DISCURSO ASEMBLEA PODEMOS GALICIA

29 de July del 2016

Compañeiras e compañeiros. Amigos e amigas,

 

Son galego e resido en Vigo. Unha cidade moi próxima a Portugal e a beira do Océano Atlántico. Nacín no barrio obreiro de Lavadores, aínda que a miña nai é filla de campesiños dunha pequena aldea de Ourense e o meu pai fillo de pescadores asentados na Garda. Galicia, o meu país, dependeu tradicionalmente da agricultura e a pesca, aínda que na actualidade hai máis traballadores no sector secundario e terciario. Destaca a construción naval en Vigo e Ferrol, a industria automobilística en Vigo e a téxtil na Coruña así como a industria relacionada coa manipulación do granito en Porriño e algunhas outras. Galicia intenta rexurdir das súas cinzas neste Mundo Globalizado, aprendendo da dor dos nosos avós e pais que tiveron que emigrar.

A miña historia persoal, é tamén a dun fillo de emigrantes, pois os meus pais marcharon a Venezuela cando eu era cativo. Agora non desexo que os meus veciños e amigos teñan que emigrar. Non me gustaría vivir nunha Galicia sen emprego, sen oportunidades nin futuro. En Galicia goberna Feijoo e o Partido Popular, un partido instalado na corrupción e cuxos dirixentes utilizaron e utilizan as institucións para defender os intereses de determinadas elites dominantes e tamén para enriquecerse eles mesmos, algo polo que non foron suficientemente “castigados” nas últimas eleccións xerais, aínda que vaian perdendo algo de apoio social.

 

Creo que necesitamos cambiar esta situación e para iso debemos realizar esforzos individuais e colectivos para que se produza o resultado político que desexamos, que non se orixinaría doutro xeito. Ese resultado final do que falo sería conquistar o goberno da Xunta de Galicia, pero non a calquera prezo. Non se trata de alcanzar o goberno e logo ser incapaces de transformar a realidade. Non quero que ocorra o que lles sucedeu Touriño e Quintana co goberno bipartito. PODEMOS é unha partido moi distinto a outros. Somos herdeiros do 15 M. A indignación do 15 M expresada nas prazas e rúas de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e tantas outras vilas e aldeas de Galicia non resultou un simple furor de moitas persoas indignadas ante a situación de inxustiza, senón entusiasmo, ímpeto, paixón construtiva, e ía en sentido contrario á segmentación e atomización que nos impón o actual ultra-liberalismo. Aquel movemento 15-M que foi quen de converter a indignación en protesta.

 

O mesmo que encheu as prazas de toda España dun xerme crítico que aos poucos se foi contaxiando en cada recanto da xeografía galega e que hoxe, uns cantos anos despois, deixou unha herdanza que se deixa sentir nas institucións e no pensamento colectivo. Aqueles activistas do 15-M conseguimos comezar a desfacer as cordas que formaban o nó do actual sistema político e do réxime xurdido trala II Restauración Borbónica. Foi a faísca que acendeu a protesta e o cambio político en España e en Galicia. Pero sobre todo, foi o empurrón definitivo para que iso, que agora chaman nova política, conseguise abrirse camiño e deste xeito a politización calou en amplos sectores sociais. Foron moitos os que se decataron de que as súas voces tamén contaban.

 

O 15-M promoveu outras maneiras de participar. Fórmulas alternativas que desde PODEMOS soubemos recrear na nosa construción colectiva. Os círculos de Podemos revolucionaron o modelo organizativo coñecido ata ese momento polos vellos partidos da esquerda clásica. Cambiamos a partida de Xadrez que desde había anos xogaban entre uns poucos aos que etiquetamos como “casta”. O eco daqueles berros do 15 M que pedían máis e mellor democracia déixanse sentir hoxe en día. O 15-M revitalizou unha demanda que parecía ferida de morte. Porque a cidadanía galega quere saber e quere acceder a todo o que se trata desde as cadeiras que gobernan a Xunta. Quen goberna realmente? Quen e por que decide? A onde vai parar o que cada mes pagamos en concepto de impostos? Como funcionan as contas da Xunta de Galicia e o resto de administracións públicas galegas e estatais?...

