NON SON UN ILUSO!

30 de July del 2016

Non son un iluso. Sei moi ben as cousas que non vai poder facer –de momento– unha MAREA GALEGA se conseguimos poñer a andar esta criatura. Sei moi ben que será moi difícil gañar unhas eleccións ao Parlamento de Galicia. E no caso de que unha Marea Galega chegase a gobernar a Xunta de Galicia estou convencido de que non vai acabar co capitalismo.

Tampouco vai a nacionalizar os grandes medios de produción, nin vai a confiscar os grandes patrimonios de todos os bancos, nin vai proclamar unha República Galega; quizais intente reformar o Estatuto de Autonomía, convocar canto antes un referendo sobre o dereito do pobo galego a decidir libre e soberanamente o seu futuro, aínda que resultará moi difícil conseguilo.

Imaxino que tampouco vai ser posíbel aprobar unha renda básica de cidadanía para todas as galegas e galegos, nin dobregar ao Estado español nin á troika europea; nin sequera poderemos evitar que algunhas vilas e aldeas sigan despoboadas; nin conseguiremos alcanzar o pleno emprego e dende logo non vai acabar coa cobiza, a avaricia e o egoísmo de moitas galegas e galegos, aínda que poidamos intentalo.

Encantaríame que Galicia chegase a ser un paraíso terreal, porén teño a certeza de que unha MAREA GALEGA non podería tomar medidas tan radicais nestes momentos e sobre todo existindo a actual relación de forzas; porén non vou deixar de traballar con todos os meus folgos e as miñas enerxías para que poidamos contar cun verdadeiro movemento de masas, radicalmente democrático, que artelle unha verdadeira candidatura de unidade popular, unha ferramenta para defender, da mellor maneira posíbel, os intereses da maioría social; aínda que opine que unha Marea Galega non vai facer milagres.

Vou axudar a construír unha Marea Galega e votarei ás súas candidatas e candidatos porque estou convencido de que será a única candidatura de Unidade Popular en Galicia. Vou traballar para que nas próximas eleccións ao Parlamento de Galicia exista unha verdadeira MAREA GALEGA que loite polo radicalismo democrático e o dereito do pobo galego a decidir libremente o seu futuro.

Vou apoiar unha Marea Galega para que axude a restablecer unha verdadeira división de poderes, para que os xornais en galego poidan volver aos quioscos, para que o sistema sanitario e os hospitais galegos poidan seguir en mans públicas e contar coas infraestructuras necesarias, para que a nosa educación sexa pública e de calidade, para que a liberdade sexual e a igualdade de xénero sexan unha realidade.

Vou apoiar unha Marea Galega para que a ninguén o poidan botar da súa vivenda e para que terminen os desafiuzamentos, para que exista estabilidade no emprego e un incremento do gasto público fronte ás reformas laborais, os recortes e a austeridade.

A aposta fundamental para Galicia non é o emprego, a vivenda, a saúde, a educación, a economía, os recursos naturais ou unha morea doutros asuntos, senón a nosa capacidade para construírmos unha organización cidadá, horizontal e unitaria que sexa quen de prover solucións, catapultando a aquelas persoas máis capaces e honestas da clase traballadora e os sectores populares, cara as institucións para que desde alí poidan defender os intereses da maioría social. 

O obxectivo   é impulsar a intelixencia colectiva e a unidade de acción. E acho a que única maneira de facelo é construíndo entre todas e todos una ferramenta política ao servizo da xente!. Por iso vou apoiar unha MAREA GALEGA porque é o mellor para Galicia. Vigo, 30 de xullo de 2016