25 de novembro: todas xuntas contra a violencia machista

25 de November del 2021

 

Hoxe 25 de novembro de 2021, cómpre lembrar que en Galicia máis de seis mil mulleres sufriron algún tipo de violencia machista ao longo do ano 2021. A violencia machista é unha auténtica lacra e refírese a todas aquelas accións que contribúen ao deterioro sistemático da dignidade, estima e integridade física e saúde mental das mulleres, nenos e nenas. e persoas con identidade de xénero e/ou sexualidade diferente á normativa. É un xeito de violencia estrutural, pois está presente en todas as sociedades e en todos os espazos sociais, aínda que se produce a distintos niveis e a través de mecanismos distintos en función de diversas cuestións de raza, clase e pertenza a unha determinada etnia.

 

A violencia contra as mulleres e as nenas é unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas, persistentes e devastadoras no mundo de hoxe en día que poucas veces se denuncia por mor da impunidade da que gozan os homes agresores, e o silencio, estigmatización e vergoña que sofren as vítimas.

 

En xeral, a violencia machista maniféstase de xeito físico, sexual e psicolóxico e inclúe: a violencia por parte dunha parella sentimental (violencia física, maltrato psicolóxico, violación no matrimonio ou na parella, feminicidio...); violencia e acoso sexual (violación, actos sexuais forzados, insinuacións e provocacións sexuais non desexadas, abuso sexual infantil, matrimonio forzado, acoso na rúa, ciberacoso...); trata de persoas (escravitude, explotación sexual); mutilación xenital, matrimonio infantil, ...

 

A violencia machista é unha manifestación da desigualdade imposta pola sociedade capitalista e patriarcal e, a súa vez, é o instrumento que garante a súa continuidade. O arsenal machista ten innumerábeis ámbitos de violencia: a violencia simbólica, que xera prexuízos e ideoloxía, estereotipos, clixés, micro-machismos e construcións ideolóxicas idealizadas e adulteradas polo androcentrismo patriarcal; violencia estrutural, con todas as institucións que garanten a discriminación; e violencia material, en todas as súas expresións concretas de violencia directa. Asemade, a violencia machista é un medio que contribúe a reforzar, lexitimar e reproducir a supremacía do “masculino” por riba do “feminino” e sobre todas aquelas identidades de xénero que non se circunscriben a estas dúas categorías.

 

A violencia contra as mulleres que se dá no ámbito privado é unha das máis estendidas e invisíbeis, malia que nos últimos anos pódense atopar unha morea de esforzos para identificala e enfrontala. Adoita producirse no seo da familia ou dentro dunha relación afectiva, sendo o autor quen asume un rol masculino dominante, fundamentando neste rol os actos de violencia cometidos. Pode adoptar a forma de violencia física, psicolóxica, económica, laboral e/ou sexual.

 

 

Asemade, hai que salientar que a violencia machista exercida contra a poboación LGTBI penetra nos espazos sociais con gran intensidade e adquire un forte nivel de aceptación, sendo moitas veces ignorada ou abertamente fomentada por algunhas institucións estatais e pola sociedade en xeral.

 

Por todo o exposto, considero necesario que hoxe, 25 de novembro, aproveitemos para lanzar unha campaña enérxica, unitaria e sen tregua contra o machismo que nos conduza a un mundo sen violencia, homofobia nin transfobia e que sirva para construír unha nova sociedade igualitaria, diversa, plural e sen patriarcado.