En Galicia hoxe: Socialismo ou barbarie

23 de April del 2013

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/14087-galicia-hoxe-socialismo-ou-barbarie

 

Compañeiras e compañeiros, amigos e amigas. Diríxome a este concorrido auditorio para opinar sobre ANOVA e sobre o noso futuro colectivo. Un futuro que ANOVA pretende tinguir de vermello, verde, violeta e doutras centos de cores e matices. Un futuro que debe construír a propia maioría social desde unha óptica de esquerda transformadora, anticapitalista, socialista e revolucionaria e que debe incluír unha dimensión feminista, ecoloxista, internacionalista e anti-racista. É preciso que estas distintas dimensións sexan integradas de xeito coherente.

 

 Ao avaliar a actual crise internacional e as propostas da esquerda fronte as miserias do capitalismo, desexo presentar perante este auditorio a miña visión sobre o papel que creo que debemos  xogar nun futuro. ANOVA, debería abandeirar a loita polo socialismo democrático sen esquecer nunca as cuestións ecolóxicas. Debe axudar e acompañar aos movementos sociais, e loitar incansabelmente para pór en práctica solucións anticapitalistas, feministas e anti-racistas.
Opino que a crise civilizatoria pola que atravesa a humanidade actualmente é un reflexo da propia historia da esquerda tradicional que terminou por se adaptar á sociedade capitalista. A esquerda estivo ligada até hai pouco tempo, en certa medida, a unha deformación das propostas dos socialistas clásicos.
Cando moitos defendemos unha nova vía, un novo socialismo do século XXI, subliñamos que ese novo socialismo non debe reproducir moitos dos defectos asociados á posta en práctica das experiencias colectivistas que se desenvolveron durante o século XX, pero, si, debe ser unha resposta profundamente democrática e autoxestionaria ás experiencias negativas do pasado.

Moitas persoas desexamos o final do capitalismo, e iso implica profundas mobilizacións sociais para introducir na axenda política un verdadeiro proceso revolucionario como o que triunfou hai máis de 50 anos en Cuba. É necesaria unha nova política anticapitalista, socialista e revolucionaria que debe incluír unha dimensión feminista, ecoloxista, internacionalista e anti-racista. É preciso que estas distintas dimensións sexan integradas de xeito coherente no marco dun proxecto estratéxico integral para a construción do socialismo do século XXI.

Esa ruptura radical coa sociedade capitalista debe ser realizada por amplos sectores da esquerda, por partidos, pero sobre todo polas organizacións sociais.
Entre os distintos sectores da esquerda, dúas opcións son discutidas cando se trata de pensar en modificacións do actual capitalismo. Por unha banda os que auspician a superación da fase neoliberal recuperando un desenvolvimento regulamentado pola acción estatal, e por outra os que defendemos unha rebelión cívica que favoreza unha creba democrática que posibilite a construción do socialismo en Galicia (e no conxunto do planeta).

Amigos e amigas, si, é evidente que estes camiños son posíbeis. O primeiro esquema que describo é posto en práctica por organizacións de esquerda que están nunha situación de goberno. Esta é a política, por exemplo, de Dilma Rousseff , no Brasil; a política aplicada por Cristina Kirchner en Arxentina. En Arxentina, o goberno de Cristina Kirchner renacionalizou os fondos de pensións ou expropiou a Repsol a súa filial YPF. Entón, estas políticas de recuperación, son postas en práctica. Porén iso non permite responder, na miña opinión, ao desafío que nos crea esta crise global. Pódese constatar que a aceptación política que mantén a dominación da crise capitalista sobre o conxunto da sociedade é a de que o Estado intervén facilmente como Estado bombeiro para apagar o incendio provocado pola crise global do capitalismo.
A outra opción sería a que creo que ANOVA debería defender. Temos que impulsar unha rebelión cívica e unha creba democrática que nos conduza a unha situación nova que permita a construción do socialismo en Galicia.
Porén, non podo citar gobernos, actualmente no poder, que poñan en práctica de xeito coherente esta orientación, até mesmo cando algúns deles, como o de Nicolás Maduro en Venezuela ou o de Evo Morales en Bolivia, ou mesmo de Correa en Ecuador, actúan parcialmente nesta dirección. Os seus discursos, é verdade, son de  construción do socialismo do século XXI, pero as súas prácticas son máis moderadas que iso. Entón, será que o esquema máis radical de creba democrática e construción do socialismo é posíbel? Claro que é posíbel. Pero iso implica unhas intensas mobilizacións sociais para que sexa posíbel a configuración dun novo bloque histórico que artelle unha maioría social imprescindíbel para facer realidade un verdadeiro proceso revolucionario como o que triunfou en Cuba hai xa máis de 50 anos, o 1 de xaneiro de 1959. Nese momento, asistiuse a unha verdadeira revolución social e política con cambios intensos, con profundas redistribucións da riqueza, a unha supresión do control polos capitalistas dos grandes medios de produción e unha profunda democratización das estruturas de decisión política, co impulso de mecanismos de poder popular. Tras iso, Cuba, sometida ao bloqueo dos Estados Unidos e, tamén, á influencia da Unión Soviética, mudaba parcialmente de dirección. Non podemos esquecer isto. Acabo de indicar que ese proceso comezou sendo un auténtico proceso revolucionario. Non vexo por que, ante a actual crise capitalista global, non se poderían, novamente, coñecer no futuro explosións ou estoupidos revolucionarios, como o que se coñeceu en Cuba (no que, por certo, participaron  moitas galegas e galegos e os seus fillos/as, como o propio Fidel Castro).

