PSOE e perversión da vontade colectiva

27 de December del 2011

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/9261-psoe-perversion-vontade-colectiva

 

O artigo 6 da Constitución Española de 1978 determina que os partidos políticos son libres dentro do respecto á propia Constitución e á Lei. Ademais sinala que a súa estrutura interna e funcionamento deberán ser democráticos.

 

Porén, isto é algo moi afastado da realidade e continúa sendo unha materia pendente da democracia española, máis aló da lexitimidade ou ilexitimidade que para un sistema democrático pode comportar a cuestión da democracia interna dos seus partidos, o que debería demandar a sociedade é un maior control das estruturas organizativas dos partidos políticos porque, sinxelamente, a organización e funcionamento democráticos de devanditos partidos tería que ser unha ferramenta pedagóxica fundamental para que a cidadanía aprendese a vivir en democracia.

Esta circunstancia esixiría a reactivación dos dereitos políticos no seo de calquera das entidades nas que se integra a cidadanía, incluídos os partidos, o que levaría a un exercicio de especificación ou personalización dos mesmos na figura do afiliado. Devandita tarefa, debería ser acometida con urxencia en relación cos partidos políticos españois e galegos, o que permitiría ofrecer un criterio para valorar a cantidade de democracia interna dos nosos partidos, e asemade revitalizaría a vida orgánica e os dereitos dos suxeitos que os integran.

E fago referencia á cuestión da democracia interna e o papel do afiliado porque recentemente produciuse unha afiliación irregular de 150 vigueses no seo  do PSdeG – PSOE vigués, xusto na semana seguinte ás eleccións do 20 N –o  10% do total– para inflar o censo da agrupación e varrer así aos críticos nas asembleas para elixir delegados e delegadas para os vindeiros congresos nacional, galego, provincial e local. Creo que é inadmisible que as direccións nacional e federal do PSOE permitan semellante arbitrariedade e atropelo á xenuína vontade da afiliación. Isto supón unha perversión inmunda da aquiescencia e vontade colectiva das bases do PSdeG – PSOE vigués motivada polos escuros intereses dunha cúpula de desalmados e tramposos que pretenden perpetuarse nos órganos de decisión para continuar utilizando o partido en beneficio propio.

 

Óscar Lomba