Hospital ÁLVARO CUNQUEIRO, privatización camuflada

7 de September del 2015

A accidentada e polémica apertura do novo Hospital Álvaro Cunqueiro, construído por unha Unión Temporal de Empresas (UTE) a través dun contrato de concesión de Obra Pública, indica que estamos ante un proceso encuberto de privatización. A Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade embarcáronse nun proceso xurídico-económico mediante o cal as actividades de xestión e financiamento son transferidas do sector público ao sector privado, é dicir, traspasadas cara a axentes económicos privados.

Esta externalización ou privatización dun sector que era competencia da Comunidade Autónoma galega permite a outros actores alleos ao sector público facerse co control de infraestructuras e recursos públicos. Asemade esta privatización introduce cambios nas funcións e responsabilidades públicas e privadas. Non necesariamente limítase ao traspaso da xestión dunha empresa pública ao sector privado.

A privatización supón diminuír o grado de influencia da Xunta de Galicia sobre determinadas infraestructuras sanitarias, situación que semella un intento de desmontar o sistema sanitario público, e deixar en mans de axentes privados e do mercado o que anteriormente fora administrado pola Comunidade Autónoma.

Opino que os actuais problemas padecidos polo SERGAS foron causados, en parte pola falta de planificación e racionalización sanitaria, que deu como resultado investimentos, cando menos, temerarios. De feito, a Xunta de Galicia non rende contas sobre a utilización de determinados recursos públicos, e hai falta de rigor e seguimento da asignación orzamentaria. Doutra banda creo que hai un intento descarado de reducir persoal e estimo que eses «axustes de persoal» non deberían comezar polos profesionais sanitarios, senón por exercer un maior control sobre quen os dirixen, que deberían acreditar a súa competencia no ámbito que están xestionando.

En definitiva dicir que o actual modelo de sanidade pública que temos é válido, aínda que manifestamente mellorábel. Deberían desenvolverse algunhas estratexias para mellorar a xestión pública como concentrar ou centralizar as compras por medio dunha central de compras do SERGAS, garantir a eficiencia e transparencia na planificación e utilización dos recursos públicos, utilizar a avaliación económica para o financiamento de tecnoloxías sanitarias, medicamentos e outros recursos, mellorar a protección do paciente, especialmente fronte a corporativismos que impidan ou dificulten as reclamacións dos usuarios que foran vítimas dunha deficiente asistencia sanitaria, modificar a estrutura organizativa do persoal sanitario e non sanitario para facela máis eficiente,...

O SERGAS debe racionalizar o gasto sanitario determinando os itinerarios e indicadores comúns en todo o territorio xestionado pola Consellería de Sanidade e o SERGAS para a análise, observación, estudo e monitorización da asignación dos recursos e a comparación dos custos e os resultados en saúde, que garantan a calidade da atención sanitaria. Igualmente opino que é necesario e urxente establecer unha auditoría regular e independente dos custos e resultados en saúde dos servizos sanitarios galegos. Asemade manter e mellorar os programas de formación e desenvolvemento da atención primaria, saúde comunitaria, medicina preventiva e saúde no ámbito profesional como áreas prioritarias para unha mellora continuada do actual sistema público de saúde.

Non podemos permitir máis externalizacións camufladas. Debemos evitar a privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro. A Conselleria de Sanidade e o SERGAS deben rescindir o contrato de concesión á empresa beneficiaria e recuperar o control sen ningunha clase de indemnización.

A continuidade do actual proxecto podería hipotecar o futuro sanitario da Área de Vigo durante os próximos 20 anos, cun hospital incapaz de resolver os graves problemas asistenciais (Listas de Espera, colapsos do servizo de urxencias, déficits de alta tecnoloxía, carencia de especialidades, masificación...) e envorcado pola contra á lóxica do mercado, ás necesidades de rendibilidade e beneficio do sector privado.  

* Óscar  Lomba Álvarez é licenciado en Dereito e diplomado en Maxisterio. Traballa na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) do SERGAS en Vigo.