Moita militancia da esquerda argumenta que o actual momento histórico non se caracteriza só por unha profunda crise económica e financeira, e afirma que a cuestión é moito máis profunda. Pero eu pregúntome se ese enredo total e esa crise sistémica teñen tamén que ver coa actual crise do social-liberalismo? Calquera dos que estamos neste auditorio sabemos que hai, efectivamente, unha crise sistémica e que o réxime xurdido da IIª Restauración borbónica estase a cambalear. Hai unha crise profunda, moitas e moitos dos que votaron ao Partido Popular esperando outro tipo de política descobren agora que foron enganados e estafados. E o PSOE non consegue capitalizar ese descontento crecente. Entón, entendo que a crise de credibilidade da dereita e do social-liberalismo forman parte desta crise xeral.

É indubidábel tamén que, na memoria colectiva, quedaron gravados determinados ciclos dramáticos da experiencia errada que supuxo o socialismo real do século pasado.
Na memoria colectiva, quedou a idea de que o socialismo está asociado a unha estatización completa da economía, coa dominación dun partido único e unha ausencia de calquera liberdade democrática. Entón, hai, por unha banda, un balance moi negativo da xestión social-liberal, ou sexa, da política socialdemócrata, e, por outro, un balance desastroso da xestión stalinista ou do mal chamado “socialismo real” que dominou a experiencia do bloque soviético durante parte do século XX. Aínda non se superou esta crise de credibilidade. E é isto o que está en xogo no debate do que algúns chamamos socialismo do século XXI.

Na miña opinión ANOVA debe defender un proxecto anticapitalista que favoreza o impulso dunha rebelión cívica que conduza a unha creba democrática e á toma do poder para logo construírmos o socialismo do século XXI en Galicia. Pero esa experiencia debe ser unha resposta profundamente democrática e autoxestionaria, que se afaste das experiencias negativas do pasado. Entón, non se trata de reproducir o que foi posto en práctica no decorrer do século XX. Trátase de, responder á crise mundial do sistema capitalista, pero tamén á crise da esquerda no seu conxunto. É precisa unha nova política anticapitalista, socialista e revolucionaria, que debe incluír unha dimensión feminista, ecoloxista, internacionalista e anti-racista.
É preciso impulsar un gran cerebro colectivo, un potente movimento político de masas, unha fronte ampla que articule unha resposta axeitada ante as distintas dimensións desta complexa realidade poliédrica e que as respostas sexan integradas de xeito coherente para poder camiñar cara a ese socialismo do século XXI.

Cales deberían ser as iniciativas da esquerda? Cales deberían ser as propostas de ANOVA fronte a esta crise global?

