Galicia e o asilo humanitario

9 de September del 2015

O conflito sirio desprazou xa a máis de seis millóns de persoas, segundo anunciou o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR). Delas, dous millóns abandonaron o país e convertéronse en refuxiados nomeadamente en Líbano, Xordania, Turquía, Iraq. Moitos deses refuxiados están a procura de novos lugares de asilo.

O refuxio ou asilo humanitario é o acollemento, no territorio dunha nación, de migrantes forzados a abandonar os seus países de orixe por mor de graves conflitos bélicos. As lexislacións das distintas comunidades autónomas teñen enormes lagoas en canto ao alcance do dereito de asilo. Porén, os acordos internacionais dos que forma parte o Estado español definen o marco básico sobre esta cuestión.

A Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados de 1951 e o Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados de 1967 son dous dos compromisos internacionais asumidos polo Estado español e está obrigado a cumprilos. Por iso debe conceder asilo humanitario á poboación siria e debería asumir integramente a cota de refuxiados que lle sexa asignada polos organismos internacionais competentes.

A Xunta de Galicia, as Consellerías e o resto dos seus departamentos deberían traballar para dispor canto antes dunha estratexia galega de acollida aos refuxiados sirios ante a dramática crise humanitaria que padecen miles e miles de persoas que foxen da guerra. Esta estratexia debería elaborarse en coordinación coas organizacións non gobernamentais, asociacións municipalistas e outras entidades e movementos sociais galegos, aos que a Xunta de Galicia debería convocar de contado para unha reunión de traballo que permitise coñecer as necesidades de acollida dos refuxiados e poñer ao seu dispor os equipamentos que a Xunta teña ao seu alcance.

Ademais o conxunto de concellos galegos deberían presionar ao Goberno do Estado para que manteña unha política clara, xenerosa e construtiva e dedique todos os recursos necesarios para que Galicia se converta en refuxio ou lugar de asilo para estas persoas ante unha crise humanitaria de semellante envergadura.