Nepotismo municipal

4 de December del 2013

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2013/12/04/nepotismo-municipal/0003_201312V4C12993.htm

O nepotismo municipal é o apoio, favor ou privilexio de que gozan os parentes e amigos de políticos cunha relaxada ética que ocupan cargos públicos nunha corporación local, como alcalde, concelleiro ou calquera outro. Na nosa cidade este mal está profundamente enraizado e é causa ou motivo de moitos dos problemas que afectan ao sector público, porque, xeralmente, os parentes e amigos dos devanditos políticos válense da influencia ou da intervención directa destes para obter prerrogativas, privilexios, prebendas, empregos e demais beneficios, o que redunda en corrupción e abuso de poder.

Baixo o nepotismo, o que impera son os vínculos de sangue, de afinidade ou de amizade, e non o mérito, a excelencia e a honorabilidade. Vemos, entón, como os cónxuxes, fillos, irmáns, pais, curmáns, tíos, sobriños, fillos putativos, fillastros, afillados, xenros, cuñados e resto da familia ou amizades, dos políticos que acceden ao poder local (concellos, deputacións, empresas municipais, contratas...) son os primeiros en ocupar cargos, en obter substanciosos contratos e concesións, en participar de escuras e amañadas negociacións e en ter acceso a información privilexiada.

Moitos clans entronízanse no seo dos partidos por mor deste sistema tan pouco transparente e pola escasa democracia interna coa que contan as organizacións que monopolizan, desde hai anos, o poder dos concellos (PP, PSOE e BNG). Distribúen entre os membros da camarilla os postos nas candidaturas que mellor serven aos intereses do fato de membros da «elite» e, se chegan ao poder, repártense as mellores talladas da torta municipal. O obxectivo de todos eles é aproveitarse ao máximo e no menor tempo posíbel. Impórtalles un pemento o interese xeral e o ben común. Só queren encher os petos.

Ao que os critica ou os denuncia terminan marxinándoo, denigrándoo ou intimidándoo, a el ou á súa familia. Confunden a institución municipal coa súa propia casa e os recursos públicos co seu propio patrimonio. Compran vontades e votos, pero non poderán mercar nunca a dignidade das persoas honradas e decentes.