escenario 1: todo como antes ou peor. Capitalismo abisal e estado de emerxencia securitario

Escenario 2: pel capitalista, máscara socialista: o novo neo-keynesianismo

Escenario 3: barbarie ou civilización: alternativas ao capitalismo, colonialismo e o patriarcado”. O que eu resumiría na famosa frase: "socialismo ou barbarie".

Reitero que o camiño é artellar unha resposta anticapitalista global que actúe de xeito intelixente e eficaz, dinamizando e organizando os movementos sociais en todos os recantos do mundo e impulsando un partido-movemento internacional que favoreza a colaboración e o apoio mutuo entre a militancia organizada dos diferenres lugares do planeta. A nosas organizacións deberían comezar a abrir fendas no armazón do capitalismo actual xurdido da pandemia e crear as bases necesarias para construír unha verdadeira alternativa mundial que sexa anticapitalista, antirracista, anticolonial e antipatriarcal.