O "avogado das silveiras" outsourcing

15 de February del 2012

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/9684-avogado-silveiras-outsourcing

 

A subcontratación, outsourcing ou tercerización é unha maneira de organización por medio da cal unha empresa ou administración pública despraza ou consigna os recursos destinados a certos labores cara unha empresa externa, xeralmente por medio dun contrato.

 

Isto dáse especialmente no caso da subcontratación de empresas especializadas. Para iso, poden contratar só ao persoal, caso no que os recursos achégaos o cliente (instalacións, material, ordenadores...) ou contratar tanto o persoal como os recursos. Por exemplo, un Concello pode subcontratar a un bufete de avogados dedicado a litixios laborais.

Considero que o outsorcing debe ser observado como un proceso moito máis confuso e comprometido do que parece, e se non é utilizado de xeito apropiado pode xerar infinidade de problemas. Opino, en primeiro lugar, que podendo ser necesario, nalgunhas ocasións, subcontratar unha tarefa, xamais se debería confiar a terceiros a estratexia, nin tampouco o control. Unha administración pública, por exemplo, sempre debe ter en conta que a responsabilidade nunca se debería delegar, e que debe ser a decisión dos cargos públicos (e os seus asesores) a que resolva que tarefas ou procesos delegar, como deben ser realizados, e como se vai a supervisar o seu cumprimento. É dicir que a función estratéxica e a de control nunca deben ser delegadas. Logo, penso que é fundamental definir coa maior precisión posible (primeiro en forma interna e logo no contrato), que tarefas ou áreas vanse externalizar ou tercerizar. Neste aspecto deben intervir especialmente quen coñecen en profundidade o tema, para poder contemplar no contrato posibles aspectos problemáticos, que poden xerar unha serie de custos “ocultos” ou facturas “esaxeradas”. Nesta última eventualidade -sobre todo cando a decisión de contratación baséase en criterios de “amiguismo” ou “afiliación partidaria”- pode ocorrer que se produza un desvío de diñeiro público cara o financiamento de empresas privadas.

E refírome a estas cuestións porque o Concello de Vigo procedeu á contratación dun avogado alleo ao seu cadro de persoal e que cobrou máis de 274.000 euros nos últimos catro anos por afrontar un centenar de litixios laborais contra o Concello. Considero que a contratación dese letrado –que  tamén é militante do PSOE– para facer fronte a asuntos laborais, ademais de ser inoportuna en tempos de crise resultou excesivamente gravosa.

Terminaría preguntándolle ao responsable desa contratación: ¿Como se pode respaldar esa externalización dun servizo xurídico sabendo que o concello dispón dun nutrido cadro de letrados? ¿Como se poden xustificar as desmedidas cantidades cobradas por ese avogado? ¿Por que acordou o concello de Vigo a elección dese letrado e non outro? ¿Que criterios se seguiron para elixilo? Non hai nin haberá respostas...

Óscar Lomba