Zante: Quae visa placet

26 de March del 2011

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/zante-quae-visa-placet/idEdicion-2011-03-26/idNoticia-652932/

Fair isle, that from the fairest of all flowers,/ Thy gentlest of all gentle names dost take!/ How many memories of what radiant hours/ At sight of thee and thine at once awake!

Sonnet to Zante-Edgar Allan Poe

Falaba o outro día cunha amiga que viaxou a Grecia hai pouco tempo e realizou un pequeno cruceiro por varias Illas Xónicas. Contoume a miña amiga que Zante é unha das illas do arquipélago das Illas Xónicas. Segundo me dixo é un destino moi visitado e elixido polo turismo porque nel é posible gozar de belísimas paisaxes, entre as que se destacan as súas incribles praias dun azul turquesa marabilloso e unhas augas axeitadas para o baño. A cidade de Zante non posúe -a diferenza de moitas outras cidades de Grecia- restos arqueolóxicos importantes, agás algúns esteos, inscricións e gravados. Ela comentoume que a súa preciosa vexetación e as súas fermosas flores, as súas magníficas praias e os restos históricos realizan unha mestura ideal que converten esta illa nun lugar dunha beleza admirable. Faloume de lugares asombrosos e dunha perfección impresionante como a baía Shipwreck, o cabo Skinari e a cova azul; ademais mencionou unha zona montañosa coñecida como Anafontria. Outros puntos que lle pareceron rechamantes (segundo o seu gusto estético) foron a vila montañesa de Keri, e praias como Porto Limnionas, Porto Vromi e Porto Zoro. Chamoulle a atención o Parque Nacional Mariño de Zante onde se atopan as famosas tartarugas da illa (as Caretta caretta, recoñecidas como unha especie en perigo de extinción).

E preguntarase o lector de Galicia Hoxe porque falo desta illa. Pois teño que dicir que vos conto todo isto porque posteriormente quedei reflexionando no propio concepto de beleza. Será que existe un canon estético xeral do que se desprendese un concepto ideal de illa fermosa extrapolable a todas as illas bonitas? Poderíase falar dun concepto universalmente válido de beleza? Probablemente sexa un concepto moi subxectivo. Con todo como poderiamos definir a beleza? Eu diría que o concepto de beleza é unha noción abstracta ligada aos distintos gustos estéticos. Esta percepción conceptual é estudada principalmente pola disciplina filosófica da estética, pero tamén é abordado por outras disciplinas como a historia, a socioloxía, a arte e a psicoloxía social. Comunmente dicimos que algo é fermoso cando as súas características nos provocan unha experiencia sensorial que produce no individuo unha sensación de pracer ou un sentimento de satisfacción. Probablemente neste sentido, unha illa bela tería que asociarse ás características da devandita illa, ás súas formas físicas e o seu aspecto visual, á súa vexetación, as súas paisaxes e o son da súa natureza, aínda que tamén aos sabores dos froitos das súas árbores e os cheiros dos seus diferentes lugares, os aromas das súas costas, ou as caricias das súas brisas mariñas ao rozar a nosa pel. A apreciación dunha illa (ou calquera outra cousa) como bela implica a elucidación ou interpretación de certa entidade que está en equilibrio e harmonía coa natureza, e pode conducir a sentimentos de atracción e benestar emocional.

Por todo o exposto estou convencido de que a beleza constitúe unha experiencia subxectiva, a fermosura estaría, pois, na perspectiva do observador. Terminaría o meu artigo coa expresión que usaría Tomás de Aquino para dicir que Zante é fermosa: "Zante: quae visa placet".