Globalicemos a democracia (I)

16 de March del 2011

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/globalicemos-democracia-i/idEdicion-2011-03-16/idNoticia-649510/

 

O capitalismo semella unha xigantesca arañeira que se estende por todos os recantos do planeta. A expansión do crédito e das transaccións monetarias internacionais, a desregulamentación dos mercados financeiros e uns fluxos de diñeiro sen control erixíronse nos esteos centrais do novo réxime de acumulación capitalista. As grandes crises semellaban esquecidas e non se contemplaba que os novos xeitos da arquitectura financeira e a economía do endebedamento xeneralizado puide- sen desembocar na maior crise estrutural do capitalismo desde a Gran Depresión de 1929. A crise actual revelounos que os alicerces do novo capitalismo tolambrón e de casino eran febles. Non só estourou nos mercados financeiros mundiais, senón que derrubou os alicerces teóricos sobre os que se baseaba a suposta eficiencia intrínseca dos mercados e tamén desacreditou a sabedoría económica liberal. Todos os gobernos, con independencia da súa ideoloxía, tiveron que saír ao rescate e auxilio dos seus sistemas financeiros e afoutar medidas de apoio á demanda agregada. Acho que a saída da actual crise esixe moito máis que medidas cosméticas e unha simple reforma do sistema financeiro internacional. Tería que configurarse un novo pacto de rendas no eido mundial que lle permita á humanidade encamiñarse cara a formas superiores de progreso e benestar social. Esa expansión da arañeira do capital transnacional e a súa crecente capacidade de influencia sobre os estados desbaratou a soberanía das nacións, producíndose unha mutación no concepto tradicional de democracia, pois, a soberanía xa non reside no pobo senón nas multinacionais e transnacionais. Máis da metade das riquezas do mundo están en mans destas poderosas megacorporacións, empresas que atesouran fortunas que superan o PIB de moitas das nacións existentes. É obvio que estamos dominados por escuros poderes que constitúen a propia esencia do capitalismo. Se analizamos algunhas das reviravoltas desta pegañosa arañeira de dominio empresarial universal poderiamos comprobar que estes perigosos arácnido-depredadores-multinacionais entenden a Globalización como a súa independencia e liberdade para financiárense como lles pete e investir onde lles apeteza, o tempo que se lles antolle, para produciren o que queren, aprovisionándose e vendendo onde desexen, tendo que soportar as mínimas obrigas en materia de lexislación laboral, impostos e convenios sociais. Estas sociedades transnacionais, co auspicio dos gobernos, intentan someter o funcionamento da economía á súa estratexia, que non é outra que maximizar os seus beneficios e apropiarse por calquera medio do froito do traballo, dos aforros e dos coñecementos tradicionais e científicos das diferentes sociedades humanas. Para conseguir os seus obxectivos e facer realidade os seus plans non dubidan en exercer todo o poder que teñen, en prexuízo de calquera clase de dereito individual ou colectivo, que poidan considerar un atranco as súas necesidades corporativas. Boa proba diso é o enorme negocio que se xera coa inestimable axuda dos gobernos de quenda independentemente de siglas políticas. Os poderes políticos, non serven á súa nación ou pobo, atenden agora aos intereses desa xigantesca arañeira global sobre as que despregan as súas zancas os devanditos arácnidos-transnacionais, de maneira que a meirande parte da poboación queda atrapada nas pegañentas mallas do consumismo e outra parte de- samparada ante os atropelos que estes voraces monstros levan adiante de xeito continuo en todo o planeta. Non só os executivos estatais, senón que as grandes institucións supranacionais, tales como o Consello e a Comisión Europea, ou organismos internacionais como a ONU, a Organización Mundial do Comercio, por non falar do Banco Mundial ou do Fondo Monetario Internacional, están por completo ao servizo dos intereses deste feixe de corporacións transnacionais que manexan os fíos do mundo coa mente posta unicamente nos beneficios que poden obter. Cada individuo debe comprender que a solución non pode ser individual, senón que ten que ser colectiva, e que consiste en transformar profundamente este sistema.

As corporacións que tecen incansablemente a arañeira global conseguiron expandirse por todos os recantos do globo. No mundo hai actualmente 79 arácnidos-multinacionais, con máis de 790.000 filiais. Das 100 economías máis fortes do mundo, 51 son multinacionais. Controlan o 85% do investimento estranxeiro directo mundial, e máis do 60% do comercio. As 500 maiores multinacionais suman o 25% da produción e xeran o 52% do PIB mundial. Evaden impostos en países do Sur por un total de 160.000 millóns de dólares ao ano. O 95% das patentes pertencen a multinacionais do Norte. Monsanto controla o 90% das sementes transxénicas. Microsoft ten un 88,26% do mercado en software informático. Nike emprega a uns 30.000 traballadores directos e 800.000 indirectos. A facturación global de Shell equivalía en 2007 ao PIB de Venezuela. En xuño de 2009 a petroleira Shell foi condenada a pagar 11 millóns de euros polos abusos cometidos contra o pobo ogoni de Nixeria. Son algúns exemplos

Desde esta perspectiva ningún dos desafíos que ten o proxecto socialista galego pode disociarse de todas estas transformacións que se están producindo neste mundo globalizado e cada vez máis interdependente. Ademais das cuestións descritas produciuse unha revolución científico-técnica xunto a grandes e acelerados cambios sociais aínda que o cerne de toda esta andrómena segue basicamente estando na contradición principal que é a contradición entre capital e traballo, o control dos medios de financiamento e produción, a apropiación de plusvalía e a concentración de renda e riqueza en mans dunha minoría. Doutra banda a velocidade na transmisión da información e a extensión das comunicacións, a explosión demográfica e as migracións masivas, o nacemento de institucións e organizacións supranacionais xunto ao quebranto do sentido tradicional das barreiras fronteirizas, a crise dos estados-nación e do concepto habitual de soberanía nacional, transfiguran aos nosas nacións en actores individuais dunha gran discusión estratéxica que se desprega a escala planetaria. Os procesos revolucionarios e a ebulición democratizadora no mundo árabe está demostrando que o engomado da arañeira global ten fendas polas que pode coarse un novo pensamento alternativo que pode quebrar a hexemonía do pensamento único. Estou persuadido de que a causa do avance e a loita da esquerda transformadora non pode ancorarse a unha simple escala nacional. É necesario despregar estratexias de acción internacionais xunto a creación de novos organismos que fagan posible unha gobernanza global. Da influencia que a internacional socialista poida alcanzar no futuro e da capacidade que teñan os gobernos socialistas para artellar un auténtico goberno-mundo dependerá o futuro da democracia e o benestar no conxunto do planeta.