Galicia necesita un Novo Proxecto Común

14 de April del 2012

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/10189-galicia-necesita-novo-proxecto-comun

 

Nos últimos 20 anos cambiou de forma significativa o xeito no que a xente entende a actividade política e a forma en que perciben a acción institucional desenvolvida polas organizacións tradicionais.

 

Marta Harnecker, no seu libro “A esquerda no limiar do século XXI. Facendo posible o imposible”, identifica os dous principais elementos que dificultan unha redefinición alternativa da esquerda. Por unha banda, a tendencia a adoptar unha práctica política moi pouco diferenciada da que despregan os partidos tradicionais (afastamento da sociedade civil, pouca transparencia e escasa participación, numerosos casos de corrupción...), o que ademais se produce nun contexto de crecente escepticismo social en relación coa política e os políticos. Pola outra, un progresivo baleirado de contido do discurso da esquerda e unha descarada usurpación pola dereita de parte da linguaxe e os termos da esquerda, o que ademais de producir confusión social incrementa a impresión de que todos son o mesmo. Crise orgánica, para rematar, porque se bota en falta unha organización e un funcionamento acordes coa realidade social e cultural existentes.

Un feito chave, pois, para potenciar un novo proxecto común é transmitir unha mensaxe vinculada a unha práctica política diferenciada. A recuperación da confianza só será posible mudando o concepto social tradicional do “político/a”, que debe ser visto como un cidadán máis, non como unha persoa privilexiada.

Penso que o movemento indignado, supuxo un elemento aglutinador desas ideas alternativas que, ao mesmo tempo que concentrou e visualizou as críticas sociais nesa dirección, posibilitou tamén unha vía de achegamento ou de superación da situación ao reivindicar a actuación política desde un punto de vista distinto.

Estou convencido de que a esquerda está pasando por unha grave crise teórica e programática e iso porque as organizacións tradicionais foron incapaces de dotarse dun pensamento propio e dunha estratexia específica de loita polo socialismo, axustada á realidade histórico-social concreta de cada territorio e ámbito cultural e xeográfico. Ademais, na actualidade a esquerda galega (e europea) revelou ter importantes eivas e dificultades para definir unha proposta coherente e alternativa, unha política de alianzas capaz de tomar nota e dar resposta axeitada aos novos retos emanados do actual contesto de crise sistémica.

A esquerda galega carece dunha liña de actuación coherente e vinculada aos movementos de masas. É imprescindible que o novo proxecto común teña como obxectivo prioritario a vertebración da maioría social galega e iso só pode alcanzarse inserindo o novo espazo político no armazón asociativo cidadán (mobilización, participación e articulación social).

Calquera proxecto político ten, cando menos, cinco compoñentes esenciais, sen os cales é moi difícil lograr, ademais da hexemonía, a capacidade de ter apoio social.

1. Unha dimensión ideolóxica, que é o que achega ao proxecto os seus obxectivos morais, éticos, os seus obxectivos valorativos, a súa filosofía e o seu sentido máis humano e, ao tempo, intanxible.

2. Un programa. É o que achega o obxectivo ou obxectivos políticos do proxecto, é dicir, aqueles elementos máis concretos e vinculados ao lugar e as persoas que son obxecto e suxeito do proxecto.

3. Unha base social. Un proxecto político é algo que corresponde a unha pretensión democrática, e, xa que logo, requirirá unha serie de persoas, grupos, segmentos ou clases, cuxas perspectiva de vida e intereses poidan ser unidos detrás duns obxectivos políticos e morais.

4. Os instrumentos para a acción política directa. Estes son, basicamente, os partidos políticos e o Estado. Os partidos políticos son os órganos que trasladan as necesidades sociais a decisións políticas ou a formulacións programáticas para a acción, para o cambio. Pero os partidos teñen que actuar, en última instancia, coas institucións democráticas, os poderes públicos elixidos democraticamente, elixidos polos cidadáns e lexitimados para impor, se é necesario, unha decisión. De todos os xeitos, sempre se deberá ter en conta a exploración de novos ámbitos de democracia directa.

5. Unha estratexia. A estratexia é aquilo que ordena a ideoloxía, o programa, a base social e os instrumentos políticos de acción nun tempo concreto, cuns determinados aliados e cunha idea da oportunidade e do momento para a consecución dunha hexemonía política.

Consecuentemente, un novo proxecto común debe perseguir:

1. Demandar unha renovación do proxecto de construción nacional galego e modernizar a dimensión político-ideolóxica para edificar as columnas sobre as que se cimentará a futura sociedade socialista. Eses alicerces deben ser un mecanismo lexítimo de poder do conxunto da sociedade e un parapeto fronte ao “discurso único” despregado por outros poderes, especialmente o económico-especulativo.

2. Transmitir un programa plural, aberto e asumible por amplos segmentos da sociedade civil galega. Ese programa debe vertebrar á maioría social de Galicia. O novo proxecto común debe ser radicalmente democrático, trasladando socialmente os mecanismos de decisión internos e apoiando medidas que incrementen o poder de decisión da sociedade.

3. Habémonos de dirixir á nosa base social. O novo proxecto común é unha esixencia actual e democrática, e, xa que logo, requirirá a configuración dun novo bloque histórico que pivotará sobre diversos segmentos e clases populares cuxa perspectiva vital e intereses converxan cara ao obxectivo da plena emancipación social e nacional de Galicia. Con todo o cambio de valores sociais debe apoiarse na libre participación, na autónoma toma de decisións e a inesgotable renovación dos modos de intervención social que se basearán no acompañamento soberano e non no trazado imperativo.

4. O novo artefacto organizativo xerado polo novo proxecto común será un instrumento deseñado para realizar operacións políticas incesantes e directas. Esta nova organización social actuará en todas as vertentes nas que poida inmiscirse e dotarase de todos os órganos que poidan: a) proxectar as necesidades sociais cara a ámbitos de decisión política ou b) xerar formulacións programáticas para a transformación e o cambio. Pero ese movemento non só debe actuar nas institucións democráticas. A acción política deberá desenvolverse desde os poderes públicos elixidos democraticamente, elixidos polos cidadáns e lexitimados polas urnas, pero tamén deberán articularse novos mecanismos de participación cidadá que poidan construír novos espazos de democracia directa.

O alicerce da actuación política terá que ser, pois, a preocupación polos verdadeiros problemas da xente. A futura organización ten que ser útil para a cidadanía e medir as consecuencias das súas decisións ou das posibles inhibicións políticas.

5. Finalmente, este novo proxecto común deberá apoiarse nunha estratexia que ordene o proxecto nacionalista, o programa unitario xurdido do novo espazo, a maioría social, e a nova organización que agrome da converxencia dos distintos grupos, confluíndo con todos aqueloutros aliados que nos apoien, circunstancialmente, coa idea da oportunidade e da conxuntura idónea para a consecución dunha hexemonía política que nos conduza, chegado o momento, á liberación nacional e social de Galicia.

 

Óscar Lomba