Galicia despois do 24 de maio

12 de June del 2015

Non houbo ruptura democrática. Porén as eleccións municipais do pasado 24 de maio produciron unha importante fenda no bipartidismo. A Coruña, Compostela ou Ferrol son os picos da crista deste cambio de ciclo, pero non están soas. Outras pequenas vilas e aldeas conseguen artellar novas alterativas cidadás e o BNG mantén importante presenza noutros moitos concellos do rural. O PP de Nuñez Feijoo non conseguiu manter o seu poder institucional (aínda que as súas redes clientelares e as súas estruturas caciquís manteñen importantes parcelas de poder e «hexemonía cultural» en sectores importantes da sociedade rural).  O Paro, os recortes, a corrupción, a vulneración sistemática de dereitos democráticos e liberdades públicas, o clasismo, a arrogancia e a desvergoña de moitos dos seus líderes pasoulles factura.  Feijoo non conseguiu manter o seu poder nas grandes cidades e perdeu case todas as deputacións, mantendo só a de Ourense. O seu intento de fabricar novos liderados fallou. Doutra banda, Cidadáns non conseguiu implantarse en Galicia. Os triunfos de Xulio Ferreiro e Martiño Noriega teñen bastante en común. Na fórmula e na base social. A fórmula é clara, unha formulación de unidade do nacionalismo e a esquerda agrupada ao redor de persoas coñecidas nos movementos sociais e aparente presenza de partidos en segundo plano. Máis unitaria e ampla no caso da Coruña, sen dúbida ningunha porque os dirixentes coruñeses de Esquerda Unida e ANOVA foron moito máis xenerosos e intelixentes politicamente que os seus homónimos en Vigo. Non debemos extraer conclusións mecánicas, mais todo apunta a que a fragmentación social xerada pola crise, a conciencia crecente de inxustiza que viven as clases populares, atoparon unha resposta, cando menos parcial, en termo de votos. As loitas sociais, o 15M, as PAH, o movemento asociativo cidadán... axudaron a construír un imaxinario colectivo que se activou coa chamada ás urnas. E a personalidade dos candidatos facilitou asemade unha maior identificación cos sectores populares máis reticentes coas estruturas partidistas tradicionais. Hai tres elementos a ter en conta. Primeiro, o papel xogado polos activistas e promotores das mareas galegas e a súa conexión con determinados movementos sociais que axudaron a avivar conciencias, a dar folgos e optimismo a unha base social motivada. En segundo lugar que aínda que os proxectos políticos transformadores das distintas Mareas traspasan diversas fronteiras sociais, teñen como horizonte a defensa dos intereses da maioría social e as clases populares. E en terceiro lugar o modelo de construción da alternativa política apoiouse nun forte asemblearismo e en amplos consensos que procuraban unha unidade de acción que traspasase os límites orgánicos e partidarios. En Vigo o resultado das Mareas foi moito máis modesto, obtendo só 3 concelleiros. A gran fragmentación provocou que os votos se repartisen entre Marea de Vigo, Gañemos Vigo e a coalición Equo-Piratas. Ademais a estratexia populista de Caballero, baseada en lousas e xardineiras, reportoulle un resultado excepcional e por iso 73.074 vigueses decidiron darlle o seu voto. Logrou máis da metade dos votos, concretamente o 51 %, unha folgada maioría que lle outorgou 17 concelleiros/as. Pola súa banda, o PP sufriu un importante retroceso ao recibir só o 20 por cento de apoio e 28.847 votos. O BNG quedou fóra da corporación e iso porque o legado de Castrillo e os posteriores liderados de Santi Dominguez, Iolanda Veloso ou Serafín Otero non conseguiron asemellarse ao liderado de Lores, que en Pontevedra volveu obter un resultado espléndido. Veremos que alianzas se establecen a partir de agora e agardaremos, coa ollada posta nas eleccións xerais, a que ANOVA, Esquerda Unida, Podemos, BNG, CERNA e o resto de organizacións galegas cheguen a entenderse, sempre co ilusionante horizonte dunha gran organización cidadá que agrome desde abaixo.