- Opinión /
- Galicia Hoxe /
- Cambiar o mundo!
Cambiar o mundo!
22 de May del 2011
http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/cambiar-mundo/idEdicion-2011-05-22/idNoticia-671414/
Unha aguda recesión económica (que ata podería desembocar nunha gran depresión) zarandea os alicerces do sistema capitalista. Desde finais de 2007, cando o esborralle das hipotecas subprime en EEUU mergullou a estrutura financeira internacional nunha hecatombe de dimensións históricas, o conxunto da economía capitalista mundial rodou cara á recesión máis grave desde o crack de 1929 e o conxunto do sistema bancario terminou nunha especie de colapso xeral.
Neste dilatado período, as quimeras risoñas dos dirixentes capitalistas e Dos seus sabios asesores foron esnaquizadas. A idea dun desenvolvemento económico continuado e dun crecemento incesante, nutrido por unha frenética especulación bolsista e inmobiliaria e por un ciclópeo débito, xerou un pánico xeneralizado e unha xigantesca incerteza.
A confusión máis profunda e o azoramento absoluto sobre o carreiro para seguir é a mostra máis palpable que se pode apreciar ao analizar os resultados derivados das últimas discusións de altos dignitarios e ilustres responsables das máis importantes institucións económicas do Mundo. Non fai falta ser economista para apreciar que esa desorientación é un indicio da absoluta quebra da sabedoría económica burguesa e da total bancarrota ideolóxica dos seus panexiristas. Décadas de arremetidas iracundas contra os adaís do pensamento socialista e coléricas diatribas contra todo o que supuxese un indicio de nacionalización dos instrumentos de financiamento ou dos medios de produción non imposibilitaron que, ao final, os axiomas ortodoxos da economía neoliberal e de mercado se derrubasen como un fráxil castelo de naipes.
A comezos do século XXI e a pesar de todos os intentos por exorcizar definitivamente o espectro do socialismo democrático, a colosal recesión que vive a economía mundial deixou en evidencia a validez das ideas socialistas e demostrou que a alternativa ao capitalismo real pasa por un cambio profundo do modelo produtivo e das relacións de produción. Porén é necesario perfeccionar esas ideas e adaptalas aos novos tempos e á nova conxuntura histórica. Velaí o camiño para cambiar o mundo!.
Óscar Lomba - oscarlomba@gmail.com