 

Ademais a corrupción comezou a converterse no veleno do sistema. E unha vez máis a indignación preocupou aos de arriba. «Non hai pan para tanto chourizo» ou «Non nos representan» convertéronse en frases bandeira nas manifestacións que se empezaron a repetir por todas as cidades e vilas de Galicia e o resto do territorio español. Os políticos de traxe e gravata, encorsetados nos seus grises traxes, os representantes públicos apartados da cidadanía, afastados da xente da pé deron paso a outra política. Á xente normal, á que leva camisetas e rastas, á que é como os demais. Iso que tanto se pedíamos nas prazas empeza a calar na sociedade e empeza a ter a súa repercusión e reflexo nas institucións.

En maio de 2015 irromperon no panorama electoral galego, logo dun proceso previo de anos de acumulación de forzas, ducias de candidaturas de confluencia e unidade popular en moitos dos Concellos do noso país. As Mareas municipalistas constituíron un referente para moitas persoas que entendiamos esgotadas as opcións políticas tradicionais como motor do cambio social e supuxeron unha alternativa e un correctivo fronte ás políticas xeradoras de desemprego, desafiuzamentos, austeridade, corrupción e secuestro da democracia por parte do Partido Popular. No éxito electoral das Mareas foi fundamental o desexo de superar anos de parálise, descomposición política e corrupción que se vivía moitos concellos e a conxunción entre a ilusión e o traballo da cidadanía non afiliada a partidos, xente procedente dos movementos sociais e a valentía e xenerosidade dalgunhas forzas políticas, especialmente a nosa, que entenderon o momento histórico e a necesidade de tender pontes, tecer redes e alianzas, empregando ferramentas baseadas na horizontalidade e a democracia radical, ao redor de programas compartidos, que respectaron a diferenza e entenderon a diversidade e a mestizaxe como un valor e non como unha fonte de conflito. O capital político e a ilusión que agromaron nesas eleccións municipais tivo a necesaria continuidade nas eleccións xerais do 20 de decembro de 2015 nas que a coalición En Marea, onde o noso partido PODEMOS, xunto aos nosos aliados ANOVA e ESQUERDA UNIDA conseguimos artellar unha candidatura unitaria que obtivo máis de 400.000 votos abrindo o camiño para vencer ao Partido Popular e terminar co nefasto goberno de Feijoo, ao construírmos un novo suxeito político que actualmente é visto como referente ineludible do cambio en Galicia. Porén, a segunda volta das eleccións xerais do 26 de xuño de 2016, aínda confirmando no esencial as posibilidades da confluencia e a hipótese de En Marea como alternativa real ao PP no noso país, é certo que puxo de manifesto tamén as limitacións. EN MAREA precisa maior participación da cidadanía galega. Ten ser algo moito máis amplo, máis rico e máis diverso que a simple conxunción de tres partidos políticos, necesarios e imprescindibles na configuración da confluencia e da unidade, pero absolutamente insuficientes.

 

Opino que é necesario configurar unha verdadeira alternativa electoral unitaria coa vista posta nas próximas eleccións ao parlamento galego, e por iso temos unha inmensa responsabilidade que non podemos eludir. PODEMOS GALICIA debe estar á altura dos tempos e da ilusión que xeramos. Pero non debemos ser simples peóns ao servizo desa construción colectiva que se pretende impulsar mañá en Vigo. Creo que PODEMOS GALICIA debe participar nesa asemblea que deseñará a Gran Marea Galega, pero estou profundamente preocupado pola forma en que se artelle ese proceso. Non me gusta a composición da xestora nin a fórmula escolleita polos impulsores da Marea Constituínte para artellar esa candidatura unitaria. Opino que se non desexamos ser iguais ás demais organizacións e partidos existentes debemos conseguir que esa futura Marea Galega se basee no radicalismo democrático, na participación activa da xente, na transparencia. A Marea Galega Unitaria debe trasladar o debate á rúa, á opinión pública. Un debate vivo, aberto, flexible, activo e agrupado. A Marea Galega, aínda que chegase a converterse nun partido instrumental, debe constituír un cúmulo de individualidades cuxos elementos unificadores sexan os principios, os intereses colectivos e os obxectivos de acción. Estes elementos deben actuar como unha estrutura que encadee e coordine as individualidades sen absorbelas. Porén PODEMOS debe preservar a súa identidade.

