Enchufismo municipal

27 de November del 2013

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2013/11/27/enchufismo-municipal/0003_201311V27C12993.htm

Acidadanía viguesa presencia abraiada a sucesión de informacións sobre presuntas contratacións irregulares e posibles casos de enchufismo no Concello de Vigo. Este asunto está moi presente nas charlas de café, que están cheas de alusións a tal ou cal conduta dun determinado político que enchufa á súa filla, á súa irmá, á súa esposa, ao cuñado ou ao primo segundo da súa irmá a traballar nesta ou naqueloutra contrata.

As devanditas prácticas de corrupción branca ou de baixa intensidade son as que xeran o caldo de cultivo para que as grandes quenllas de pescozo branco atopen augas cálidas para nadar, sempre prestas a cazar subvencións ou a premiar a achegados e coñecidos con postos destacados nos que poidan vivir do conto mentres miles de parados vigueses ollan estupefactos a dantesca danza de vaidades que aniña na nosa institución municipal. E case ninguén ergue a voz. A cidadanía limítase a seguir malvivindo, a obviar o que xamais debería ser permitido, a pensar que, quizais, cun endebedamento permanente, un orzamento dilapidado continuamente nuns insignificantes concertos en Castrelos, unhas poucas becas de inglés e unhas cantas humanizacións cada lexislatura fornécese pan e circo dabondo para aguantar ata as vindeiras eleccións, ata que o trampolín municipal axude a catapultar ao alcalde ata a seguinte corporación, ata que a paciencia dos 33.600 sufridos desempregados aguante, ata que as mangas da chaqueta propia cedan ao peso das esmolas coas que se compran os espíritos minguados pero oprimidos que terminan servindo irremisiblemente a detestables intereses privados.

Esa corrupción, denominada de baixa intensidade, é tan nociva como unha doenza patóxena. Deste xeito o enchufismo podería ser equiparado cos primeiros síntomas dunha enfermidade infecciosa que está empezoñando ao conxunto do corpo social vigués e está debuxando novos espazos de desilusión e desesperanza. A sociedade civil e a xustiza deben artellar respostas axeitadas para parar e eliminar de raíz esta corrupción branca, antes de que sexa demasiado tarde.