Carmela Silva e os nazis

4 de April del 2015

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2015/04/01/carmela-silva-os-nazis/0003_201504V1C12993.htm

O nazismo é o movemento político e social do Terceiro Reich alemán de carácter panxermanista, fascista e antisemita. O termo nazi aplícase á persoa que é partidaria do nazismo: a actitude dos nazis adoita ser intolerante e racista. Vén a conto este pequeno apunte sobre o nazismo porque a tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, arremeteu na súa conta de Twitter contra a veciñanza que se opuxo á redonda de Coia e chamoulles, sen cortarse un pelo, nazis. A polémica sobre o barco Bernardo Alfageme e a súa colocación na redonda de Coia, na avenida de Castelao, xorde cando os veciños e veciñas protestaron de xeito enérxico contra o uso de diñeiro público para colocar ese barco nunha redonda do barrio obreiro de Coia, cun custo que se estima moi superior aos cinco centos mil euros. A veciñanza de Coia considerou un despropósito gastar esa cantidade nesa praza cando existe pobreza, desemprego e precariedade e no canto de investir devandita cantidade nun proxecto que considera innecesario, propoñían empregar eses cartos en fins sociais, como investimentos que creen postos de traballo ou levando adiante políticas de xustiza social e en apoio a todas as familias que se atopan desprotexidas. Xa que logo non parece que os veciños e veciñas de Coia que protestaban teñan nada que ver cos nazis. Porén si que tiveron que sufrir a represión do Concello, con intervencións pouco afortunadas da policía local xunto co grupo especial GOA (Grupo Operativo de Apoio) que mostraron, nalgunha ocasión, presuntos episodios de intimidación como empurróns e provocacións.