 

A aposta fundamental para Galicia non é o emprego, a vivenda, a saúde, a educación, a economía, os recursos naturais ou unha morea doutros asuntos, senón a nosa capacidade para construírmos unha organización cidadá, horizontal e unitaria que sexa quen de prover solucións, catapultando a aquelas persoas máis capaces e honestas da clase traballadora e os sectores populares, cara as institucións para que desde alí poidan defender os intereses da maioría social. A aposta fundamental debe ser a intelixencia colectiva e a unidade de acción. No caso de que non se consiga unha verdadeira unidade de acción do conxunto de forzas transformadoras, unha auténtica candidatura de unidade popular, estariamos perante un escenario de debilidade e mesmo de posible fractura de PODEMOS. E iso sería un desastre para todas e todos. Sexamos responsables. Participemos activamente na asemblea que se celebrará mañá en Vigo.

 

Da asemblea de hoxe debemos saír máis unidas que nunca. As bases de PODEMOS GALICIA, debemos participar activamente na construción dunha Gran Marea Galega. Porén a nova Marea debe converterse nunha verdadeira candidatura de unidade popular incorporando decididamente á cidadanía da pé e outros actores políticos e sociais que actualmente non están participando na toma de decisións pero que se senten representados e identificados con ese espazo político. Ademais estimo que aínda que se poida aproveitar como base para o debate, o traballo feito durante estes últimos meses por ducias de Mareas ao redor do proceso Mareas en Común, con todo PODEMOS debería aspirar a alcanzar un maior protagonismo e peso tanto nos órganos de decisión desa confluencia como no resto de cuestións nas que non deberiamos tolerar converternos nun simple apéndice máis desa construción. Debemos ser o principal motor desa candidatura unitaria de unidade popular, a locomotora que impulse o proceso e impida a aparición de dinámicas tribais e as guerras internas tan habituais nas organizacións nacionalistas. PODEMOS ten un gran capital humano.

A nosa organización é moi plural e diversa como a propia sociedade galega. O noso cerebro colectivo de activistas, militantes e simpatizantes debe ser quen de pensar a razón coa intelixencia do corazón. Debemos desactivar os focos de tensión/confrontación que están xurdindo nos últimos tempos en PODEMOS GALICIA e poñer todas os nosos folgos e as nosas enerxías en poñer en práctica a filosofía e a metodoloxía xenuína fundacional de PODEMOS. Debemos poñer a organización a traballar como ferramenta no seo da sociedade civil. Espero que as diferentes sensibilidades de PODEMOS, non favorezan unha fragmentación que converta a política futura nunha 'tribalización' ou nun mosaico de seitas dentro de PODEMOS. A xente quere que nos poñamos a traballar todas xuntas para defender á cidadanía esmagada e que non perdamos o tempo e malgastemos esforzos en guerras orgánicas interminables. Niso eu non vou participar. Construamos xuntas PODEMOS GALICIA e axudemos a fortalecer unha verdadeira alternativa unitaria que sexa algo máis que unha alianza deseñada desde diferentes cúpulas partidarias. Participemos nunha Marea Galega verdadeiramente unitaria, democrática e popular.

 

UNIDAS PODEMOS CONTRUIR UNHA GRAN MAREA GALEGA! UNIDAS VENCEREMOS AO PARTIDO POPULAR! Compostela, 29 de xullo de 2016