Candidatura galega: A Message to Garcia

20 de September del 2015

A Message to Garcia é un libro ensaístico escrito por Elbert Green Hubbard en 1899. Elbert Hubbard foi un escritor, editor, artista e filósofo estadounidense. Foi un expoñente do movemento Arts and Crafts. Nesta obra, relata concisamente a historia do militar estadounidense Rowan, ao que o presidente dos Estados Unidos encárgalle entregar unha mensaxe ao dirixente das tropas insurrectas e as milicias rebeldes, ocultas na serra cubana, no curso da Guerra hispano-estadounidense a finais do século XIX.

Hubbard destaca o feito de que Rowan recolle a mensaxe e consegue entregalo malia que ninguén lle facilitou información ningunha nin medios para atopar a García, para o que Rowan percorre a pé a illa de Cuba de costa a costa. Ante isto, Hubbard propón por medio doutros exemplos, que a aplicación para cumprir de contado coa tarefa encomendada, sen reticencias nin vacilacións, é o principal valor para conseguir o éxito, sobre todo no traballo, aínda máis que o talento ou a erudición. Conclúe sostendo que o mundo necesita «moitos Rowan» e que existen pendentes por entregar moitas «mensaxes a García», en aplicación da máxima «facer ben o que se ten que facer».

E refírome a esta obra porque a política galega vive momentos trascendentais que precisan da aplicación desta filosofía da «Mensaxe a García», é dicer, precisamos do compromiso e da vontade de executar a tarefa de alcanzar a unidade e a confluencia dos actores fundamentais, Marea Galega e Iniciativa pola Unión, nunha única candidatura cidadá de unidade popular.

Hai grandes expectativas ao redor desa necesidade de coincidencia e unidade para lograr un grupo parlamentario propio en Madrid. Á marxe das diferenzas que poidan existir, deixando de lado matices e pequenas discrepancias debemos poñernos de acordo os distintos actores políticos e sociais galegos para alcanzar esa candidatura unitaria que recolla as aspiracións da maioría social e aglutine a toda a esquerda e o nacionalismo nunha lista baseada na cooperación política e o ben común.

Non caben escusas. Os matices, tonalidades e gamas que tinguen de colorido a realidade galega deben xerar unha candidatura «arco da vella» moi plural e composta por xentes diversas provenientes dos movementos sociais, políticos, sindicais e culturais, chamados a seguir falando, comprendéndose e aceptándose.

A «Mensaxe a García» debe chegar ao seu destino e ese destino é alcanzar o arelado grupo parlamentario galego propio nas cortes españolas.