Entendo que hai dúas respostas distintas desde a esquerda. Hai unha esquerda que aplica unha política social-liberal, na cal mencionei antes a Dilma Rousseff. Esta política non é moi distinta da política de Hollande en Francia ou até de Barack Obama nos Estados Unidos de América. É unha política de salvamento de banqueiros: gástase gran cantidade de diñeiro público para manter un sistema bancario privado completamente dominado por grandes sociedades e corporacións financeiras capitalistas. Esta é a resposta desa presunta esquerda que está no poder. No exemplo que acabo de dar, non se pode distinguir realmente unha diferenza entre a política de Holland en Francia ou a que aplicaría Ed Miliband en Gran Bretaña ou Rubalcaba no Estado español se estivesen no poder. Non se pode tampouco establecer unha gran diferenza entre a política de Dilma Rousseff en relación ao sistema financeiro privado e a política que aplica Holland, en Francia.

Hai unha segunda opción de esquerda. As súas propostas son expresadas nas diversas declaracións adoptadas en distintos foros sociais mundiais. Estas declaracións piden a nacionalización do sector bancario. Entón, a nacionalización quere dicer que se traslada o sector bancario da esfera privada cara ao sector público, ou sexa, prodúcese unha nacionalización sen indemnización, unha verdadeira confiscación. Ou sexa, trátase de que o Estado tome conta do sector bancario sen indemnizar aos grandes accionistas. É preciso ir máis lonxe, na medida en que os grandes accionistas e os administradores de bancos seguiron unha política que é responsábel desta crise financeira global e, principalmente, pola creba de toda unha serie de bancos. Do que se trata é de que o Estado nacionalice estes bancos, é dicer, de recuperar o custo da operación sobre o patrimonio de grandes accionistas e administradores.

Deste xeito, opino que isto mesmo debería ser aplicado en Galicia e no conxunto de Europa. Estou convencido de que é necesaria a nacionalización sen indemnización, e a recuperación do custo desa nacionalización a través do patrimonio dos grandes accionistas e administradores desas sociedades.

Que medidas políticas concretas debemos potenciar desde ANOVA?

Creo sinceramente que ANOVA, debe comezar a propoñer e adoptar outras medidas para afrontar a crise. É preciso, por exemplo, como medida de urxencia, unha redución radical do tempo de traballo dos asalariados sen perda de salario. Entón, é necesario repartir o traballo dispoñible na nosa sociedade, dando emprego a moitas máis persoas e permitir a aqueles que traballan hoxe que traballen menos, pero garantindo os seus salarios. No caso de que se garanta os salarios daqueles que traballan hoxe e, no caso de que se dea traballo a aqueles que non o teñen, claro aumenta o poder de compra daqueles que traballan e pode recuperarse a economía. É unha política de urxencia que ten varias vantaxes. Ten a vantaxe de dar traballo a aqueles que non o teñen, de aumentar a contribución paga polos traballadores, unha vez que haberá máis traballadores que pagan as contribucións sociais e iso aumenta as entradas do Estado, entre as cales as da seguridade social. E iso garante o pago das pensións máis tarde. Pode permitir, tamén, incrementar os ingresos destinados a pagar os subsidios ás persoas que non teñen emprego, e alimentar un fondo para unha posíbel renda de integración social ou para unha renda básica.

Sería preciso, entón, como medida máis estrutural, terminar co control privado sobre os grandes medios de produción, os servizos do comercio, bancarios etc. e, tamén, nos servizos do sector cultural e da información. En verdade, os grandes medios de produción, de comunicación e de servizos están nas mans do capital privado. Sería preciso, en verdade, trasladar o control e a propiedade destes grandes medios de produción cara ao sector público. E combinar o control público e a propiedade pública dos grandes medios de produción con outras formas de propiedade: a pequena propiedade persoal e familiar no mundo da agricultura ou da artesanía ou dos servizos.
É preciso desenvolver tamén outras formas de propiedade como a cooperativa, a propiedade comunitaria; e, alén diso, principalmente en relación á propiedade pública, ter un control cidadán, un control democrático sobre o sector público. Entón, iso sería unha ruptura radical co sistema capitalista. Sería necesaria unha serie doutras medidas para responder ás distintas dimensións desta crise global.

Para responder aos problemas ambientais e ao cambio climático, esoutros aspectos da crise ecolóxica e da crise alimentaria sería preciso, é evidente, poñer en práctica unha política de soberanía alimentar para garantir que en cada país os productores locais vexan satisfeito o sustento da poboación sen recorrer a importacións de alimentos procedentes do mercado mundial. Velaí algunhas propostas de reforma radical, revolucionaria, do sistema.

