Globalicemos a democracia (e II)

17 de March del 2011

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/globalicemos-democracia-ii/idEdicion-2011-03-17/idNoticia-649838/

 

O futuro da arquitectura internacional debería pasar pola constitución dun réxime de gobernanza global. Porén hoxe en día a álxebra da xeopolítica internacional enmaráñase de xeito formidable, pois mentres que fai un tempo, se trataba principalmente de regulamentar e limitar o poder dos estados para evitar os desequilibrios e a ruptura do statu quo, o desafío actual da gobernanza mundial consiste en ter un maior peso colectivo sobre o destino do mundo mediante o establecemento dun sistema de regulamentación destas numerosas interaccións que superan a posibilidade de acción dos estados. Pola contra, a estandarización política do planeta, grazas á aparición das denominadas democracias formais xunto á consolidación de aparellos político-institucionais supranacionais (como a Unión Europea), parecen axudar ao establecemento dun sistema de gobernanza mundial que supere o laissez-faire dos mercados.

Opino que é necesario amortecer o desfasamento entre unha economía mundial integrada e a persistencia dunha orde internacional fragmentada. Artellar unha verdadeira gobernanza global ten que supor establecer unha orde democrática internacional, cunha sociedade civil transnacional activa, para compensar o declive do papel dos gobernos e dos estados e a erosión das democracias formais provocada pola mundialización capitalista. Semella necesario artellar novas institucións supranacionais e reforzar as xa existentes enchéndoas de contido e dotándoas de novas potestades. Resulta urxente a creación dunha institución planetaria supraestatal que sexa un verdadeiro "estado-mundo" que se apoie en dous alicerces: un marco institucional orixinal, e a implicación da ONU. A inexistencia de devanditos mecanismos está a permitir unha progresiva depreciación do Estado de benestar, unha especie de brasileñización -como diría Ulrich Beck- de Occidente. O proceso de reestruturación e mingua do Estado de benestar, co impacto da actual crise económica global e a poderosa hexemonía da orde neoliberal, está sendo posible grazas á omnipotencia dos mercados que terminan impóndose sobre as leis emanadas dos parlamentos mentres se impide o libre exercicio dos gobernos democráticos e non se frea a especulación, o lavado de diñeiro negro, os paraísos fiscais, a evasión de capitais e a fraude fiscal.

Nos poucos anos transcorridos desde a caída dos sistemas burocráticos e stalinistas ata a gran recesión que comeza coa crise das hipotecas subprime nos EEUU, os cambios políticos, económicos e sociais foron múltiples e intensos, pero as expectativas de crecemento económico, liberdade, paz e equidade social que seguiron á globalización están dando paso a graves problemas sociais e, en moitos países, a unha intensa pobreza e múltiples conflitos bélicos, xerando un clima internacional máis inseguro e incerto. A globalización non parece un simple proceso de expansión cíclica capitalista, senón que constitúe un fenómeno que presenta características novas: xunto á liberación de capitais e do comercio, implica grandes cambios tecnolóxicos e unha apertura cara ás sociedades civís con intercambios profundos entre as diferentes sociedades, unha xigantesca explosión dos fluxos de información, un uso moi estendido das novas tecnoloxías e das novas canles de información e un cambio formidable en moitos valores e ideas. Porén 24.000 persoas morren ao día por fame. Máis de 1.000 millóns de persoas viven actualmente na pobreza extrema (menos dun dólar ao día) e o 70% son mulleres. Máis de 1.800 millóns de seres humanos non teñen acceso a auga potable. 1.000 millóns carecen de vivenda estimable. Estímase que podería haber preto de 840 millóns de persoas mal nutridas e 200 millóns son nenos menores de cinco anos. 2.000 millóns de persoas padecen anemia por falta de ferro. 880 millóns de persoas non teñen acceso a servizos básicos de saúde. 2.000 millóns de persoas carecen de acceso a medicamentos esenciais.

O movemento obreiro internacional de hoxe, do mesmo xeito que o movemento obreiro tradicional de onte ten un custo de acción colectiva maior, en comparación co capital, e o establecemento da identidade colectiva é esencial para diminuír os custos de organización. As estruturas organizativas serán máis eficaces canto máis fluída e directa sexa a comunicación entre os membros das organizacións, facilitada nesta época polos novos medios e tecnoloxías da comunicación. Nesta tarefa, os partidos socialistas, e en especial a Internacional Socialista poden realizar achegas de gran importancia. Unha das tarefas fundamentais para os partidos socialistas e para a Internacional Socialista sería definir o que debe ser un novo internacionalismo, que conteña unha alternativa progresista para todo o planeta que rache coa confrontación intercultural, estendendo un pensamento global pluralista, integrador e libre que impida o "choque de civilizacións ou culturas". Este novo internacionalismo ten que asumir que na actualidade hai grandes limitacións nas posibilidades de acción política no ámbito do Estado-Nación; os gobernos teñen menores posibilidades para definir a axenda política, porén non todo está inexorablemente determinado polas leis da economía e os mercados globalizados. De todas maneiras é necesario promover unha gobernabilidade internacional no ámbito económico e político coa urxente modificación das relacións e do dereito internacional, incluído o penal. Asemade é conveniente continuar impulsando os procesos de integración rexional, co fortalecemento de institucións e entidades supranacionais como a Unión Europea, que poden constituír contrapesos políticos democráticos ante os fenómenos da expansión incontrolada dos mercados financeiros e a redución excesiva do sector público

A Internacional Socialista debería adaptar a súa organización, funcionamento e actividades ás institucións internacionais máis importantes (ONU, UE, OEA, OUA, ASEAN, Mercosur...) e tratar de influír na súa axenda política, como sucede xa co Partido dos Socialistas Europeos.

A Internacional Socialista tería que articular ademais unha estratexia de debate, información e comunicación, endóxena e exóxena, que permitise unha relación máis directa e eficaz cos seus membros e máis fluída coa sociedade e todos os movementos sociais progresistas, mellorando a imaxe da organización e facéndoa máis presente nos medios de comunicación e na propia sociedade civil. É necesario potenciar unha verdadeira organización internacional que xogue o papel de motor decisivo na gobernanza mundial.

Este proceso debe levar cara a unha maior capacidade de análise, de iniciativa política e de acción da Internacional Socialista. As implicacións desta formulación son numerosas, entre elas está a nova relación que se deberá establecer entre as resolucións políticas da Internacional Socialista e as estratexias dos partidos nacionais. É este un cambio fundamental que esixirá esforzos importantes pero que mostrará a vontade da Internacional Socialista de transformar este aspecto da política, e para os partidos nacionais a capacidade de deseñar programas cunha dimensión internacionalista clara e definida.

A unión e coordinación internacional de todos os partidos socialistas e o afortalamento da Internacional Socialista é a primeira pisada para unha verdadeira globalización da democracia e gobernanza mundial desde a esquerda.