Asasinato machista e xornalismo amarelo

12 de September del 2015

Os medios de comunicación de masas deberían actuar como transmisores de mensaxes cara o cidadán da pé. A súa función principal debería ser informar, alimentar de noticias, análises, opinións e entretemento ao corpo social. Con todo a maioría deles actúan como transmisores de mensaxes impregnadas de ideoloxía, valores e códigos de comportamento que propiciarán que os individuos se moldeen e adapten aos propósitos e intereses de determinados sectores dominantes.

Todo iso vese reflectido no control exercido por determinadas corporacións e macroempresas de comunicación, que procuran o maior poderío sobre a cidadanía, que é cegada e distraída do esencial e conducida cara a argumentacións equívocas, desfiguradas ou disfrazadas. A manipulación mediática xorde do interese dos grupos dominantes por conformar unha conciencia colectiva ou pensamento social hexemónico.

E refírome a esta cuestión porque hai uns días lía en diversos xornais o relato dos feitos que rodearon o cruel asasinato machista que se produciu recentemente en Vigo. Nalgúns xornais puiden ler revelacións e datos de dubidoso interese xornalístico e escasa relevancia informativa e que daban un toque de morbosidade a tan tráxico suceso.

Nunha das crónicas facíase referencia, por exemplo, á muller asasinada. Que se exercía á prostitución, que se existía unha gran diferenza de idade entre o asasino e a vítima, que se os pais do homicida pedíronlle en numerosas ocasións que deixase a relación, que se a avoa do criminal díxolle que esa relación ía acabar mal, que se a muller era unha inmigrante brasileira, que se o asasino tiña dous empregos...

Eses xornalistas irresponsábeis semella que pretendía dar a entender que no fondo as cousas acabaron así porque a muller alterou a existencia deste mozo e envolveuno nunha espiral de fascinación, obsesión e celos que conduciu ao fatal resultado. Porén a realidade é outra. A violencia machista, que exerceu ese bárbaro ao golpear e patear a esta muller até a morte, é algo intrínseco á estrutura da propia sociedade patriarcal.

A violencia no ámbito doméstico sucede porque a sociedade ensina que a violencia é algo tolerábel. A aceptación xeral da violencia como un método de resolución de conflitos, unida á desigualdade estrutural dentro da familia e da comunidade, serían algunhas das causas da violencia machista. A sociedade patriarcal alberga un modelo de «familia patriarcal», onde o pai é o núcleo da unidade familiar e o símbolo da autoridade no fogar.

O obxectivo da violencia machista é perpetuar a orde machista e patriarcal, tanto no ámbito familiar como no social. A ideoloxía machista contamina toda a estrutura da colectividade e baséase na desigualdade e nas relacións de dominio que subordinan á muller aos desexos do home. A violencia machista existe como parte desta estrutura patriarcal e é un comportamento intencional utilizado para establecer e manter o poder e o control sobre as mulleres.

Non señores xornalistas! Non falen das cuestións tanxenciais deste crime que o único que fan é enredar e ocultar a raíz do problema. A clave non está nos datos accesorios senón no miolo das motivacións que envolveron a acción violenta deste asasino. Un home machista e violento que pretendía dominar e dobregar a vontade desta muller que só quería ser libre e decidir por si mesma con quen desexaba estar.