Unidos derribaremos o ultraliberalismo!

8 de September del 2015

Na década dos 30 o estado de ánimo xeral era antiliberal pola Grande Depresión. Para unir forzas un grupo de liberais organizaron o coloquio Walter Lippman, un encontro internacional que tivo lugar en Paris en agosto de 1938. Entre estes liberais atopábanse Louis Rougier, Walter Lippmann, Friedrich von Hayek, Ludwig von Mises, Wilhelm Röpke e Alexander Rüstow. Rüstow, Lipmann e Rougier concluíron que o liberalismo laissez-faire fracasara e que o novo liberalismo debía substituílo. Todos os participantes naquel coloquio uníronse para impulsar un novo proxecto liberal. En base á recomendación de Rüstow chamaron a este proxecto neoliberalismo.

No actual contexto histórico do proceso de mundialización capitalista, a adopción do termo "ultraliberalismo" aplícase ás políticas económicas máis radicais e privatizadoras dos distintos gobernos influídos por organizacións internacionais como o FMI, a Comisión Europea e o Banco Mundial. Os seus valedores no Estado español son institucións diversas e think tanks como a FAES, vinculada ao Partido Popular.

Opino que o sistema capitalista fracasou, e o seu modelo máis furibundo e rabioso fracasou estrepitosamente, como se constata en todo o mundo co seu balance final de desemprego masivo, desigualdade, pobreza, desafiuzamentos, suicidios, «axustes» de salarios e de servizos públicos, privatizacións, recortes de dereitos fundamentais, liberdades públicas e conquistas sociais, por unha banda, e por outro, un escandaloso, inmoral e obsceno enriquecemento e concentración de capital en mans duns poucos privilexiados xunto a casos xeneralizados de corrupción.

Todos sabemos que un sistema baseado na procura do lucro só trae sufrimento, divisións e guerras. A unidade cidadá non xorde para participar do vello xogo político. Nada temos que ver con este vello mundo, con este vello sistema podrecido que está erguido sobre a dor e a desesperanza de milleiros de persoas.

Nós, cidadanía consciente, queremos cambiar o mundo para revolucionar a sociedade, varrer do poder aos vellos partidos do Réxime e a súa casta de políticos deshonestos, mentireiros e corruptos. E loitaremos por iso con todos os nosos folgos, cos medios dispoñíbeis e apoiados conscientemente pola xente honesta que desexa enterrar este mundo vello erixido por esas minorías privilexiadas que se enriquecen e conspiran contra a maioría social e a mocidade reprimindo calquera manifestación que reclame dereitos ou melloras nas condicións de vida.

Para abolir o inferno ultraliberal e conquistar o ceo por asalto necesitamos unirnos, organizarnos e mobilizar ao resto da da cidadanía e así poder impulsar xuntos unha fronte ampla de unidade cidadá e popular. Unidos derribaremos o ultraliberalismo!