Opino que toda a esquerda atravesa unha profunda crise debido á súa propia historia. A historia da corrente socialdemócrata (mellor sería dicer social-liberal) é a historia dunha derrota estrepitosa, pois se adaptou á sociedade capitalista. É tamén houbo unha derrota do resto da esquerda tradicional, para utilizar unha palabra coñecida, da esquerda stalinista, ou sexa, a experiencia que dominou os intentos de construción do socialismo na Unión Soviética e en China. Esta tamén foi unha derrota profunda, pois non se respectou a necesaria democracia baseada na autoxestión, porque se quixo estatizar todo e dominar absolutamente todas as parcelas da vida cotiá a partir do control por medio do aparello de Estado. Houbo un profundo erro. O socialismo non é o control de toda economía polo Estado. A profunda crise actual ten moito que ver con estas cuestións. A crise da esquerda está ligada tamén, de certa forma, a unha deformación das propostas dos socialistas clásicos, de comunistas como Karl Marx e Friedrich Engels. Karl Marx dicía que a sociedade á cal nós aspiramos, o comunismo, é a asociación libre dos produtores libres. Dicía tamén que a emancipación dos traballadores sería obra dos propios traballadores. Marx (e ata Lenin) engadía que o Estado, no comunismo, desaparecería. E o socialismo debía ser a transición entre o capitalismo e o comunismo. E, no socialismo, o Estado pode existir aínda, pero de xeito provisional e debe preparar a súa propia desaparición.

E sen embargo que ocorreu na experiencia soviética? Ao contrario de provocar a desaparición do Estado, o partido comunista, baixo a dirección de Stalin, reforzou como nunca o aparello de Estado, e prohibiu ás nacións e pobos toda unha serie de expresións democráticas. Foi unha profunda perversión do proxecto socialista que terminou burocratizándose e dexenerando nun Estado policiaco e profundamente antidemocrático.

As organizacións de esquerda que están no poder ou as que dominaron no pasado traizoaron o proxecto liberador e emancipador que debía representar o socialismo. Aí están, xa que logo, as razóns profundas da actual crise da esquerda. Hai unha esquerda radical e revolucionaria (como ANOVA- Irmandade Nacionalista) que defende ese proxecto socialista orixinal do que antes falei, pero que intenta, a partir dunha actividade intensa nos distintos movementos sociais que se produza unha sinerxía que favoreza o impulso dunha rebelión cívica necesaria.

Acho que a dimensión ecoloxista é extremamente importante e por iso esta esquerda radical debe falar de ecosocialismo mesturando ecoloxía e socialismo. Con todo, a esquerda social-liberal ou socialdemócrata que goberna en diferentes países non tivo en conta a amplitude da actual crise ecolóxica. Por iso, pódese constatar que, durante a xestión social-liberal de Dilma Rousseff, continuouse destruíndo unha rexión como a Amazonía ao mesmo ritmo que no goberno de Lula da Silva ou Fernando Henrique Cardoso e os seus antecesores. No transcurso dos últimos cinco anos da xestión de Lula, por exemplo, o desmantelamento e deforestación da Amazonia equivale ao territorio de toda Venezuela.


Para terminar dicer que a humanidade en xeral (e Galicia en particular) está novamente ante unha encrucillada histórica. A crise internacional ten as súas distintas dimensións ecolóxicas, alimentarias, migratorias, financeiras, económicas, así como a crise da gobernación mundial, coa opresión dos dereitos e liberdades dos pobos, coa vulneración do dereito de autodeterminación das nacións sen Estado…
Este momento histórico sitúa á humanidade perante unha disxuntiva. Ela ten diante de si dúas direccións posíbeis: por unha banda, a saída capitalista, ou sexa, unha solución baseada en pór parches ao capitalismo, solución proposta por Barack Obama, Dilma Rousseff, Holland, Ed Miliband ou Rubalcaba…, e; por outra, a elección sería dar as costas ao capitalismo e poñer en práctica solucións verdadeiramente anticapitalistas, ecoloxistas, feministas e anti-racistas. Espero que Galicia (e o resto da humanidade) faga a última elección, pois se queremos evitar a barbarie e responder axeitadamente a esta terríbel crise global é preciso dar unha resposta anticapitalista e feminista global. Se facemos outra cousa terminaremos asistindo ao nacemento dun novo monstro que se chama fascismo. Socialismo ou barbarie!
Saúde compañeiras e compañeiros.

 

Óscar Lomba