Terrorismo machista

12 de September del 2015

O terrorismo machista consiste na dominación das mulleres polo terror e a sucesión de actos de violencia contra as mulleres executados para infundir terror nesa parte da poboación. O terrorismo machista é protagonista da actualidade. Centos e centos de mulleres son vexadas, humilladas, golpeadas, torturadas e, moitas veces, asasinadas polos seus compañeiros, noivos ou maridos. Illadas da súa contorna -illadas por non dicer secuestradas- e controladas sistematicamente. O terrorismo machista é unha expresión virulenta da desigualdade, subordinación e das relacións de poder dos homes sobre as mulleres. Estimo que a violencia xerada polo terrorismo machista supón o crime máis silenciado do mundo, malia que cobra a vida de centos de mulleres en todo o mundo todas as semanas. O terrorismo machista aliméntase dunha ideoloxía denominada machismo que consiste na actitude de prepotencia dos varóns respecto das mulleres. O machismo é unha ideoloxía que engloba o conxunto de actitudes, condutas, prácticas sociais e crenzas destinadas a promover a negación da muller como suxeito indistintamente da cultura, tradición, folclore ou contexto. Moitos homes amosan a súa adhesión a esta ideoloxía e mesmo algúns fan apoloxía do terrorismo machista todos os días. Considero que esa violencia terrorista contra a muller baséase nun xeito de discriminación que impide gravemente o goce dos seus dereitos e liberdades en pé de igualdade co home. O terrorismo machista inclúe a violencia baseada no sexo, é dicer, a violencia dirixida contra a muller porque é muller ou que lle afecta de maneira desproporcionada. Ademais habería que incluír outros actos que inflixen danos ou sufrimentos de índole física, mental ou sexual, ameazas de cometer eses actos, coacción e outras formas de privación da liberdade. A violencia derivada do terrorismo machista maniféstase inicialmente na discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres. Esas manifestacións de terrorismo machista execútanse sobre as vítimas por parte de quen son os seus cónxuxes ou de quen están ou estiveron ligados a elas por relacións de suposta afectividade, aínda sen convivencia, e comprende todo acto de violencia física e psicolóxica, incluídas as agresións á liberdade sexual, as ameazas, as coacciones ou a privación arbitraria de liberdade. Para acabar co terrorismo machista o Estado debería atacar e combater a raíz do problema. Os alicerces da violencia machista atópanse na ideoloxía que o sustenta. A apoloxía ou enaltecemento do machismo e do terrorismo machista é a alegación ou eloxio, tanto falado ou escrito, en defensa de posturas, posicións ou accións machistas. Non é soamente unha desculpa ou unha opinión sobre estas prácticas ou os seus executores, senón unha defensa e un apoio expreso ou implícito a estes comportamentos machistas tan perniciosos para a sociedade no seu conxunto. Se queremos acabar co terrorismo machista debemos ser inflexíbeis e implacábeis co machismo por ser este unha ideoloxía criminal e perigosa.